DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na 5ª edición da entrega dos galardóns celebrada no edificio Redeiras

A UVigo premia o traballo, esforzo e ilusión dos seus Alumni

Ledicia Costas, Alejandro Sanz Fonta e Tomas Clavijo, recoñecidos como Alumni Honoríficos

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Estudantado
  • Premios
  • Reitora
  • Institucional
DUVI 23/10/2026

A UVigo recoñeceu por quinto ano consecutivo, nun acto celebrado no edificio Redeiras, o “traballo, esforzo e ilusión”, como sinalou a reitora, Carmen García Mateo, no seu discurso, de oito alumni, tres deles honoríficos, e outros cinco nas categorías de emprendemento, humanidades, impacto social, traxectoria profesional e investigación.

A escritora Ledicia Costas, que non puido asistir á entrega do galardón, recibiu o Alumni Honorífico “polos seus relevantes méritos profesionais, que contribúen ao recoñecemento e prestixio da UVigo, dentro e fóra dela”. O enxeñeiro do equipo Mercedes- AMG Petronas Formula Once Team Alejandro Sanz Fonta recolleu de mans do presidente do Consello Social da UVigo, Ernesto Pedrosa, o premio Alumni Distinguido, “por unha traxectoria profesional sobresaínte e recoñecida a nivel autonómico, nacional e internacional”. E o director da Escola Naval Militar de Marín, Tomás Clavijo Rey-Stolle, converteuse en Amigo-Alumni UVigo, como persoa externa á institución, “destacada polo apoio e fomento daquelas actividades que contribúen aos intereses e valores propios da Universidade de Vigo”.

Aos recoñecementos aos Alumni Honoríficos, sumáronse nesta 5ª edición dos galardóns os Alumni UVigo 2026 entregados a Iria Varela Campo, cofundadora de ODS Protein, na categoría Emprendemento; a Ramón Méndez González, localizador e traductor no campo dos videoxogos, na categoría Humanidades; a Alvaro Soto Táboas, impulsor de Voar Motos, na categoría Impacto Social; a  Alberto Gonzalez Muiño, cofundador de Alén Space, na categoría Traxectoria Profesional; e a David Aramburu Núñez, radiofísico e investigador no Memorial Sloan Kettering Cancer Center (Nova York), na categoría Investigación.

Elixidos por votación popular e entregados por Luis Pérez Freire, director xeral de Gradiant, Rexina Rodríguez Vega, escritora e tradutora; Lucía Curra, secretaria da Asociación Bicos de Papel; Bibana Rodiño, fundadora e CEO de BETA Implants; e África González, catedrática de Inmunoloxía da UVigo,ao Alumni UVigo 2026 recoñeceron a promoción da excelencia e o labor persoal e profesional das persoas que integran a comunidade Alumni-UVigo co obxectivo de incentivar a relación da UVigo co seu antigo alumnado e reforzar o sentimento de pertenza á institución.

O orgullo de pertencer á UVigo

“Hoxe vimos historias extraordinarias. De mulleres e homes que converten o coñecemento en avances científicos, en innovación, en creación cultural ou en iniciativas que melloran a vida doutras persoas”, dixo a reitora da UVigo no discurso co que pechou o acto, celebrado en Redeiras e no que a vicerreitora de Estudantes e Vida Universitaria, Dolores González foi a encargada de dar a benvida e explicar ás persoas asistentes a evolución experimentada pola comunidade Alumni-UVigo, as accións desenvolvidas e os proxectos de futuro. 

A vicerreitora, que lembrou que desde a súa creación en 2022 con pouco máis de1000 integrantes, a comunidade Alumni medrou ata os 3500 membros actuais, sinalou que “aspiramos a que Alumni sexa unha comunidade viva, que non se limite a ser un rexistro de antigos estudantes, senón que xere encontros, colaboracións e oportunidades”. Neste sentido avanzou Dolores González que tomando como referencia o programa de mentoría Alumni-Vigo, no que, nesta última edición participaron 31 mentoras e mentores e 36 estudantes, “estamos a traballar nunha modalidade de mentoría por un día, máis flexible para que un estudante poida acompañar durante unha xornada a unha persoa titulada na UVigo e coñecer como é realmente o seu traballo”.

Na súa intervención para pechar o acto, Carmen García Mateo, asegurou que as e os premiados “representades moi ben o talento que se forma nas nosas aulas”, e reiterou o seu desexo dunha universidade “pública, galega, viva e aberta. Na que pague a pena estar, que aproveite as capacidades de toda a súa comunidade e que traballe como un proxecto común”. Especial énfase puxo a reitora á hora de reivindicar o orgullo de pertencer á UVigo, “da calidade da súa docencia, da investigación que desenvolvemos e da capacidade para transferir coñecemento á sociedade. Unha universidade que forma talento, crea oportunidades e contribúe ao progreso de Galicia”.

A reitora finalizou o seu discurso interpelando ás persoas presentes dicíndolles: “queremos que sintades orgullo de pertencer á Universidade de Vigo. Pero, sobre todo, queremos que saibades que esta universidade se sente profundamente orgullosa de vós”.