Ao abeiro dun programa de visitas organizado polo SEPIE a Hong Kong e Beixing
A UVigo, á procura do estudantado asiático
A Vicerreitoría de Internacionalización celebra encontros propios con universidades e academias
Máis de 600 organizacións de todo o mundo participaron en Hong Kong ata o 27 de febreiro na APAIE 2026, a feira organizada pola Asociación Asia-Pacífico para la Educación Internacional, que ten como o obxectivo promover a educación a través da cooperación entre institucións, así como os intercambios internacionais na rexión Asia-Pacífico. Con motivo da participación de varias institucións académicas españolas na feira, o Servicio Español para la Internacionalización de la Educación (SEPIE) organizou un programa de visitas para unha delegación de universidades españolas entre as que se atopa a UVigo, representada pola vicerreitora de Internacionalización, Maribel del Pozo, e o do director da área de Promoción da Internacionalización, Iago Pozo.
“Pola súa banda, a UVigo ampliou, unilateralmente, o plan de visitas sumando unha recepción na University of Hong Kong e tamén ao Institute of High Energy Physics (IHEP), do Instituto de Investigación da Academia China de las Ciencias, ademais de manter encontros na feira”, explica a vicerreitora, que destaca que nesta viaxe, que se prolongará ata mañá, se están a establecer contactos con outras universidades do espazo educativo Asia-Pacífico e tamén de Estados Unidos.
Un completo programa de visitas e encontros
Tendo en conta o interese cada vez maior en consolidar ou establecer colaboracións con universidades de Hong Kong e China, o SEPIE organizou un programa de visitas a universidades do sudeste asiático, así como de Macao e Beixing, como a Universidade de Ciencia e Tecnoloxía de Macao. Así mesmo, celebráronse encontros co cónsul xeral de España en Hong Kong, Miguel Aguirre de Cárcer García de Arenal, e coa embaixadora de España en China, Marta Betanzos Roig.
