DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este mércores arrancaron en Ourense as sesións informativas sobre este proceso

A UVigo reafirma a súa aposta pola creación a finais de ano dunha Facultade de Enfermaría única con sede nos tres campus

O reitor Manuel Reigosa explicou a folla de ruta para a súa posta en marcha

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Reitor
  • Saúde
  • Institucional
DUVI Ourense 22/05/2024

Este mércores pola tarde arrancaron no campus de Ourense as sesións informativas abertas á cidadanía coas que o equipo de goberno da Universidade de Vigo quere explicar a folla de ruta para a creación da nova Facultade de Enfermaría e a transición a ela das actuais escolas de Enfermaría adscritas á UVigo. No acto, lembrouse o compromiso da institución académica coa creación dunha facultade única con tres sedes (unha en cada un dos seus campus) “en pé de igualdade” e nas que se fomente non só a formación senón tamén a investigación.  

A xuntanza estivo presidida polo reitor, Manuel Reigosa, acompañado polo vicerreitor de Titulacións e Innovación Docente, Alfonso Lago, e polo vicerreitor do campus de Ourense, Javier Rodríguez Rajo. O seu obxectivo foi ofrecer ás persoas interesadas a oportunidade de coñecer de primeira man e de dialogar sobre a postura da institución académica arredor deste tema, dada a complexidade do procedemento para a creación desta Facultade de Enfermaría. Esta complexidade, explicou o reitor, deriva do feito de que na UVigo non hai ningunha titulación de Enfermaría propia pero si catro escolas adscritas no conxunto dos tres campus: dúas dependentes do Sergas (en Ourense e en Vigo), unha da Deputación de Pontevedra e unha privada en Vigo (Povisa).

Mellorar a formación e a investigación

Manuel Reigosa lembrou que a integración dos estudos de Enfermaría na Universidade de Vigo é unha longa aspiración que se remonta a case varias décadas atrás e que ten como guía dar pulo a “uns estudos moi demandados pola sociedade”. Así, fixo fincapé en como este proceso “será beneficioso para o sur de Galicia e para a sociedade no seu conxunto”. O reitor indicou que é un reto para o seu equipo de goberno sacar a diante esta integración durante o seu mandato, que remata dentro de dous anos. Durante a súa intervención, o responsable académico explicou que, atendendo ao acordo existente entre a Xunta e as universidades galegas ao respecto, o  marco de traballo é a integración das catro escolas de Enfermaría adscritas á UVigo nunha única facultade, con tres sedes igualadas.

O obxectivo do actual equipo de goberno da Universidade de Vigo, dixo Reigosa, “é moi claro: integrar as escolas adscritas para mellorar a calidade da investigación e da docencia das mesmas, para facelas propias e para chegar a impartir todos os niveis MECES”, en referencia a grao, mestrado e doutoramento. Aunando esforzos, indicou, a UVigo aspira a ter “unha facultade modélica que forme ao máximo nivel ás vindeiras xeracións… e que faga investigación traslacional que mellore a vida dos pacientes (e nos permita ocupar un posto de privilexio na escena internacional)”.

Facultade, grao e mestrado

Alfonso Lago foi o encargado de analizar polo miúdo as diferentes liñas de traballo que se están levando a cabo para esta integración. O vicerreitor lembrou que actualmente está pendente a sinatura do protocolo xeral entre a Xunta de Galicia e as universidades do SUG para o desenvolvemento do plan de mellora do ensino universitario de Enfermaría.  Sobre a creación da Facultade de Enfermaría da UVigo, o responsable académico repasou os pasos da tramitación da súa memoria, indicando que actualmente estase coa presentación da documentación requirida pola Secretaría Xeral de Universidades en temas como os convenios de desadscrición. Igualmente adiantou que en maio está previsto que a Universidade de Vigo aprobe a normativa reguladora dos concursos de acceso aos corpos docentes universitarios e ás categorías de profesorado permanente laboral e profesorado axudante doutor onde se regula o acceso a prazas con actividade asistencial vinculada por parte do persoal sanitario consensuado co Sergas. Neste proceso, o reitor amosou a súa confianza en que no Consello Galego de Universidades de decembro deste ano se aprobe a creación desta Facultade de Enfermaría da UVigo.

Na sesión celebrada en Ourense tamén se abordou a cuestión das titulacións. Respecto á de grao lembrouse o traballo feito pola comisión redactora da declaración de interese para a modificación do título no curso 2025/26, memoria que foi aprobada nas xuntas de centro das respectivas escolas. Segundo se indicou, está previsto que, rematado o período de alegacións, a presentación da memoria definitiva do título de grao teña lugar o 4 de xuño. Se todo vai ben, indicou o reitor, coa Facultade de Enfermaría creada a finais de 2024, o Grao de Enfermaría nesta facultade implantaríanse no curso 2025/2026, ofrecendo o primeiro ano (continuando o segundo e demais cursos nas escolas ata a extinción do título) para continuar implantándose gradualmente cada curso académico. Respecto ao Mestrado Universitario en Enfermaría tamén se lembrou o traballo feito pola súa comisión redactora e como está previsto igualmente a presentación da súa memoria final o 4 de xuño. No caso deste mestrado, fíxose fincapé en que a súa adscrición á Facultade de Fisioterapia (o único centro docente do ámbito das ciencias da saúde da UVigo) mentres se tramita nesta fase inicial é "provisional" ata a creación da Facultade de Enfermaría, garantindo o reitor “ao cen por cen” que cando esta facultade estea creada pasará a ela. “Non debe haber controversia neste aspecto”, afirmou Manuel Reigosa.

Precisamente, na quenda de intervencións abertas ao público asistente, Claudio Cerderiña, da plataforma Pro Campus Ourense, entre outros temas trasladou aos responsables académicos a súa consideración de que a adscrición provisional do Mestrado de Enfermaría á Facultade de Fisioterapia, no campus de Pontevedra, xera “inestabilidade” e “inseguridade” aos outros campus implicados e ao persoal das escolas, apuntando que sería moito “máis razoable” que estivese adscrito a algunha das escolas de Enfermaría existentes ata a creación da citada facultade.

Tras esta asemblea en Ourense seguiranlle outras similares no campus de Pontevedra (ás 16.00 horas na Facultade de Belas Artes) e no de Vigo (ás 12.00 horas no paraninfo do Edificio Ernestina Otero).