DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Trátase dunha iniciativa de Alejandra Babarro, Mercedes Pérez e Alba Portela

A UVigo reafirma o seu compromiso activo coa loita pola igualdade coa entrega do premio Uviguala ás promotoras do Espazo Violenta da biblioteca do campus de Ourense

A institución académica celebrou este xoves o seu acto institucional co gallo do Día Internacional d

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Igualdade
  • Premios
  • Institucional
DUVI Ourense 06/03/2025

A Universidade de Vigo volve un 8 de marzo máis, Día Internacional da Muller, a reafirmar e visibilizar o seu compromiso activo coa loita pola igualdade de xénero. No seu acto institucional co gallo desta data, entregou este xoves o seu premio Uviguala. Este ano o galardón recaeu en Alejandra Babarro, Mercedes Pérez e Alba Portela, técnicas que xestionan o Espazo Violeta da Biblioteca Universitaria Rosalía de Castro do campus de Ourense, onde se poñen en valor fondos deste centro no eido do feminismo e da igualdade.

O acto tivo lugar no Edificio de Ferro do campus de Ourense, contando coa asistencia de Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo; as e os vicerreitores Francisco Javier Rodríguez, Mónica Valderrama e Eva María Lantarón; Yolanda Rodríguez, directora da Unidade de Igualdade da UVigo, e membros da comunidade universitaria. 

Na súa intervención, o reitor lembrou que a loita pola igualdade é un dos eixes estratéxicos da institución académica e nun momento como o actual, no que, dixo, “moitas batallas que parecían gañadas agora se poñen en solfa” e avanza o discurso en contra da igualdade, fixo fincapé no “papel que ten que xogar a universidade na busca incansable da igualdade”. Neste senso, Manuel Reigosa subliñou “o efecto multiplicador” que ten a institución académica na sociedade e avogou “por seguir dando pasos cara adiante, e desde logo conseguir non dar ningún paso cara atrás”. Reafirmando o “absoluto compromiso” da UVigo coa igualdade, destacou que só unha sociedade igualitaria pode ser “unha sociedade sa” e amosou o seu desexo de que “a idea de igualdade sexa algún día realidade”. O reitor puxo en valor a importancia de visibilizar o traballo que se fai na comunidade universitaria neste eido e felicitou ás galardoadas co premio Uviguala pola súa iniciativa a prol da “presenza do feminismo no día a día”.

Pola súa banda, a directora da Unidade de Igualdade sinalou que este 8M “representa unha oportunidade para reforzar, novamente, o compromiso activo da Universidade de Vigo coa igualdade "real" de dereitos, o empoderamento e a ampliación de oportunidades para todas as mulleres da nosa comunidade universitaria”. Ademais, lembrou, é a data escollida para a entrega do XIII Premio Uviguala 2025, “un premio de compromiso coa igualdade de xénero da Universidade de Vigo a persoas, servizos, grupos ou colectivos que destaquen por facer algunha actividade a prol da igualdade”, pondo en valor a iniciativa escollida nesta edición.

XIII Premio Uviguala

O XIII Premio Uviguala 2025 recaeu en Alejandra Babarro, Alba Portela e Mercedes Pérez, técnicas especialistas da Biblioteca Rosalía de Castro do campus Ourense, pola creación e xestión do citado Espazo Violeta e pola celebración de “días de activismo en prol da igualdade”. Respecto ao Espazo Violeta, trátase dun espazo físico, ubicado na biblioteca, activo todo o ano, onde se expoñen obras, clásicas e contemporáneas, en diferente formato, de nivel internacional e nacional, sobre feminismo e igualdade. Nel celébranse os denominados días de activismo relacionados coa igualdade, como son o Día Internacional da Muller (8M), o Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres (25N), o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia (11F) e o Día de Rosalía de Castro (24F), entre outros.

