DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Cunha convocatoria de Proxectos de Innovación Educativa en ApS

A UVigo continúa coa súa aposta pola metodoloxía Aprendizaxe-Servizo

Un curso sobre esta metodoloxía axudará ao profesorado a elaborar as propostas

Tags
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Divulgación
  • Académica
DUVI 24/03/2021

A Aprendizaxe-Servizo é una metodoloxía educativa que consiste en que o alumnado aprenda ao tempo que realiza un servizo á comunidade. Deste xeito, adquiren tanto as competencias técnicas da titulación que cursan como habilidades xenéricas que teñen que ver co compromiso ético, a responsabilidade social ou traballo en equipo. Esta metodoloxía, que trata de impulsar unha educación superior integral, comprometida coas necesidades da contorna e dirixida á consecución dos ODS da Axenda 2030, está cada vez máis estendida entre as universidades españolas e a Universidade de Vigo non é allea a esta corrente. O persoal docente está cada vez máis comprometido con este método pedagóxico avalado por diversos estudos que reflicten que contribúe a reducir o nesgo academicista dos plans de estudo, aumentando as relacións entre a teoría e a práctica e permitindo aos estudantes adquirir competencias transversais.

Para consolidar a aposta da UVigo por este tipo de formación, as vicerreitorías de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación e de Organización Académica e Profesorado traballan da man a través das áreas de Responsabilidade Social e Cooperación e de Innovación Educativa. O obxectivo é institucionalizar esta metodoloxía de aprendizaxe na UVigo, que xa se vén empregado dende hai varios anos e para iso vanse poñer en marcha dúas accións. Por unha banda, lanzarase unha Convocatoria de Proxectos de Innovación Educativa en Aprendizaxe-Servizo (ApS) e impartirase un curso para axudar ao profesorado a elaborar a proposta. Paralelamente tamén se están a organizar unhas xornadas formativas.
Con estas propostas trátase de manter o compromiso ético e social da UVigo e o seu protagonismo como axente de cambio social a través da transferencia do coñecemento e de fomentar as sinerxías entre os diferentes centros e facultades arredor de proxectos ApS, impulsando a creación de grupos de traballo multidisciplinares e potenciando a participación da Universidade en redes académicas e científicas de ApS a nivel europeo.

O prazo de inscrición no curso, aberto ata o 5 de abril

O curso, cuxo prazo de inscrición está aberto ata o día 5 de abril, desenvolverase entre os días 19 de abril e 9 de maio e consta de módulos en liña deseñados pola Área de Innovación Educativa e titorizados polo profesor da USC Alexandre Sotelino, membro do Grupo de Investigación  Esculca que está especializado na Aprendizaxe-Servizo.

O curso complementarase coa celebración dunhas xornadas abertas que se desenvolverán a través de Campus Remoto os días 22 e 26 de abril nas que participantes de proxectos presentados á primeira convocatoria de proxecto ApS na UVigo relatarán a súa experiencia. O día 22 participará nas xornadas Pilar Aramburuzabala, profesora da Universidade Autónoma de Madrid e investigadora de referencia no eido da Metodoloxía e Servizo e coordinadora da Rede de Madrid para a Promoción da Servicio-Aprendizaxe e  presidenta do Observatorio Europeo de Aprendizaxe-Servicio en Educación Superior. A asistencia a estas xornadas forma parte do curso para as persoas matriculadas, pero de é acceso libre para todas e todos os interesados en coñecer esta metodoloxía. 

Paralelamente, acábase de publicar a convocatoria de proxectos ApS cuxo prazo de presentación de solicitudes está aberta ate o día 20 de maio. Deste xeito, as persoas que participen no curso  terán tempo abondo para deseñar e presentar as súas propostas unha vez concluída a formación.