DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A UVigo escala no QS World University Rankings 2026 e sitúase na franxa 851-900 das mellores universidades do mundo

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Calidade
  • HR
  • Reitor
  • Institucional
M. Del Río DUVI 19/06/2025

A Universidade de Vigo segue a mellorar o seu posicionamento nos ránkings internacionais. A publicación este xoves do QS World University Ranking 2026 sitúa a Universidade olívica na franxa 851-900 das mellores universidades do mundo, subindo así un chanzo respecto da anterior edición, na que estaba no bloque 901-950.

Esta é a vixésimo segunda edición desta clasificación universitaria, a máis consultada do mundo, elaborada pola firma de análise global de educación superior QS Quacquarelli Symonds. Nela, a UVigo mellora tamén na clasificación nacional, xa que escala ao posto 24 das mellores universidades de España, un chanzo arriba respecto da edición anterior. 

O QS World University Rankings 2026 avalía 1501 institucións de 106 países, incluíndo 38 en España. Do total de universidades españolas clasificadas, 13 suben, entre elas a UVigo, 15 baixan e 7 mantéñense estables dentro do seu rango. Un ano máis, a listaxe está liderada polo MIT.

Os mellores resultados da UVigo, en internacionalización e sostibilidade

O QS World University Rankings baséase nun índice ponderado de indicadores artellados arredor de cinco bloques: os relacionados coa investigación supoñen un 50% da puntuación; a empregabilidade outro 20%; o compromiso global, 15%;  a experiencia de aprendizaxe un 10%; e sustentabilidade un 5%. Os mellores resultados da UVigo nesta edición están relacionados coa internacionalización da I+D e coa sostibilidade. 

Así, no que se refire á investigación, a UVigo acada unha puntuación de 32.5 en citacións por facultade e 14 en reputación académica. No eido da docencia, a puntuación é de 15.4. mentres que en empregabilidade acada un 9.1 atendendo á reputación do empregador e un 5.1 en resultados laborais. No campo do compromiso social avalíanse varios aspectos, acadando 11.4 puntos en proporción de estudantes internacionales; 81.5 no que se refire ás redes internacionais de investigación; 4.5 en proporción de docentes internacionais e 8.7 en diversidade de estudantes internacionais. No eido da sostibilidade a UVigo acada unha das mellores puntuacións, 72.7.

O MIT lidera a clasificación un ano máis

A clasificación mundial do QS World University Rankings 2026  está liderada, un ano máis, polo Instituto Tecnolóxico de Massachusetts (MIT). O Imperial College de Londres mantense no segundo lugar e a Universidade de Stanford sube tres postos, ata acadar o terceiro lugar. As universidades de Oxford e Harvard baixan un posto, ocupando o cuarto e quinto lugar, respectivamente.

Ademais de EEUU e Reino Unido, entre as dez primeiras universidades do mundo tamén aparecen institución de Suiza e Singapur, coa ETH de Zúrich (Instituto Federal Suízo de Tecnoloxía) e a Universidade Nacional de Singapur (NUS) en sétimo e oitavo lugar. Deste xeito, non hai novas incorporacións ao top 10 mundial. A primeira universidade española que aparece na táboa é a de Barcelona, no posto 160, seguida da Autónoma de Barcelona no 172 e a Complutense de Madrid no 187.

THE Impact Ranking 2025

Esta semana tamén se deu a coñecer o THE Impact Ranking 2025, no que se avalían 2526 universidades de 130 países ou territorios segundo o seu progreso cara os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) das Nacións Unidas. A UVigo sitúase entre as 201-300 máis implicadas no seu desenvolvemento, pero destaca principalmente na consecución dos ODS 5 e 7. 

A mellor posición é o posto 72 do mundo de acordo ao ODS 7, que busca garantir o acceso universal a unha enerxía accesible, segura, sostible e moderna para todos. Respecto do ODS 5, referido á consecución da igualdade de xénero e o empoderamento de mulleres e nenas, a UVigo acada o posto 78 do mundo. 
Esta nova clasificación publícase 10 anos despois da creación dos ODS e en medio dun escepticismo sobre o seu cumprimento para 2030, como apuntan dende Times Higher Education. Neste sentido, destacan que ante o posible estancamento das nacións en materia de desenvolvemento sostible, é cada vez máis vital que as universidades asuman o reto e continúen realizando o labor transformador que sempre realizaron.