DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A institución viguesa é sétima no global da clasificación que tamén avalía a dimensión social

A UVigo, primeira universidade española en compromiso medioambiental segundo o Ránking CYD universidades sostibles

Avalíanse 16 indicadores en máis de 80 universidades públicas e privadas

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Diversidade
  • Igualdade
  • Medio Ambiente
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 16/10/2025

Dedicado a avaliar a dimensión social e ambiental das universidades españolas, analizando a súa sostibilidade ambiental, así como o seu labor en igualdade, fronte á discriminación, o acoso, inclusión, acción social e promoción da saúde, a Fundación CYD presentou este xoves o seu novo Ránking CYD universidades sostibles, o primeiro en España dedicado ás dimensións sociais e ambientais. É precisamente no apartado referido ao compromiso ambiental no que a UVigo se confirma como a primeira institución académica española das máis de 80 universidades públicas e privadas do país analizadas. Mentres, no global do ránking, referido ao compromiso ambiental e tamén ao social, a UVigo acada a sétima posición, por detrás das universidades València-Estudi General, Girona, Málaga, Almería, Salamanca e Sevilla.

O vicerreitor de Planificación e Sostibilidade, Félix Quintero, destaca que a Universidade de Vigo mantén o seu compromiso institucional coas políticas de sustentabilidade desde hai máis dunha década” e lembra que “nos últimos anos levouse a cabo un esforzo de investimento importante en instalacións de produción de enerxía renovable, en aforro enerxético e en conservación das superficies arborizadas. Por iso, estamos moi orgullosos de obter este recoñecemento que reforza a nosa convicción no camiño da sustentabilidade".

O Ránking CYD universidades sostibles integra 16 indicadores e representa, segundo Ángel Mediavilla, responsable do gabinete técnico da Fundación CYD “un instrumento relevante de avaliación comparativa, con enfoque cuantitativo para estas dimensións sociais desenvolvido no sistema universitario español”. Os indicadores calculáronse a partir dun cuestionario propio remitido ás universidades, deseñado para recoller información específica sobre as dimensións social e ambiental; e datos elaborador polo grupo SCImago, que achegan métricas bibliométricas relacionadas con talento investigador. O compromiso medioambiental abrangue indicadores sobre eficiencia enerxética, xestión de residuos, mobilidade sostible e innovación para a sostibilidade, todos eles vinculados con varios dos ODS. Pola súa banda, o compromiso social inclúe indicadores relacionados coa equidade, diversidade, inclusión, benestar universitario e impacto na comunidade. 

Os resultados están dispoñibles na plataforma web do Ránking CYD, onde se poden consultar os resultados nas dúas dimensións, medioambiental e social, e tamén na conxunta. Así mesmo, é posible acceder, a través dun buscador interactivo, a información máis completa de 316 iniciativas sociais e medioambientais de 73 universidades das 17 comunidades autónomas.

Cinco millóns de euros, en seis anos en renovables e aforro enerxético na UVigo

Nos últimos seis anos a Universidade de Vigo investiu en instalacións de renovables e aforro enerxético máis de 4,8 millóns de euros, dos que aproximadamente 3,7 millóns foron axudas das administración autonómica e estatal (Inega e Idae) e 1,1 millóns, inversión con fondos propios. 

Entre as actuacións máis destacadas desenvolvidas durante este período, o vicerreitor de Planificación e Sostibilidade destaca a instalación dun sistema de calefacción centralizado (district heating) de biomasa no campus de A Xunqueira de Pontevedra cunha potencia de 2000 kW; a instalación de xeotermia para calefacción do Edificio de Ferro no Campus de Ourense cunha potencia de 500 kW e as instalacións fotovoltaicas en case todos os edificios dos tres campus, por exemplo, a instalación de 200 kWp (kilovatios pico) na Escola de Enxeñaría Industrial na sede campus.

Conclusións xerais do Ránking CYD de universidades sostibles

Entre as conclusión máis salientables do Ránking CYD de universidades sostibles publicado hoxe destácase que o 87,67% das universidades emprega enerxía fotovoltaica; anualmente as universidades xeran unha media de case 130.000 quilos de materia orgánica e máis de 60.000 quilos de papel e cartón; e cerca do 70% ofrece materias sobre cambio climático e máis dun 53% ten centros de investigación dedicados a este fenómeno. 

En relación cos indicadores sociais cómpre destacar que o 95,9% das universidades implementa políticas de igualdade de xénero; o 97% actúa fronte o acoso sexual; o 94,52% ten un protocolo de actuación ante denuncias de acoso ou discriminación.