DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A institución académica viguesa recibiu en total 515.000 euros

A UVigo lidera tres dos cinco proxectos financiados en Galicia co Fondo Supera Covid 19 do Banco Santander

A cargo de David Posada, Lorena Vázquez-Iglesias, Jorge Pérez-Juste e Claudio Cameselle

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • Investigación
DUVI 30/11/2020

A Universidade de Vigo lidera tres dos cinco proxectos financiados en Galicia polo Fondo Supera Covid 19, promovido polo Banco Santander, a través de Santander Universidades,  en colaboración con Crue Universidades Españolas e o CSIC e que está dotado con 8,5 millóns de euros, dos que cinco se destinaron a investigación. En total a institución académica viguesa recibiu 515.000 euros, un 66% dos 770.000 euros que a entidade destinou ás tres universidades galegas e que se dirixiron a financiar eses tres proxectos de investigación liderados por persoal investigador da Universidade de Vigo, outro traballo liderado desde a Universidade de Santiago de Compostela e un quinto proxecto dirixido desde a Universidade da Coruña.

O Fondo Supera Covid 19, ao que se presentaron máis de 700 traballos procedentes de toda España, ten como principal obxectivo  apoiar proxectos impulsados polas universidades españolas e o CSIC, sobre tres eixes: investigación aplicada sobre o virus e a súa prevención, aos que se destinaron 5 millóns de euros; estudos de impacto social, dotados cun millón de euros e fortalecemento da capacidade tecnolóxica das universidades e redución da fenda dixital, eixo ao que se dirixiron 2,5 millóns. Desde a Universidade de Vigo lidéranse tres proxectos: Epicovigal, SERSforSARS e DIMCoVAR.

Epicovigal analiza a evolución e circulación do virus en Galicia

Epicovigal, liderado polo catedrático David Posada e financiado con 170.000 euros, é un traballo que ten o reto de entender a evolución e circulación do SARS-CoV-2 en Galicia a través da análise xenómica de mostras de pacientes contaxiados, co obxectivo último de contribuír á toma de decisións no eido da saúde pública na loita contra este virus.  O traballo, segundo explica o seu coordinador, consiste en obter dos hospitais galegos mostras do virus, concretamente do seu material xenético, o ARN, e secuencialo para obter o seu xenoma completo. A partir desa secuenciación realizaranse unha serie de análises informáticas, matemáticas e evolutivas que permitirán identificar que variantes do virus hai en Galicia e intentar estimar parámetros epidemiolóxicos, como a taxa de contaxio, as migracións do virus ou as súas orixes. 

SERSforSARS desenvolve un test de detección ultrasensible

No caso de SERSforSARS, liderado polos investigadores do grupo de Química Coloidal  Lorena Vázquez-Iglesias e Jorge Pérez-Juste e financiado con 110.000 euros, búscase desenvolver un test LFIA que permita a identificación ultrasensible e PoC (do inglés point of care, preto do paciente) de SARS-CoV-2. A principal vantaxe deste test é que faría posible detectar cantidades de virus máis baixas o que, á súa vez, permitiría detectalo antes. O proxecto responde á necesidade de implementar ferramentas diagnósticas novas e fiables, xa que o diagnóstico precoz é especialmente importante, non só para mellorar as posibilidades de supervivencia dos pacientes, senón tamén para garantir a seguridade da poboación.

DIMCoVAR loita contra o virus a través da análise das augas residuais

Pola súa banda, o proxecto DIMCoVAR, buscar mellorar os procesos de detección, infección e modelización de SARS-CoV-2 mediante a análise en estacións depuradoras de augas residuais e bioindicadores mariños. Dirixido polo profesor do Departamento de Enxeñaría Química Claudio Cameselle o proxecto busca demostrar como as augas residuais son tamén unha boa arma coa que loitar contra o coronavirus, xa que si se obtén unha analítica positiva do virus nas augas residuais indica que nesa zona hai casos e, por tanto, debe facerse unha busca para determinar cal é a poboación infectada. “O principal beneficio é poder detectar de forma temperá a presenza ou a ausencia do virus nunha comunidade”, subliña o coordinador.