800 escolares participaron este venres nos talleres dun proxecto financiado pola Fecyt
A UVigo leva a conmemoración do Día Internacional das Matemáticas a 14 colexios de Vigo e Pontevedra
As actividades correron a cargo de preto de 90 estudantes do Grao en Educación Primaria
Na xornada na que se conmemora o Día Internacional das Matemáticas, 800 estudantes de 14 colexios de Pontevedra e Vigo achegáronse ás aplicacións desta ciencia na astronomía ou na arte, a través dos talleres impartidos de xeito simultáneo por preto de 90 estudantes da Facultade de Ciencias da Educación e do Deportes. Tratábase dunhas actividades inseridas na quinta edición do proxecto de divulgación 'Te lo cuentan las matemáticas', que o grupo de innovación docente MaReMa desenvolve co financiamento da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT) – Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades e do Consello Social da UVigo.
Inseridos nun proxecto dirixido a amosar a utilidade social e tecnolóxica desta ciencia ao alumnado do último ciclo de primaria, tratábase da primeira vez no que estes talleres se levaban a cabo coincidindo coa conmemoración do Día das Matemáticas. No marco dun proxecto que abrangue tres bloques de actividades para o alumnado de quinto de primaria e outros tres para o de sexto, os talleres 'Te lo cuenta una astrónoma' y 'Te lo cuenta una artista', impartidos nesta xornada polo estudantado do Grao en Educación Primaria, tiñan como eixes “a xeometría e os movementos”, como explica Marta Pérez, coordinadora do grupo MaReMa (Materiais e Recursos para as Matemáticas). Concretamente, estas actividades levaron ao alumnado a traballar nun teselado a través “do método de Escher, que lles permite comprender o que son os movementos, as simetrías, as translacións ou os xiros”; e achegarse ás cónicas e, nomeadamente, “a circunferencia e a elipse, a través do método do xardineiro, que emprega fíos e cordas”, así como a experimentar “como foi o descubrimento por parte dos antigos astrónomos do movemento dos planetas arredor do sol”, explica Pérez.
Con este mesmos eixes temáticos, estes talleres de carácter manipulativo veranse complementados a vindeira semana por outros de tipo tecnolóxico, que levarán ao alumnado a crear gifs e a abordar a posta en órbita de satélites. Ademais, os bloques propostos para cada trimestre complétanse cos Encontros Inspiradores, que se levan a cabo en Ciencias da Educación e do Deporte e que buscan achegar ao alumnado tanto a traxectoria de investigadoras e investigadores novos como de científicas de referencia neste campo.
A aula hospitalaria de Santiago súmase ao proxecto
Dirixido a que o alumnado comprenda conceptos matemáticos axudándose de experiencias concretas, na quinta edición de 'Te lo cuentan las matemáticas' participan os colexios pontevedreses San Martiño, Xunqueira II e Froebel; os CEIP vigueses Paraixal, Vicente Risco, Eduardo Pondal, García Barbón, Santa Mariña, Balaídos, Alfonso Rodríguez Castelao, Virxe do Rocío e Chans de Bembrive, así como os CPR Andersen Augalonga e Colexio Alba, tamén de Vigo. Ademais destes 14 centros, ao proxecto vén de incorporarse a Aula Hospitalaria do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela, que a vindeira semana acollerá por primeira vez un dos talleres desta iniciativa.
Con ese mesmo obxectivo de pór de relevo a utilidade social das matemáticas, catro das investigadoras participantes no proxecto, Raquel Meaños, Beatriz Álvarez, Isabel Borrajo e a Pérez impartirán este sábado unha serie de talleres na asociación de altas capacidades de Vigo Inventiva, dirixidos tanto a mozos e mozas como ás súas familias.
'Te lo cuentan las matemáticas', que o vindeiro curso académico alcanzará a súa sexta edición, complétase á súa vez con cursos para profesorado e cos recursos e materiais que pon á disposición das e dos docentes na súa web.