Con dous cursos impartidos polos investigadores Andrea Serodio e Eduardo Méndez
A UVigo leva a súa experiencia en arqueoloxía e museoloxía a Etiopía
As accións inclúen capacitación técnica e divulgación da prehistoria etíope
Os investigadores da Universidade de Vigo Andrea Serodio Domínguez e Eduardo Méndez Quintas veñen de organizar e desenvolver nas últimas semanas dous cursos de formación en Etiopía, dúas iniciativas que buscan reforzar a conservación e divulgación do patrimonio etíope, así como axudar a integrar os seus xacementos prehistóricos na oferta turística deste país, entre eles Melka Kunture, onde recentemente se atoparon os restos máis antiguos de Homo erectus.
Ambas accións leváronse a cabo ao abeiro de dous contratos asinados entre a Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (AECID) e a propia Universidade de Vigo e forman parte das estratexias de transferencia do proxecto de investigación Melka Kunture, que lidera dende a Facultade de Historia Eduardo Méndez, membro do Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio, GEAAT, da Universidade de Vigo.
Un curso para o persoal da Autoridade do Patrimonio Etíope...
O primeiro dos cursos desenvolveuse nas instalacións da Ethiopian Heritage Authority, a Autoridade do Patrimonio Etíope, dependente do goberno etíope, e tivo como obxectivo a formación de 25 integrantes do persoal técnico desta institución. Durante tres días introduciuse ás persoas participantes nas técnicas de rexistro arqueolóxico de campo e laboratorio máis habituais na actualidade, como é o caso da uso da estación total, a fotogrametría e a integración de información topográfica e fotogramétrica nas contornas dos Sistemas de Información Xeográfica (SIX).
Así mesmo, tamén se desenvolveu un taller de dixitalización de material arqueolóxico e paleontolóxico mediante o uso de escáner 3D de escritorio. A outra parte da actividade centrouse nos museos e conservación de colección, para o que se abordaron principios básicos da xestión, documentación e conservación preventiva de coleccións museísticas, con especial atención á organización dos almacéns e ao coidado do patrimonio arqueolóxico.
… e outro para a Asociación Profesional de Guías Turísticos
O segundo curso de formación realizouse para a Asociación Profesional de Guías Turísticos de Etiopía e centrouse en actividades de divulgación do coñecemento da Prehistoria e dos sitios de Patrimonio da Humanidade da Unesco en Etiopía. Durante dous días investigadores etíopes presentáronlle a uns 40 membros da asociación de guías unha síntese actualizada do coñecemento sobre os diferentes aspectos da Prehistoria etíope. Esta actividade permitiu ampliar a formación dos guías en todos estes aspectos e facilitar a integración da visita a enclaves prehistóricos dentro da súa oferta de paquetes turísticos.
O último día reservouse para unha visita ao xacemento de Melka Kunture, un dos enclaves do Paleolítico máis importante do país, que está musealizado e conta cun museo propio. “É un dos poucos lugares de toda África que conta cunhas instalacións semellantes e que en 2024 foi recoñecido como Patrimonio Cultural da Humanidade pola Unesco”, explican os investigadores da UVigo.
Dentro das accións do Proxecto Melka Kunture
Este conxunto de xacementos ten unha recoñecida relevancia internacional, xa que nel se atopan as mostras máis antigas do Homo erectus, así como as primeiras testemuñas do desenvolvemento da tecnoloxía achelense a nivel mundial. As investigacións en Melka Kunture contan na actualidade co apoio económico de diferentes organismos: tanto nacionais, como o Ministerio de Cultura, como internacionais, como a prestixiosa Fundación Leakey.
