A EE Forestal é un do socios de ‘Use4Forest’, financiado polo Programa Interreg Sudoe
A UVigo participa nun proxecto dirixido a definir unha estratexia para a prevención de incendios no suroeste europeo
Propoñer unha estratexia para a prevención de incendios no suroeste europeo mediante a mellora dos espazos forestais é o obxectivo central do proxecto Use4Forest, seleccionado polo Programa Interreg Sudoe e do que forma parte a Escola de Enxeñaría Forestal da Universidade de Vigo. Financiado a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) con preto de tres millóns de euros, trátase dun proxecto coordinado pola Dirección Xeral de Defensa do Monte da Xunta de Galicia, no que participan trece institucións e entidades de España, Portugal e Francia, que desenvolverán e avaliarán a eficacia dunha serie de ferramentas innovadoras para xestión de incendios en áreas piloto destes tres países.
Presentado este luns, nun acto promovido pola Consellería do Medio Rural, Use4Forest estenderase ata 2026 e abranguerá tres fases de traballo nese obxectivo de propoñer unha estratexia para a prevención de incendios nunha rexión xeográfica marcada polo alto número de lumes forestais sufridos ao longo da última década. A primeira fase céntrase no coñecemento exhaustivo dos condicionantes do problema, tendo en conta unha serie de factores asociados ás características do suroeste europeo, como a crise demográfica, a abundancia de masas forestais ou o progresivo aumento dos eventos climáticos extremos. A seguinte fase esará dirixida ao desenvolvemento, proba e demostración de ferramentas innovadoras para a xestión e anticipación dos incendios forestais en diferentes áreas piloto, para finalmente avaliar a súa posible "transferencia e capitalización a escala Sudoe”, segundo recolle o texto de presentación do proxecto.
O obxectivo, como destacaron desde o Goberno galego é “abordar solucións comúns para a prevención” dos lumes que afectan a estes tres países. Nese senso, a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, destacou na presentación que tivo lugar nesta xornada en Santiago de Compostela que o deseño desta estratexia permitirá afondar en “variables específicas que condicionan o comportamento do lumes” nestes países.
Participación da Escola de Enxeñaría Forestal
A participación da UVigo neste proxecto europeo estará coordinada polo investigador da Escola de Enxeñaría Forestal Juan Picos e nel participarán tamén as investigadoras Julia Armesto e Laura Alonso. Os seus traballos estarán centrados en primeiro termo “na elaboración da proposta de clasificación do territorio”, para a que “teranse en conta variables relativas ao medio natural, ao medio socioeconómico, á caracterización da climatoloxía e ao réxime histórico de incendios forestais”, como sinala Picos. Nesa análise de múltiples variables, outro dos traballos que se levará a cabo na EE Forestal será o deseño dunha “metodoloxía para elaborar mapas de combustible co maior grao de actualización posible”, o que permitirá dispor de información respecto dos efectos que pode ter unha maior ou menor presenza de vexetación ante un hipotético incendio nunha determinada zona. Do mesmo xeito, os investigadores e investigadoras da escola tamén prestarán apoio técnico-científico á Dirección Xeral de Defensa do Monte nas áreas piloto do proxecto en Galicia e colaborarán cos distintos socios territoriais á hora de “analizar de forma obxectiva as alternativas preventivas aplicadas” nos diferentes traballos de campos, ao tempo que deseñarán “unha proposta de indicadores de seguimento” que permitan avaliar a súa “eficacia no tempo”.
Do mesmo xeito, o proxecto porá tamén o foco na sensibilizlación e concienciación dos habitantes das zonas afectadas por incendios, segundo sinalou este luns a conselleira do Medio Rural. Xunto ao Goberno galego e a Universidade de Vigo, en Use4fForest participan tamén o Instituto Politécnico de Bragança; o Ministerio de Administración Interna, Autoridade Nacional de Emerxencia e Protección Civil do goberno portugués; a Deputación de Ourense; a Junta de Castilla-León; o Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular; a Hazi Fundazioa; a Fundación Tecnalia Research & Innovation; a Comunidade Intermunicipal de Terras de Tràs-os-Montes; o departamento franciés de Aude; o Syndicat Mixte du Pays Sud Charente; o Centro Rexional da Propiedade Forestal de Nova Aquitania; Solidarités territoriales Mission Europe e o sindicato mixto para o desenvolvemento e a xestión do PNR Corbières-Fenouillèdes.