DUVI

Diario da Universidade de Vigo

‘TaleS’ é unha iniciativa da Fundación Mapfre e o Centro Internacional Santander Emprendimiento

A UVigo participa nun programa de apoio ao emprendemento para maiores de 50 anos

Aberto a un máximo de 15 participantes en cada unha das súas sedes

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cursos
  • Emprender
  • Universidade e empresa
  • Académica
DUVI Pontevedra 02/12/2025

“Impulsar o emprendemento sénior en España, ofrecendo formación práctica, visibilidade e apoio a persoas maiores de 50 anos, fortalecendo así o seu rol activo no desenvolvemento económico e social”. Este é, como sinalan os seus promotores, o obxectivo central do programa TaleS, impulsado polo Centro de Investigación Ageingnomics, da Fundación Mapfre, co apoio de nove universidades españolas e a coordinación do Centro Internacional Santander Emprendimiento (CISE). Da man da Cátedra Afaga-Atendo de Idadismo, a UVigo forma parte un ano máis desta “rede interuniversitaria de emprendemento sénior”, que conta con 15 prazas en cada unha das nove institucións académicas participantes. Dirixido a persoas maiores de 50 anos “que teñan inquedanza por aprender a desenvolver ideas, queiran ampliar a súa rede de contactos e explorar colaboracións”, os seleccionados e seleccionadas reciben tanto formación como asesoramento para o desenvolvemento das súas ideas de negocio. Ademais, optarán cos seus proxectos a participar na Demo Day final, o evento no que se presentarán as mellores ideas de negocio desenvolvidas en cada unha das nove sedes e que nesta edición terá lugar na Universidade de Vigo.

A cuarta edición de TaleS arrancaba recentemente na UVigo cunha conferencia sobre emprendemento e creatividade na Facultade de Comunicación, aberta tamén ao alumnado e impartida por Juan José Romero Crusat, experto en desenvolvemento de modelos de negocio e posicionamento central. Non obstante, como sinala a súa coordinadora na Universidade, a profesora Monste Vázquez, aínda é posible inscribirse para participar nunha iniciativa que desenvolverá de forma virtual as súas restantes sesións formativas. Centrada en aspectos como o desenvolvemento de modelos de negocio, esta fase formativa verase continuada pola selección do proxecto que representará a cada universidade na final estatal deste programa e por novas sesións de formación e asesoramento para o desenvolvemento destas ideas de negocio. Estas presentaranse nun evento final, que está previsto que se desenvolva en febreiro de 2026 no campus pontevedrés e no que os proxectos seleccionados nas nove universidades participantes optarán a un primeiro e un segundo premio, cunha dotación económica de 2000 e 1000 euros, respectivamente. 

Xunto á UVigo, nesta edición de TaleS participan as universidades de Barcelona, Autónoma de Mardid, Cantabria, Extremadura, Granada, Las Palmas de Gran Canaria, Salamanca e Zaragoza.