DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segundo o UI GreenMetric World University Ranking, que a sitúa como a 262 do mundo

A UVigo confírmase como a sexta universidade española en desenvolvemento de políticas e programas ambientais e sustentabilidade

A clasificación, na que a UVigo subiu cinco postos, inclúe máis de 1700 institucións de 105 países

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Medio Ambiente
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 08/01/2026

A Universidade de Vigo sitúase como a sexta institución académica de educación superior de España no desenvolvemento e implantación de políticas e programas respectuosos co ambiente e a sustentabilidade, segundo o UI GreenMetric World University Ranking 2025. A clasificación elaborada desde hai 15 anos pola Universidade de Indonesia, e na que participaron o pasado ano 1745 institucións de 105 países, confirma á UVigo no posto 262 do mundo, cunha puntuación de 7875, que lle permitiu ascender cinco postos respecto do ránking de 2024. Como “un recoñecemento do compromiso que esta institución ten desde hai moitos anos coa protección do medio ambiente e cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible”, valora a clasificación acadada no GreenMetric World University Ranking o vicerreitor de Planificación e Sostenibilidade, Félix Quintero, que destaca ademais "o laborioso traballo de recompilación de evidencias para participar na clasificación realizado pola Unidade de Análises e Programas, coordinada por David Basalo e coa participación de Mónica Zas. O seu traballo foi fundamental para que a UVigo acadara este destacado posicionamento”, explica.

A clasificación, impulsada pola Universidade de Indonesia, avalía un total de seis indicadores: contorna e infraestruturas (15%), enerxía e cambio climático (21%), residuos (18%), auga (10%), transporte (18%) e educación (18%), co obxectivo de reflectir os esforzos realizados polas universidades no desenvolvemento e implantación de políticas e programas respectuosos co medio ambiente e a sustentabilidade. Nesta edición do ránking que inclúe máis de 1700 institucións académicas de 150 países, a Wageningen University & Research dos Países Baixos situouse á cabeza da clasificación, seguida do University College de Cork (Irlanda) e da Nottingham Trent University (Reino Unido). 

Xestión de residuos e eficiencia enerxética

A UVigo, sexta na clasificación de universidades de España, por detrás das de Granada, Complutense de Madrid, Autónoma de Barcelona, Politécnica de Valencia e Salamanca, acadou unha puntuación total de 7875, que inclúe os seis criterios empregados polo ránking. “Un bo posicionamento é importante, fundamentalmente, porque evidencia que na UVigo seguimos a avanzar na sostibilidade e o coidado do medio ambiente, así como unha visión responsable do futuro, unha idea da universidade que queremos ser e dos valores que queremos representar”, explica Félix Quintero, que sinala que esta tamén é a visión “coa que queremos atraer novos estudantes, así como persoal investigador e de administración, ademais de que facilita acadar financiamento para novas infraestruturas e para proxectos de investigación e innovación sostible que desenvolvan solucións para os desafíos ambientais actuais”.

É no apartado de xestión de residuos, referido a programas e tratamentos dos restos, no que a UVigo acada a mellor puntuación (1800); seguido de eficiencia enerxética (1525), que avalía o incremento do uso de equipamentos de baixo consumo e desenvolvemento de enerxías renovables. Sobre o resultado acadado no apartado de xestión de residuos, o vicerreitor de Planificación e Sostibilidade asegura que “este excelente dato non foi unha sorpresa porque é o mesmo que o que tivemos na edición de 2024. Unha xestión que realiza desde hai máis de 25 anos a Oficina de Medio Ambiente (OMA), actualmente dirixida por Delfina Couce, que xunto o excelente traballo que Sergio Ramos fai desde hai anos, coordina a recollida selectiva de residuos para a súa reciclaxe, a xestión de residuos dos laboratorios e a recollida de residuos perigosos, ademais de ocuparse do coidado de zonas verdes, organización de actividades de educación e sensibilización ambiental e da correcta xestión da auga, puntos nos que tamén acadamos moi boa puntuación”.

Sobre os 1525 puntos de 2100 posibles acadados no apartado de eficiencia enerxética, Quintero considera que esta boa puntuación responde ao forte investimento realizado en enerxías renovables: 1,7 MW de potencia fotovoltaica instalada en 24 edificios dos tres campus, co que xa se cubre o 17% do consumo eléctrico total, cun aforro duns 300.000 euros anuais. “Ademais, dispoñemos de tres instalacións de biomasa cunha potencia total de 2,2 MW; oito instalacións de xeotermia de moi baixa temperatura cunha potencia total de 1,5 MW, e outras oito instalacións solares térmicas cunha potencia de 255 kW”, detalla o vicerreitor, que lembra que todas estas instalacións contribuíron ademais a reducir as emisións de 23.338 toneladas de CO₂ equivalentes no ano 2008, a 14.652 toneladas no ano 2024, un 37% menos. “En resumo, a boa puntuación que acadamos neste apartado foi o resultado de máis de 10 anos mellorando as nosas instalacións e infraestruturas, grazas ao excelente traballo da Área de Obras, Instalacións e Infraestruturas dirixida por Héctor Álvarez, apoiado pola Unidade Técnica.

Mobilidade e outros criterios de avaliación

En relación coa política de transporte para limitar o número de vehículos privados e peóns, a UVigo suma no UI GreenMetric World University Ranking 1350 puntos; mentres que en educación e investigación (cursos, investigacións, publicacións e informes relacionados coa sostibilidade e o medio ambiente) acadou 1212. “ No apartado de mobilidade, os avaliadores tiveron en conta os 17 puntos de recarga para vehículos eléctricos que temos repartidos nos tres campus, cunha potencia total de 689 kW. Outra actuación valorada foi a mellora na mobilidade que suporá a posta en marcha este ano 2026, en colaboración co Centro Tecnolóxico da Automoción de Galicia (CTAG), dun vehículo eléctrico autónomo e conectado que facilitará o desprazamento das persoas dentro do campus das Lagoas Marcosende en Vigo, unha actuación impulsada pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) da Xunta de Galicia.

Ademais en contorna e infraestruturas, un criterio que analiza os espazos verdes e protección do ambiente, así como o orzamento para o desenvolvemento sostible do campus, a UVigo sumou 1075 puntos e en redución o uso de augas subterráneas e reforzo de programas de conservación e protección do hábitat, acadou 921,5.