DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O reitor vigués mantivo un encontro institucional co embaixador de Xapón en España

A UVigo, un destino interesante para o estudantado xaponés 

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Visitas
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 29/07/2021

Hiramatsu Kenji chegou hai 40 anos a Santiago de Compostela para estudar español. Daquela, o actual embaixador de Xapón en España, tivera ocasión de achegarse a distintos puntos da xeografía galega, entre eles Vigo, pero entón non puido coñecer unha universidade que entón comezaba a agromar. Transcorridas catro décadas, Hiramatsu achegouse onte por vez primeira ao campus vigués, onde mantivo un encontro institucional co reitor, Manuel Reigosa, no que ambos aproveitaron para estreitar lazos entre as institucións ás que representan.

“Creo que as universidades galegas poden ser un destino interesante para o alumnado xaponés e creo, tamén, que hai moita similitude entre os xaponeses e os galegos no xeito de pensar, no xeito de se comportar, paréceme que é moi parecido”, asegurou o embaixador do Xapón, que amosou no seu encontro con Reigosa a súa disposición a promover que máis estudantes xaponeses veñan a Vigo e a outras cidades de Galicia. 

No seu encontro, Hiramatsu e Reigosa lembraron a xornada comercial que para fomentar as relacións empresariais entre España e Xapón se celebrou hai uns meses na Facultade de Ciencias Económicas e Empresarias do campus vigués e que o embaixador xaponés axudou a organizar. “É un gran pracer recibilo e poder agradecerlle a súa colaboración na xornada celebrada na FCEE que resultou un éxito”, dixo o reitor, que destacou ademais que “neste mundo actual, globalizado, é moi importante ter socios en distintos países e entre España e Xapón hai moi boas relacións e cómpre aproveitalas tamén a nivel universitario e económico”, dixo Reigosa.