DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Con 75 galardóns aos mellores resultados en estudos previos

A UVigo premiará a excelencia académica do alumnado que comece estudos de grao e mestrado no curso 2021/2022

O prazo de presentación de solicitudes está aberto ata o 30 de setembro

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Premios
  • Institucional
DUVI 28/07/2021

A Universidade de Vigo, a través da Vicerreitoría de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria, premiará ao alumnado máis brillante que comece a estudar nesta institución académica o vindeiro curso académico. Será a través dos premios á excelencia académica para alumnado que inicia estudos de grao ou mestrado 2021/2022. En total, concederanse 75 galardóns, dotados con 45.000 euros, ás e aos estudantes que acadasen os mellores resultados académicos en estudos previos. O prazo de presentación das solicitudes está aberto ata o 30 de setembro.

Para alumnado de grao

Os Premios á excelencia académica para alumnado que inicia estudos de grao 2021/2022 teñen como obxectivo “incentivar a cultura do mérito e a excelencia, a través do recoñecemento ao alumnado cos mellores resultados académicos nos estudos previos ao seu ingreso na universidade ou que teñan acadado un relevante éxito nas distintas fases das olimpíadas científicas”. Concretamente, outorgaranse 60 galardóns: 13 a alumnado con premio extraordinario de Bacharelato ou Ciclo Superior; 12 a alumnado clasificado en postos relevantes das fases internacional, nacional ou autonómica dalgunha das olimpíadas científicas; 25 a alumnado con excelente resultado académico no Bacharelato e 10 a alumnado con excelente resultado académico no Ciclo Superior. A contía individual de cada premio é de 600 euros, ascendendo o importe máximo dos galardóns a 36.000 euros.

Os requisitos para presentarse son estar matriculado no curso 2021/2022 por primeira vez en estudos de grao en centros propios da Universidade de Vigo ou en centros adscritos de titularidade pública que imparten titulacións non impartidas en centros propios (Enfermaría Ourense, Enfermaría Pontevedra e Enfermaría Meixoeiro) e ter finalizado os estudos de Bacharelato ou Ciclo Superior no curso 2020/2021. Tamén é preciso cumprir algúns dos seguintes requisitos académicos: obter o premio extraordinario de Bacharelato ou Ciclo Superior da Xunta de Galicia no curso 2020/2021; estar clasificado do primeiro ao terceiro posto da fase autonómica ou do primeiro ao oitavo posto das fases nacional ou internacional dalgunha das olimpíadas científicas celebradas no curso 2020/2021 (recoñecidas polo Ministerio de Educación e Formación Profesional ou polas consellerías de educación autonómicas ou organizadas polas universidades públicas); obter unha puntuación igual ou superior a 8,5 puntos no expediente académico en Bacharelato ou obter unha puntuación igual ou superior a 9 puntos no expediente académico no Ciclo Superior de Formación Profesional.

E tamén de mestrado

Polo que respecta aos Premios excelencia académica para alumnado que inicia estudos de máster 2021/2022, o seu obxectivo é “incentivar a cultura do mérito e a excelencia a través do recoñecemento ao alumnado cos mellores resultados académicos nos estudos previos ao seu ingreso nos estudos de mestrado oficial da Universidade de Vigo”. Convócanse 15 premios: dous en Artes e Humanidades; dous en Ciencias e Ciencias da Saúde; sete en Ciencias Sociais e Xurídicas e catro en Enxeñaría e Arquitectura. A contía individual de cada premio é de 600 euros, ascendendo o importe máximo dos galardóns a 9.000 euros.

Neste caso, os requisitos para presentarse son estar matriculado no curso 2021/2022 por primeira vez en estudos de mestrado oficial en centros propios da Universidade de Vigo ou en centros adscritos de titularidade pública que imparten titulacións non impartidas en centros propios (Enfermaría Ourense, Enfermaría Pontevedra e Enfermaría Meixoeiro) e obter unha nota media ponderada igual ou superior a 1,00 calculada segundo o establecido na convocatoria. A selección será efectuada pola comisión de avaliación en función da nota media do expediente académico de grao ou licenciatura de cada solicitante que lle dá acceso ao mestrado, ponderada coa nota media da titulación.

Estes galardóns únense aos xa convocados a través da Vicerreitoría de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria e da Escola Internacional de Doutoramento, EIDO, de excelencia académica do alumnado que inicie estudos de doutoramento o vindeiro curso.