Entre os méritos para a concesión do galardón a este espazo, a comisión que o concedeu apunta a súa destacada difusión e impacto entre os diferentes colectivos da comunidade universitaria. As tres galardoadas, engaden, “son un exemplo da implicación activa en prol da igualdade, xa que axudan a sensibilizar a comunidade universitaria sobre as cuestións de xénero, a importancia da igualdade e a necesidade de erradicar a violencia de xénero e as violencias sexuais, nomeadamente o acoso sexual e acoso en función do sexo, tanto no espazo físico da biblioteca como a través do espazo virtual coa xestión das redes sociais do propio centro”. Igualmente subliñan o traballo que se realiza desde este espazo para “visibilizar e destacar os traballos científicos das investigadoras internacionais, sobre todo as dos ámbitos de STEM, así como as traxectorias científicas das PDI e investigadoras da propia Universidade de Vigo, especificamente ás do campus de Ourense". Dado os seus bos resultados, a directora da Unidade de Igualdade salientou a recomendación de que esta "iniciativa innovadora" debería desenvolverse en todas as bibliotecas da Universidade de Vigo, “como espazos para a concienciación e sensibilización sobre a igualdade de xénero” xa que, afirmou, “isto contribuirá, activamente, á promoción dunha cultura de respecto, xustiza e igualdade, que é un dos obxectivos prioritarios da nosa Universidade”.

Mercedes Pérez e Alejandra Babarro recolleron o galardón agradecendo a súa concesión e destacando que supón un aliciente para seguir traballando no eido da igualdade. O Espazo Violeta, lembraron, naceu como tal un 8M de hai un ano pero supón a culminación de iniciativas que se remontan ao ano 2014, como os recunchos temáticos temporais que se realizan no centro e que nalgunhas ocasións estiveron dedicados á igualdade. Dada a súa boa acollida, sinalaron, e co apoio da dirección da Biblioteca, o Espazo Violeta chegou para quedarse, constituíndo un espazo permanente no que as e os usuarios da biblioteca poden ver e consultar os seus fondos sobre feminismo e igualdade. “Agardamos que este espazo poida supoñer unha valiosa achega para os nosos usuarios e usuarias no eido da igualdade, o respecto e a tolerancia”, afirmaron. Apuntando como “o camiño da igualdade vaise construíndo ao longo do tempo” e coa implicación de moita xente, na recollida do premio, as galardoadas fixeron extensible o recoñecemento recibido a todas as compañeiras e compañeiros da biblioteca “que están e estiveron” pola súa colaboración en todos os proxectos. Este Uviguala, afirmaron, “vai para nós pero vai por todas”.

Homenaxe ás mulleres lavandeiras

Ademais do premio Uviguala, o outro gran protagonista do acto institucional celebrado este xoves no campus de Ourense foron as mulleres lavandeiras, escollidas para protagonizar a campaña deste 8 de marzo na Universidade de Vigo. “Queremos pór en valor o papel das traballadoras que rompen cos estereotipos de xénero a través da figura das lavandeiras. Estas mulleres desenvolveron un traballo que requiría de gran fortaleza física, xa que non só pasaban longas xornadas na auga fría enxaboando, fregando e clareando a roupa, senón que cargaban con ata 30 kg de roupa mollada para facer o seu traballo”, sinalou Yolanda Rodríguez. Ademais, en moitos casos, tamén exercían como costureiras, pranchadoras e tecedoras. “Elas foron, e son, figuras de memoria e acción. Estas mulleres anónimas son as que apoderan a nosa loita pola igualdade”, afirmou. Esta reivindicación das lavandeiras centrou tamén a regueifa feminista que ofreceu Branca Trigo no acto celebrado en Ourense. Nela foi fiando o traballo destas lavandeiras, o das regueifeiras e a loita pola igualdade de xénero.   

Ademais, neste 8M a Universidade de Vigo adheriuse aos manifestos de entidades como a Conferencia de Rectores y Rectoras de las Universidades Españolas (CRUE) e da Red de Unidades de Igualdad de Género para la Excelencia Universitaria (RUIGEU). Por último, diferentes centros da institución académica celebran estes días actos co gallo deste Día Internacional da Muller.