Fernando Aguado forma parte dunha investigación publicada en Nature Astronomy
A UVigo participa no descubrimento dunha gran fusión que marcou a infancia da Vía Láctea
O estudo identifica os restos dunha galaxia absorbida hai 12.000 millóns de anos
Unha investigación internacional na que participa o catedrático Fernando Aguado, investigador do centro de investigación atlanTTic da Universidade de Vigo, achega novas evidencias sobre unha das primeiras grandes fusións que contribuíron á formación da Vía Láctea. O traballo, liderado por Davide Massari, do INAF–Observatorio de Astrofísica e Ciencia do Espazo de Boloña, e publicado na revista Nature Astronomy baixo o título Evidence of a massive accretion event 1.8 billion years before the Gaia-Sausage-Enceladus merger, identifica os restos dunha antiga galaxia anana que foi absorbida pola nosa galaxia hai aproximadamente 12.000 millóns de anos.
O achado permite levar 1800 millóns de anos máis atrás a historia coñecida das grandes fusións da Vía Láctea. O equipo bautizou este antigo sistema como Low-energy-Kraken-Heracles (LKH) e estima que contaba cunha masa estelar próxima aos 500 millóns de masas solares. Os seus restos concéntranse actualmente nas rexións interiores da nosa galaxia.
Para chegar a esta conclusión, o equipo estudou 39 cúmulos globulares mediante observacións de alta precisión realizadas co telescopio espacial Hubble, combinadas cos datos astrométricos proporcionados pola misión Gaia. Estes cúmulos conteñen algunhas das estrelas máis antigas da Vía Láctea e funcionan como auténticos rexistros arqueolóxicos da historia da galaxia.
A análise das súas idades, metalicidades, enroxecemento interestelar e distancias permitiu identificar diferentes poboacións de cúmulos e determinar a súa posible orixe. Unha delas está asociada á propia formación da Vía Láctea; outra, á coñecida fusión coa galaxia Gaia-Sausage-Enceladus, acontecida hai arredor de 10.000 millóns de anos; e unha terceira revela a existencia dunha fusión anterior, correspondente á galaxia LKH.
Unha colaboración iniciada durante a pandemia
A participación de Fernando Aguado neste traballo ten a súa orixe no Máster Universitario en Astrofísica, que cursou durante a pandemia da covid-19. Foi nese momento cando comezou a colaborar con Matteo Monelli, investigador do Instituto de Astrofísica de Canarias (IAC), unha relación que posteriormente o levou a incorporarse ao equipo internacional que desenvolve esta investigación. “A través desa colaboración incorporeime a un equipo no que tamén desempeñan un papel fundamental Davide Massari, do INAF–Observatorio de Astrofísica e Ciencia do Espazo de Boloña, e Carme Gallart, do IAC e da Universidade de La Laguna”, explica Aguado, director do Grupo de investigación de Tecnoloxía Aeroespacial da UVigo.
Co resto do equipo, Aguado leva aproximadamente cinco anos estudando a historia de formación e ensamblaxe da Vía Láctea a través dos seus cúmulos globulares. Esta colaboración deu lugar ao proxecto Carma (Cluster Ages to Reconstruct the Milky Way Assembly), cuxo obxectivo é determinar de maneira precisa e homoxénea as idades dos cúmulos globulares da nosa galaxia e empregar esa información para reconstruír os principais episodios de fusión que experimentou ao longo da súa historia.
“Os cúmulos globulares conteñen algunhas das estrelas máis antigas da galaxia e funcionan como auténticos rexistros arqueolóxicos”, sinala o investigador. A estimación precisa das súas propiedades permite determinar se se formaron na propia Vía Láctea ou se chegaron a ela como consecuencia da absorción doutras galaxias máis pequenas.
