DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Financiado con máis de 10 millóns de euros, participan 34 institucións de 17 países

A UVigo participa nun ‘megaproxecto’ europeo que buscará solucións factibles á perda da biodiversidade mariña e costeira

A parte viguesa corre a cargo do grupo Future Oceans Lab do Centro de Investigación Mariña, dirixido

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • Medio Ambiente
  • Investigación
D. Besadío DUVI 03/03/2023

A Universidade de Vigo participa nun megaproxecto europeo co que se tentará avanzar no coñecemento e predición dos impactos do cambio climático nos sistemas mariños. Faino a través do grupo Future Oceans Lab, do Centro de Investigación Mariña, CIM-UVigo, baixo a dirección da profesora Elena Ojea, quen explica que se trata dun “proxecto punteiro e moi ambicioso” cuxo principal obxectivo é “proporcionar aos reguladores e aos tomadores de decisións o coñecemento e as ferramentas necesarias para facer fronte á perda de biodiversiade nos hábitats costeiros e mariños ameazados polo cambio climático e outros factores de estrés locais e rexionais”. 

Coordinado desde os Países Baixos polo profesor Myron Peck, do Royal Netherlands Institute for Sea Research, participan 34 institucións de 17 países e cóntase cun orzamento superior aos 10 millóns de euros, dos que 380.000 lle corresponden á Universidade de Vigo, única institución de ensino superior española que participa neste proxecto. Cunha duración de catro anos, a reunión de lanzamento deste proxecto celebrarase o vindeiro mes de maio na illa de Texel, Países Baixos. Será entón cando se comecen a definir a metodoloxía e as estratexias para abordar as diferentes tarefas de cada un dos grupos de traballo.

Porá en mans das autoridades coñecemento actualizado 

Baixo a denominación ActNOW, Advancing understanding of Cumulative Impacts on European marine biodiversity, ecosystem functions and services for human wellbeing, este proxecto vai permitir coñecer como os diferentes factores de estrés ambiental e humano impactan na biodiversidade, o que, a xuízo dos integrantes do Future Oceans Lab, permitirá deseñar solucións de adaptación que sexan factibles e baseadas na ciencia para facer fronte á perda de biodiversidade. “Tradicionalmente, a análise de riscos acumulados de diferentes factores ten sido relegada en ciencia pola súa complexidade pero ActNOW quere suplir esta carencia facendo un esforzo colectivo”, explican os investigadores vigueses implicados no proxecto. Nesta liña, consideran que o principal punto forte deste consorcio será, precisamente, que “porá en mans dos tomadores de decisión e autoridades un coñecemento actualizado e ferramentas que lles permitan predicir o impacto de múltiple factores sobre a biodiversidade costeira e mariña, e sobre os servizos ecosistémicos para unha mellor xestión e avaliación do impacto que lles permitan ser mais resilientes aos rápidos cambios climáticos e medioambientais”.

Participación viguesa no proxecto

A participación viguesa no proxecto xorde da colaboración e participación previa noutros proxectos e actividades científicas como o proxecto FutureMARES, onde os investigadores Juan Bueno e Elena Ojea lideran un paquete de traballo, así como da participación de Ojea no último informe do Grupo Intergubernamental de Expertos sobre o Cambio Climático, IPCC. “Estas actuacións permitíronnos ampliar e mellorar o noso coñecemento e experiencia no eido da avaliación de riscos fronte ao cambio climático, dando unha maior visibilidade ao noso traballo, ademais de darnos a oportunidade de traballar con moitos dos investigadores que participan nesta nova iniciativa”, recalca a investigadora, ao tempo que fai fincapé en que participar nun proxecto desta magnitude con socios de renome de índole internacional supón unha grande oportunidade, “seguimos traballando con expertos de todo o mundo o que nos permite unha maior visibilización e internacionalización do noso grupo e do noso traballo”.


O labor do equipo investigador do Future Oceans Lab do CIM-UVigo centrarase nos grupos de traballo 4 e 5, dirixidos a analizar os riscos acumulados na biodiversidade e a formular solucións para a toma de decisións baseadas no coñecemento actual e escenarios futuros. Juan Bueno liderará e coordinará as tarefas relacionadas co deseño dun marco para a avaliación do risco da biodiversidade ante diferentes ameazas, que moitas veces actúan de xeito simultáneo e interactivo, por exemplo o quecemento global e a sobrepesca. A tarefa liderada por Elena Ojea no grupo de traballo 5 fará unha síntese das opcións de resposta que teñen os xestores agora e no futuro para recuperar a perda de biodiversidade, tendo en conta escenarios políticos e ambientais. Contarán ademais co apoio de Julia Ameneiro, quen contribuirá nas tarefas e actividades do grupo de traballo 6 de divulgación e comunicación dos resultados do proxecto, e nas diferentes actuacións levadas a cabo no marco deste proxecto.

Cara onde poden dirixirse as opcións de resposta?

Desde o punto de vista destes investigadores as opcións de resposta que, a día de hoxe, teñen os xestores para tentar recuperar ou, cando menos, manter a biodiversidade pasan por medidas de xestión baseadas na natureza, as coñecidas como nature-based solutions en inglés. “Este tipo de medidas tentan imitar o funcionamento da natureza a partir de accións humanas, é dicir, son actuacións que os humanos poden facer para devolver a natureza a un estado san onde a biodiversidade recupere os valores previos ao impacto da actividade humana”, explica Juan Bueno. Estas medidas poden ir, segundo vai detallando, desde unha simple delimitación dun espazo natural protexido, ata unha restauración ou repoboación de especies importantes para o funcionamento do sistema, pasando tamén pola aplicación de regras de extracción con fundamento científico, “no caso da pesca, por exemplo”.

Este tipo de solucións, ademais, adoitan ter en conta, segundo recalcan os integrantes do Future Oceans Lab, coñecementos locais e tradicionais dos grupos sociais asociados aos ecosistemas en mellora, de maneira que conlevan unha compoñente social de alto interese. “Por suposto pode haber outro tipo de medidas baseadas na tecnoloxía ou na conservación ex-situ que poden ser moi eficaces, e en situacións concretas tamén precisas, pero con custos normalmente maiores”, engade Bueno.