A través dun sistema de responsabilidade ampliada do produtor especifico para artes e aparellos
A UVigo participa na elaboración dun sistema de xestión e valorización dos residuos derivados da actividade pesqueira
‘Pescrap’ conta co financiamento de Fundación Biodiversidad
Deseñar un modelo que permita recoller, xestionar e valorizar as redes e aparellos de pesca e acuicultura ao final da súa vida útil, contribuíndo a reducir o impacto ecolóxico destes residuos, é o obxectivo central do proxecto Pescrap, que ten entre os seus socios ao grupo de investigación Post-Growth Innovation Lab da Universidade de Vigo. Financiado pola Fundación Biodiversidad, o edificio Redeiras acollía na tarde deste xoves a xornada de presentación dun proxecto liderado pola Fundación para la Economía Circular e centrado en definir as bases técnicas, económicas e organizativas para a creación dun sistema de Responsabilidade Ampliada do Produtor (RAP), específico para as artes e aparellos da pesca, que permita unha xestión sostible e replicable destes residuos, en liña cos principios da economía circular.
O obxectivo desta iniciativa, sinalan desde o Post-Growth Innovation Lab, é “a elaboración dunha folla de ruta para deseñar un plan de xestión de residuos da pesca”, acorde coa normativa europea e estatal en materia de responsabilidade ampliada do produtor. Nese propósito traballarán conxuntamente o equipo investigador da UVigo, a Fundación para la Economía Circular, o Instituto Tecnológico del Plástico (Aimplas) e a asociación Vertidos Cero, socios dun proxecto apoiado pola Fundación Biodiversidad, do Ministerio para la Transición Ecológica y Reto Demográfico, no marco do Programa Pleamar, cofinanciado pola Unión Europea a través do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e Acuicultura (FEMPA).
Representantes das diferentes entidades socias participaron na tarde deste xoves en Redeiras nunha xornada dirixida a presentar un proxecto no que esta folla de ruta será deseñada “de maneira colectiva”, xunto a “diferentes colectivos implicados”, salientan desde o Post-Growth Innovation Lab. Coa participación na apertura institucional do vicerreitor de Transferencia, Innovación e Impacto Social, Rafael Comesaña; do director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica da Xunta de Galicia, Isaac Rosón, e do presidente da Fundación para la Economía Circular, Mariano Martínez Cepa, a presentación técnica do proxecto correu a cargo do director de proxectos desta entidade, José Luis de la Cruz. A xornada viuse complementada por dúas mesas de debate, centradas na innovación na cadea de valor do sector e na gobernanza do ecosistema mariño, que contaron coa participación de diferentes organizacións do sector.
Residuos con impacto ecolóxico e con “potencial de valorización”.
Centrado en promover “unha solución circular que beneficie ao sector e contribúa á protección do medio mariño”, como sinalan os seus promotores, Pescrap xurde dunha “necesidade estrutural detectada no sector pesqueiro”, como é a falta de “mecanismos de trazabilidade, recollida e valorización” deste tipo de residuos, tendo en conta tanto “o seu impacto na xeración de lixo mariño” como o seu “potencial de valorización material”.
Deste xeito, a definición dun “modelo colectivo, escalable e replicable” contribuiría a unha “correcta recollida e xestión” de residuos como “redes, cabos ou cordas”, coa que “evitar que estes materiais acaben abandonados ou convertidos en lixo mariño, avanzando cara unha actividade pesqueira máis responsable”, salientan desde o grupo coordinado por Mario Pansera.
Da análise técnica á posta a proba nun proxecto piloto
Entre as accións a desenvolver nun proxecto que se estenderá ata 2028, atópase unha análise técnica e normativa do marco legal e técnico relevante para o deseño do sistema, que abranguerá tamén a identificación de boas prácticas e a realización de entrevistas a diferentes “actores clave”. Levarase a cabo así mesmo un estudo de mercado, reunindo datos sobre “volumes e fluxos actuais de redes e aparellos descartados”, sinala o equipo investigador, xunto cun mapeado de actores implicados e unha análise do “seu papel na cadea de valor”. A implicación dos diferentes axentes permitirá ademais un “desenvolvemento participativo” deste sistema de responsabilidade ampliada, que abranguerá tanto a trazabilidade e clasificación dos residuos como a súa xestión e recollida. Outra das accións previstas é a realización dunha proba piloto do modelo, así como a análise da súa viabilidade, tendo en conta tanto a súa sostibilidade económica, como aspectos ambientais, operativos ou reputacionais.
A esta serie de actividades sumaranse as centradas na coordinación e xestión do proxecto e o desenvolvemento de diferentes accións de difusión e transferencia, como xornadas sectoriais con confrarías, administracións, ONG ou entidades de xestión de residuos. Do mesmo xeito, tamén está prevista a elaboración de “materiais técnicos e de divulgación” de acceso aberto, como unha guía de implantación do sistema, así como o “establecemento dunha rede de entidades interesadas en replicar o modelo”.
Con Pansera como investigador principal na Universidade, a participación do Post-Growth Innovation Lab en Pescrap centrarase na realización “de enquisas e entrevistas a diferentes actores do sector”, así como no deseño e desenvolvemento de “actividades participativas” cos diferentes axentes, “que permitan deseñar a folla de ruta para a creación” do sistema. Coa participación de Cristina Míguez, Susana Bastón, Cristina Vázquez e Brais Suárez, o equipo da UVigo responsabilizarase nese senso das accións que se leven a cabo tanto en Galicia como en Valencia, e tomará parte ademais noutras “actividades de xestión do proxecto”, como a selección de portos para desenvolver o estudo piloto. Neste punto, sinalan que “aínda non está decidido onde será ese piloto, pero de facelo en Galicia colaboraremos na coordinación cos axentes locais pertinentes”.