Reconstruír a historia da nosa galaxia
Para Aguado, participar nunha investigación desta envergadura supón unha satisfacción tanto profesional como persoal. “No ámbito profesional, supón unha enorme satisfacción formar parte dunha investigación internacional deste nivel e contribuír desde a Universidade de Vigo a un resultado publicado en Nature Astronomy e difundido por institucións como a NASA, a Axencia Espacial Europea e o Instituto de Astrofísica de Canarias”, destaca.
No plano persoal, considera especialmente significativo que o traballo represente a consolidación dunha liña de investigación iniciada tras o seu paso polo máster e desenvolvida ao longo dos últimos cinco anos. “Poder contribuír a reconstruír episodios que tiveron lugar hai arredor de 12.000 millóns de anos e comprender mellor como se formou a nosa galaxia é un reto científico extraordinario”, apunta.
O investigador subliña, ademais, que resultados como este son froito da combinación de diferentes técnicas e áreas de coñecemento. Para reconstruír os episodios de ensamblaxe da Vía Láctea foi necesario combinar observacións do telescopio espacial Hubble, información astrométrica da misión Gaia, modelos teóricos de evolución estelar e métodos avanzados de análise estatística.
Unha liña de investigación plenamente activa
O estudo publicado en Nature Astronomy non constitúe unha colaboración puntual, senón que se integra nunha liña de traballo que continúa plenamente activa na Universidade de Vigo no marco do proxecto Carma. “Non se trata dunha participación ocasional, senón dunha cooperación estable e moi consolidada con Matteo Monelli, Davide Massari, Carme Gallart e os equipos do IAC, o INAF, a Universidade de Boloña e outras institucións europeas”, explica Aguado.
Esta colaboración deu lugar xa a dez artigos publicados en Astronomy & Astrophysics entre 2023 e 2026, ademais do recente traballo en Nature Astronomy. Un dos artigos da serie Carma, Carma II, está liderado polo propio investigador da UVigo como primeiro autor.
A metodoloxía desenvolvida no marco de Carma permite estimar de maneira homoxénea e simultánea parámetros fundamentais dos cúmulos globulares, como a idade, a metalicidade, o enroxecemento interestelar e a distancia. Esta metodoloxía xa foi aplicada tamén noutras investigacións da colaboración, entre elas o Hubble Missing Globular Cluster Survey e o estudo do cúmulo globular Patchick 126.
A actividade científica do equipo continúa, ademais, cun novo artigo xa aceptado en Astronomy & Astrophysics, titulado Cluster Ages to Reconstruct the Milky Way Assembly (CARMA). V. The chronological merger tree of the Milky Way. Neste traballo, o equipo avanza na reconstrución cronolóxica das principais fusións que contribuíron á formación da Vía Láctea. O obxectivo é continuar aplicando a metodoloxía Carma a máis cúmulos globulares, completar unha escala homoxénea das súas idades e reconstruír coa maior precisión posible a historia de formación da galaxia. “A cooperación entre a Universidade de Vigo, o IAC, o INAF e a Universidade de Boloña está xa moi consolidada e agardamos que continúe sendo unha liña de investigación estable e moi frutífera durante os próximos anos”, conclúe Aguado.
A Universidade de Vigo, presente na arqueoloxía da Vía Láctea
A participación de Fernando Aguado sitúa a Universidade de Vigo nunha colaboración internacional dedicada a reconstruír as primeiras etapas da historia da nosa galaxia. Desde atlanTTic, o investigador contribúe ao desenvolvemento e aplicación de metodoloxías para extraer dos cúmulos globulares información sobre a súa idade, composición e distancia, datos fundamentais para determinar a orixe destes sistemas estelares.
O traballo agora publicado en Nature Astronomy exemplifica, ademais, a continuidade desta colaboración: unha liña de investigación iniciada durante o mestrado e consolidada ao longo dos últimos cinco anos, que combina a participación da UVigo con institucións de referencia internacional como o Instituto de Astrofísica de Canarias, o INAF e a Universidade de Boloña.
