É a primeira destas mobilidades intensivas concedida e coordinada pola institución olívica
A UVigo lidera un Erasmus BIP sobre bilingüismo e multilingüismo dende unha perspectiva integradora
Estes programas exprés combinan unha fase presencial no estranxeiro cunha parte virtual colaborativa
A Universidade de Vigo está a desenvolver o seu primeiro Erasmus BIP, Blended Intensive Programme, unha iniciativa de mobilidade de curta duración que combina de xeito innovador unha fase presencial no estranxeiro cunha parte virtual de aprendizaxe colaborativa en liña. A primeira destas iniciativas liderada pola universidade olívica é Multilingualism: An integrative approach, programa coordinado por Dolores González, directora do Departamento de Filoloxía Inglesa, Francesa e Alemá.
Como explica a docente, estas mobilidades “teñen unha duración total de entre 5 e 30 días e inclúen métodos como a aprendizaxe por retos ou baseados en problemas, nos que equipos transnacionais traballan xuntos para abordar retos, neste caso vencellados ao multilingüismo”. Para garantir valor engadido, salienta, “deben involucrar polo menos tres institucións de educación superior de diferentes países do programa Erasmus+, contar cun mínimo de 10 e un máximo de 20 participantes e ofrecer recoñecemento académico mediante ECTS”. As universidades parceiras da UVigo neste caso son a Universidade de Leiden (Países Baixos) e a Universidade de Minho (Portugal). Este formato púxose en marcha co novo ciclo do programa Erasmus+ 2021-2027 e, aínda que a institución viguesa xa participou como socia en BIPs en anos anteriores, esta é a primeira destas mobilidades concedidas como entidade coordinadora, neste caso para afondar no coñecemento do bilingüismo e do multilingüismo desde unha perspectiva integradora, combinando a análise lingüística, cognitiva e social destes fenómenos.
Éxito de acollida da convocatoria
Os BIP constan de dúas partes, unha primeira en liña e unha segunda presencial. Precisamente este luns arrancou esta última, que durante toda a semana reúne o alumnado participante e o persoal docente no edificio Redeiras. En total son 30 estudantes, 11 da Universidade de Minho, 13 da Universidade de Leiden e 6 da UVigo. Dende a organización amósanse moi satisfeitos co éxito da convocatoria, xa que “Erasmus+ financia un número mínimo de 10 e máximo de 20 estudantes e só das universidades socias tivemos 30 solicitudes, polo que non puidemos abrilo a outras institucións socias da UVigo da rede Athena ou do propio programa Erasmus”.
Trátase principalmente de estudantes de grao e mestrado con formación en linguas, psicoloxía, educación, tradución, lingüística e áreas afíns e a participación complétase cunha estudante de doutoramento, “o que contribúe á diversidade de perfís e niveis de experiencia investigadora”. Esta pluralidade académica, recalca Dolores González, “favorece a creación dun espazo de aprendizaxe colaborativa e transversal, no que as diferentes perspectivas enriquecen o debate sobre o bilingüismo e o multilingüismo”.
O estudantado e profesorado do BIP foi recibido este luns cun acto de benvida no que participaron a vicerreitora de Internacionalización, Maribel del Pozo; a directora da ORI, Amelia Rodríguez e os membros do comité organizador coordinado pola profesora Dolores González e integrado polas docentes Yolanda Fernández Pena, Esperanza Rama e Ana Elina Martínez, ás que hai que sumar o profesor Javier Pérez Guerra, que non puideron asistir.
Unha formación que destaca “polo seu alto nivel académico”
O BIP Multilingualism: An integrative approach está deseñado para desenvolver tanto competencias conceptuais como habilidades metodolóxicas, ofrecendo formación en diferentes eidos como definicións operativas e críticas de bilingüismo e multilingüismo; avaliación da competencia lingüística en falantes bilingües e multilingües; estudo dos procesos cognitivos implicados na adquisición, xestión e uso das linguas; introdución ao deseño experimental e metodoloxía en psicolingüística, con orientación práctica para futuros proxectos de investigación; e análise das implicacións sociais, ideolóxicas e políticas do multilingüismo, incluíndo aspectos de planificación e política lingüística.
O bloque virtual desenvolveuse entre o 2 e o 6 de xuño a través da plataforma Zoom e, durante estes cinco días, o alumnado tivo a oportunidade de asistir a diversas sesións impartidas por recoñecidas investigadoras no ámbito do bilingüismo e do multilingüismo. “As intervencións ofrecidas non só achegaron unha sólida base teórica, senón que tamén promoveron a reflexión crítica arredor de cuestións sociais, estruturais e cognitivas asociadas aos contextos multilingües actuais”.
Nestas sesións, ademais do profesorado do BIP, participaron expertos doutras universidades europeas como Brechje Van Osch (Universidade de Tromsø, Noruega); Ana Rita Sá Leite (Universidade de Göttingen, Alemaña); M. Carmen Parafita Couto (Universidade de Leiden); ou Floor van den Berg (Universidade de Ámsterdam). Segundo a profesora Dolores González, “esta primeira semana do BIP destacou polo seu alto nivel académico e pola capacidade de crear un espazo internacional de diálogo e aprendizaxe, no que se puxo de manifesto a necesidade de integrar os enfoques sociais, lingüísticos e cognitivos para comprender a complexidade dos contextos multilingües contemporáneos”.
Unha semana por diante para traballar en grupos transnacionais
Na semana presencial que hoxe comeza, o alumnado traballará nos seus proxectos en grupos transnacionais da man de Montserrat Comesaña, coa que aprenderán a programar experimentos psicolingüísticos, e asistirán a un relatorio diario a cargo de expertos internacionais como Tim Laméris (Universidade de Leiden), Hans Stadthagen-Gonzalez (Benedictine College, EEUU), Henrique Monteagudo (Universidade de Santiago de Compostela) e Annie Beatty-Martínez (Universidade de California San Diego). O programa rematará cunha xornada de presentación dos proxectos do alumnado e cunha visita aos laboratorios psicolingüísticos en Braga o venres.