DUVI

Diario da Universidade de Vigo

24 PDI e 11 PAS que remataron a súa vida profesional no 2023

A UVigo homenaxea a 35 traballadores e traballadoras xubilados que axudaron a construír Universidade

Tags
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Premios
  • Reitor
  • Institucional
M. Del Río DUVI 04/06/2024

Tras unha longa traxectoria profesional, 24 docentes e 11 traballadores de administración e servizos acolléronse á xubilación ao longo do ano 2023. A Universidade de Vigo non quixo deixar pasar a oportunidade de agradecerlles a todos eles e elas a súa entrega e dedicación profesional e persoal e fíxoo nun acto público de recoñecemento que tivo lugar este martes do edificio Ernestina Otero. 

Rodeados polos retratos dos que foron reitores ao longo dos 34 anos de historia da institución, os xa extraballadores e extraballadoras xubilados escoitaron do reitor verbas de felicitación e agradecemento e recibiron a insignia de prata da Universidade de Vigo. “Celebramos hoxe o traballo feito durante moitos anos, un traballo pioneiro, porque estabamos nunha universidade recentemente creada que sentou os alicerces da que agora mesmo coñecemos”, salientaba o reitor, Manuel Reigosa. “A pegada que deixades”, engadía, “tanto nos servizos como na docencia, na investigación e na transferencia están aí para seguir medrando e agardo que a partir de agora sexades os mellores embaixadores e embaixadoras da nosa institución, que quere construír unha sociedade mellor, máis xusta e máis igualitaria e todo isto tería sido imposible sen o voso esforzo durante tantos anos”.

Precisamente, a intervención de Reigosa puxo o foco na importancia que teñen as universidades para o desenvolvemento económico, social e cultural das súas contornas, “porque permiten que agrome todo talento que existe no territorio”: Precisamente por todo isto, o reitor da UVigo recalcou “o grande acerto” que supuxo a segregación da USC nas tres universidades galegas actuais con campus nas sete cidades, “porque lonxe dos crecementos asimétricos que se dan cando todo se centraliza, o crecemento foi moito máis homoxéneo en Galicia”.

30 anos de compromiso, traballo e risas compartidas

Por parte das persoas homenaxeados tomou a palabra Loli Ojea, xefa do Servizo de Contabilidade, que lembrou os seus 30 anos de carreira profesional na UVigo, dende xuño de 1993 ata xuño de 2023. Recordou como chegou á UVigo procedente da empresa privada “por casualidade” persuadida polo que fora xerente Tito Viso, para presentarse “ás oposicións convocadas pola recentemente creada Universidad de Vigo”. Nestas tres décadas considera que, se algo define á institución, é a palabra cambio. Este foi o termo que escolleu cando a convidaron a participar na celebración 25 aniversario da UVigo “e mantéñoo”. Foron, detallaba, “30 anos de cambio continuo, que no servizo que me tocou dirixir foron posibles grazas a un equipo humano comprometido, con boa disposición e incluso puxo auga na piscina cando a xefa pretendía tirarse de cabeza”. A todas esas persoas trasladoulles a súa “gratitude e cariño”, en especial a Elena, “que aceptou a proposta de ser xefa de sección de Ingresos e Tesourería nun momento no que todo o mundo fuxía do servizo”, a José Antonio Mosquera, o noso informático e a Milucha, “a miña xefa cando cheguei á Universidade”. Tamén tivo palabras de agarimo para todos os equipos de Goberno, “con especial mención á Xerencia de cada un deles”, polo apoio prestado, porque “é fácil traballar se sabes que os responsables te apoian e respectan as túas opinión profesionais”. Para finalizar, desexoulles os mesmos éxitos durante outros 30 anos aos que toman a remuda, “seguro que mellorarán o que atoparon”. 

En representación do PDI estaba prevista a intervención do catedrático do Departamento de Química Inorgánica Jorge Bravo, que finalmente non puido asistir aínda que enviou un texto que foi lido polo reitor. Nel salientou que este acto serve para celebrar unha vida de dedicación, esforzo e compromiso coa educación, a investigación e a formación de novas xeracións. “Mirando cara atrás véñenme á mente innumerables recordos, anécdotas e momentos que marcaron a nosa traxectoria profesional e persoal”, porque “para moitos dos nós, esta institución non foi só un lugar de traballo, senón tamén o noso segundo fogar, aquí atopamos un espazo para crecer, para innovar e para compartir coñecementos e ver como os nosos estudantes se convertían en profesionais e como nós mesmos crecíamos en cada nova experiencia e desafío”. A todos os “colegas, persoas comprometidas co seu labor e cun grande espírito de colaboración”, trasladou as súas grazas polo “apoio, as risas compartidas e polas leccións aprendidas”. Pero tamén tivo palabras para o estudantado, “a nosa razón de ser, ver a súa evolución e os seus logros é sen dúbida a maior recompensa que podemos levarnos”. Finalmente, ás compañeiras e compañeiros xubilados lembroulles que esta é “unha nova etapa nas nosas vidas, que lonxe de significar o final, abre un abano de novas oportunidades” e desexoulles que este momento de xubilación “sexa o inicio de novos proxectos e sobre todo dunha merecida tranquilidade”.