DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segundo o The Times Higher Education Young University Rankings

A UVigo, no posto 16 das mellores universidades españolas de menos de 50 anos

A nivel mundial está no rango entre 201-250 das institución de recente creación

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Calidade
  • HRS4R
  • Internacional
  • Institucional
M. Del Río DUVI 16/05/2024

A Universidade de Vigo segue a subir chanzos nas clasificacións internacionais de institucións de ensino superior. Desta volta, o The Times Higher Education Young University Rankings, listaxe das mellores universidades do mundo con menos de 50 anos, sitúa a institución olívica no rango entre as 201 e 250 primeiras clasificadas, cunha puntuación de 39.1 - 42.2. Atendendo a unha perspectiva estatal, a UVigo é a décimo sexta mellor das 34 universidades españolas avaliadas, que están encabezadas pola Pompeu Fabra, que ocupa o posto 28 do mundo. Estes resultados melloran os obtidos o curso pasado, cando se situaba no rango 301-350 a nivel mundial e no posto 17 a nivel nacional. 

Por eidos, a mellor puntuación obtida pola Universidade de Vigo é a que corresponde á calidade da investigación, ítem no que obtén 62.9 puntos. Os resultados tamén son bos no eido da transferencia de resultados de I+D á industria, no que obtén 49.5 puntos, e no eido da internacionalización, con 47.4. Ademais, este ránking tamén avalía outros dous aspectos, a docencia e a contorna da I+D, nos que obtén 33.4 e 26.5 respectivamente. 

Por materias destaca en arqueoloxía e física

Se se analiza esta clasificación por materias, a Universidade de Vigo destaca no panorama nacional das universidades novas en eidos como a arqueoloxía e a física e astronomía, dous campos nos que se sitúa como a sexta mellor de España. Ademais, en agricultura e ciencias forestais acada a sétima posición; mentres que en campos como arte e deseño; enxeñaría civil; matemáticas e estatística; e xeoloxía, medio ambiente, ciencias da terra e ciencias mariñas sitúase en oitava posición. En química ocupa o décimo posto, igual que en xeografía, en ciencias políticas e estudos internacionais e en ciencias do deporte.

Asiáticas e francesas, na cabeza da listaxe

Esta clasificación mundial de universidades novas está encabezada, por segundo ano consecutivo, pola Universidade Tecnolóxica de Nanyang, de Singapur. A segunda institución nesta listaxe é Paris Sciences et Lettres – PSL Research University Paris, que sube dende o terceiro posto, mentres que a terceira é The Hong Kong University of Science and Technology, que cede nesta edición o segundo posto que tiña en 2023. En xeral, nos primeiros postos destacan as universidades asiáticas e as francesas, estas últimas melloran en xeral os seus resultados e copan catro dos dez primeiros postos.

673 universidades de 79 países

Para elaborar esta clasificación empréganse os mesmos indicadores que o emblemático THE World University Rankings, pero as ponderaciónes axústanse para darlle menos peso á reputación, que está especialmente ligada á traxectoria da institución e, polo tanto, á súa antigüidade. En total, nesta edición avaliáronse un total de 673 universidades de 79 países, fronte a 605 en 2023. Outras 499 figuran foron avaliadas, pero os datos proporcionados non cumpriron os criterios para entrar na clasificación. A análise realizase en función das principais misión das universidades, é dicir, docencia, investigación, transferencia de coñecementos e perspectiva internacional, para proporcionar as comparacións máis completas e equilibradas dispoñibles.