DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A súa formación prolongouse durante seis cursos académicos no campus de Ourense

A UVigo gradúa a primeira promoción que fixo simultaneamente os graos de Turismo e Xeografía e Historia

Cinco estudantes conseguiron rematar este programa conxunto

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Estudantado
  • Estudantes
DUVI Ourense 22/06/2022

Co obxectivo de ofrecer alternativas de formación que melloren a oferta académica dispoñible, a Universidade de Vigo puxo en marcha no curso 2017/2018 a posibilidade de cursar de forma simultánea os estudos de Grao en Xeografía e Historia e de Grao en Turismo no campus de Ourense. Seis cursos académicos despois, esta semana gradúase a súa primeira promoción, formada por cinco estudantes.

O obxectivo deste programa conxunto desenvolvido nas facultades de Historia e Ciencias Empresariais e Turismo foi “proporcionar unha formación integral en relación ao coñecemento e competencias de patrimonio cultural (agrupando os coñecementos de historia, xeografía e historia da arte) xunto coa xestión empresarial e co aproveitamento turístico”. A formación xurdiu para atender, entre outras, a necesidade de especialistas dunha profesión “para a que non existía unha oferta formativa tan completa en Galicia, a de xestor ou xestora de patrimonio cultural". Cunha media de dez prazas de novo acceso cada curso académico, na actualidade están matriculadas nestes estudos un total de 35 persoas, cinco das cales remataron agora a súa formación e celebran os seus actos de graduación nos dous centros nos que estudaron durante once cuadrimestres.

Dous ámbitos complementarios

Montserrat Cruz, decana da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense, subliña que “para nós é moi importante graduar esta primeira promoción conxunta”, formada por egresadas e egresados “cunha formación na que ao turismo se lle une un complemento moi importante como é o patrimonio, algo que lle vai dar a estes estudantes unha validez profesional moi importante”. A responsable académica destaca que estas e estes titulados nos dous graos “saen ao mercado laboral con coñecementos de dous ámbitos que son completamente complementarios” e “cunha formación moitísimo máis ampla e completa que outros estudos, cunha capacidade de adaptación moi grande a distintos postos de traballo”. Neste senso, a decana lembra que turismo e patrimonio son tanto en Ourense como no conxunto de Galicia dous sectores especialmente relevantes e intimamente vinculados. Desta primeira promoción, Montserrat Cruz recalca que está formada por un “alumnado extraordinario”, do que destaca de xeito especial a “súa implicación” nos seus estudos e na vida académica.  

Do mesmo xeito, Julio Prada, decano da Faculta de Historia, pon en relevo o feito de que “este programa conxunto conseguiu unir dúas titulacións que claramente se complementan e responde a unha demanda do propio alumnado de Turismo para a adquisición dunha serie de competencias complementarias que eles botaban en falta no seu título”. Para a Facultade de Historia, engade, a posta en marcha e desenvolvemento desta iniciativa “está a ser tremendamente interesante”, pondo en valor de xeito especial o feito de que “reúne expedientes extraordinarios e o seu alumnado está no grupo do alumnado máis traballador e máis implicado que temos”. Estas e estes novos egresados, comenta o responsable académico, rematan cunha formación e unhas competencias moi complementarias, que combinan o económico e o social arredor do turismo e o patrimonio e que “lle abre profesionalmente moitas portas novas”. Igualmente, o historiador recalca a pertinencia e relevancia destes estudos tendo en conta a contorna socio-económica e a implicación que no seu desenvolvemento ten o campus de Ourense e os seus centros.

Orgullo polo traballo feito e por ser a primeira promoción

A primeira promoción do programa conxunto está formada por cinco persoas que conseguiron rematar as dúas titulacións no primeiro prazo previsto. Entre eles e eles están Laura Vázquez, Alba Méndez e Marta Vila, que esta semana celebran o seu acto de graduación cos dous centros no que estudaron durante cinco anos e medio. Laura lembra como no 2017 “escollín este grao porque a miña paixón sempre foi a historia e pensei que con Turismo abriríanseme moitas máis portas”. Facer as dúas carreiras ao mesmo tempo, subliña, “ten a súa complicación” e foron seis cursos “duros” pero o balance final que fai “é moi positivo, a min gustoume e foime ben”. Sobre a súa formación destaca que “ter as dúas titulacións pode ter moitas máis aplicacións que só unha, turismo e xeografía e historia compleméntanse moi ben”. Moi orgullosa de ter rematado, sobre o seu futuro sinala que agora o seu desexo é “coller algo de experiencia profesional e así saber onde enfocarme de cara a facer un mestrado”.

Igualmente orgullosa do traballo feito e contenta de ter escollido Ourense para estudar, por ser unha “cidade e un campus moi acolledores”, está Alba Méndez. “Foi unha experiencia moi gratificante. Somos a primeira promoción de Galicia e eu creo que de España con estas dúas titulacións e para nós é un orgullo moi grande”, sinala. Atrás queda xa, apunta, o esforzo de compaxinar horarios e as xornadas intensivas de mañá e tarde no campus. No seu caso, indica, “entrei máis por vocación cara a historia, que sempre me apaixonou, pero realmente Turismo sorprendeume e probablemente tire por esta rama e faga algún mestrado”.

Axudas para a curso 2022/2023

Para o curso 2022/2023, ofértanse 10 prazas neste PCEO Turismo e Xeografía e Historia. Para o seu alumnado e para o alumnado do Grao en Turismo, a Universidade de Vigo convocou 45 bolsas froito da colaboración entre a institución académica e a Deputación de Ourense. O orzamento destas axudas ascende a un total de 45.000 euros e a contía máxima para cada estudante seleccionado será de 900 euros. Ademais concederanse unha contía máxima de 450 euros adicionais para nove estudantes coa mellor nota de acceso no curso 2022/2023 no Grao en Turismo e para un estudante coa mellor nota de acceso no PCEO Grao en Turismo-Grao en Xeografía e Historia. Esta axuda é compatible con calquera outra axuda, e, en concreto, coa bolsa de carácter xeral para o curso académico 2022/2023 do Ministerio de Educación e Formación Profesional.