DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A investigadora predoutoral Paula Barciela realizou unha estadía na CETYS University

Da UVigo a México para afondar no potencial de uso de bioprodutos derivados de algas en viticultura sostible

Foi unha das beneficiarias do programa Stella Junior do Grupo Compostela de Universidades

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Internacional
  • Visitas
  • Institucional
DUVI Ourense 14/01/2026

A investigadora predoutoral e docente da Universidade de Vigo Paula Barciela vén de realizar unha estadía de investigación no Centro de Estudos Vitivinícolas da CETYS University, en Baja California (México). Nela puido, seguindo unha das liñas de investigación do seu grupo, afondar no potencial do uso de bioinsumos mariños en viticultura sostible. A estadía foi posible tras ser elixida como beneficiaria do Programa Stella Junior 2025, o programa de mobilidade transoceánica e formación do Grupo Compostela de Universidades. 

As bolsas desta iniciativa ofrécenlle ás persoas beneficiarias a oportunidade de realizar mobilidade profesional, entrar en contacto con outras culturas e aumentar as súas competencias lingüísticas e profesionais. “Trátase dunha estancia de prestixio, orientada a fomentar a cooperación internacional e ao desenvolvemento de proxectos conxuntos e só se conceden a 12 persoas”, comenta Paula Barciela, membro do grupo de investigación NuFoG, adscrito ao Instituto de Agroecoloxía e Alimentación (IAA) e ao Campus da Auga, o proxecto de especialización do campus de Ourense acreditado pola Xunta de Galicia.

A participación neste programa levou a esta investigadora a México a principios de novembro, unha experiencia que, indica, “supuxo un enriquecemento persoal e profesional moi significativo”. “Desde o primeiro día sentinme integrada, acompañada e valorada, tanto no ámbito académico como na vida cotiá. Estou sinceramente agradecida pola xenerosidade, a confianza e a profesionalidade coa que fun recibida, así como pola oportunidade de participar nunha contorna de traballo tan estimulante”, sinala. Durante a estancia, detalla, “xeráronse sinerxías de gran proxección e definíronse novas liñas de investigación e proxectos colaborativos destinados a fortalecer esta alianza a longo prazo”.

Colaboración en investigación 

O traballo en México de Paula Barciela centrouse na aplicación de bioprodutos derivados de algas na viticultura sostible e na análise comparativa de prácticas agrícolas adaptadas a condicións de estrés climático en rexións áridas. A análise agroclimática, a caracterización de sistemas produtivos e a avaliación de bioinsumos (produtos de orixe natural que se empregan en agricultura para mellorar a saúde do solo, nutrir plantas e controlar pragas de forma sostible, reducindo o uso de produtos químicos) centraron o seu traballo.

Durante a súa estadía, a investigadora da UVigo levou a cabo un percorrido técnico polos principais vales vitivinícolas de Baja California (Guadalupe, Santo Tomás, Ojos Negros, San Vicente e La Grulla) co obxectivo de coñecer de primeira man as realidades do sector, identificar as súas necesidades e caracterizar os factores edafoclimáticos e as estratexias de manexo hídrico empregadas polos produtores locais. Ademais, visitou bodegas de referencia para observar os seus procesos de produción e adaptación ao terroir único da rexión. Esta etapa permitiulle recompilar información sobre diversidade varietal, tipos de solo, balance hídrico e uso de tecnoloxías de cultivo sostible, datos que servirán de base para o desenvolvemento de modelos comparativos con zonas vitícolas atlánticas galegas. Igualmente, visitou a Universidad Autónoma de Baja California e o seu campus en Valle de Guadalupe, onde compartiu experiencias con persoal investigador e docente, intercambiando perspectivas sobre innovación, investigación e docencia e establecendo conexións académicas “que fortalecerán futuras colaboracións entre ambas as institucións”.

A segunda etapa da estadía centrouse na avaliación biotecnolóxica de insumos algais, en colaboración con Algas Pacific, empresa mexicana pioneira en biotecnoloxía aplicada á agricultura rexenerativa. Nas súas instalacións, a investigadora da UVigo analizou os procesos de extracción e formulación de bioestimulantes e antifúnxicos naturais obtidos a partir de macroalgas locais, como o kelp. “Estes resultados preliminares permitiron establecer un protocolo experimental reproducible para o estudo de extractos algais en sistemas vitivinícolas europeos, abrindo a porta a futuras liñas de colaboración científica entre a CETYS University e a Universidade de Vigo en biotecnoloxía vexetal e sostibilidade agrícola”, sinala Paula Barciela. Por último, a investigadora asistiu ao Simposio Internacional sobre Innovación y Sostenibilidad en Viticultura, celebrado en Ensenada. “O encontro reuniu especialistas de México, Estados Unidos e América Latina, consolidando unha rede de colaboración interdisciplinaria no ámbito da biotecnoloxía aplicada á vitivinicultura”, afirmou.

A participación neste programa, comenta por último Paula Barciela, representa un logro individual que tamén contribúe á proxección internacional da Universidade, reforzando o compromiso desta institucón coa internacionalización da investigación e a cooperación académica entre Europa e América Latina, así como coa transferencia de coñecemento en áreas estratéxicas como a biotecnoloxía vexetal, a viticultura sostible e a adaptación climática de cultivos. A oportunidade, subliña, é ademais froito do apoio dos seus directores de tese e do traballo colectivo desenvolvido no seo do grupo de investigación NuFoG.