DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nas Jornadas IEEE Day 2020 que se celebran ata hoxe 

A UVigo, recoñecida como a mellor Rama de Estudiantes da sección española do Instituto de Ingenieros Eléctricos y Electrónicos

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Asociacións de Estudantes
  • Congresos e xornadas
  • Estudantes
DUVI 23/10/2020

Máis de 400.000 enxeñeiros, científicos, tecnólogos e profesionais dun 160 países integran o Institute of Electrical and Electronics Engineers (IEEE), a maior organización profesional e técnica do mundo. Desde o pasado mércores e ata hoxe venres a sección española do IEEE celebra en liña as Jornadas IEEE Day 2020, nas que, cun especial protagonismo para as consecuencias que a covid está a ter na docencia e no ámbito da enxeñaría, docentes e estudantes abordan cuestións como programa de acreditación nacional para o acceso aos corpos docentes universitarios; o novo modelo conceptual de transferencia de coñecemento; o doutoramento industrial como proxecto de investigación industrial o estado da industria 4.0 en España ou as experiencias e casos de éxito das ramas IEEE de estudantes.

Pero máis aló dos relatorios, as Jornadas IEEE Day 2020 tamén foron o escenario da entrega de premios e recoñecementos para os seus membros, como é o caso da Rama de Estudantes do IEEE da UVigo que recibiu o premio á Mellor Rama de Estudantes do ano 2020, polo seu compromiso cos obxectivos do Instituto de Ingenieros Eléctricos y Electrónicos de desenvolvemento educativo, persoal, profesional e técnico. Miguel Salvatierra, presidente da Rama do IEEE da UVigo, agradeceu o galardón, destacando que “un dos puntos positivos da nosa rama é que nos gusta o que facemos e disfrutamos con elo e recibir o premio motívanos a seguir porque o esforzo está recompensado”. Salvatierra, que tivo ocasión de expoñer nun relatorio a dinámica de funcionamento da rama e explicar os proxectos, cursos e obradoiros nos que participan, tamén agradeceu na súa intervención a confianza depositada neles por parte dos novos membros da rama, que xa conta con representación do Women in Engineering (WiE).

Docencia universitaria en tempos de covid 

Nunhas xornadas marcadas no seu desenvolvemento pola pandemia, a covid tamén está a centrar algunhas das intervención dos relatores, como é caso da do director de Estudos de Grao da UVigo, Alfonso Lago Ferreiro e na que tamén participaron representantes da UNED e das universidades Politécnica de Madrid, Carlos III e Alacante. Neste panel, Lago expuxo a experiencia da UVigo durante o confinamento e as solucións propostas para o desenvolvemento do curso 2020/2021, destacando o esforzo realizado por todos os sectores no período de confinamento para que a universidade non parase, así como as liñas seguidas, “axudas contra a fenda dixital, novas bolsas específicas covid, funcionamento do Campus Remoto e Aulas Integra”, detallou o director da Área de Grao.

Nas sesións da Jornadas IEEE Day 2020 tamén participou o ex reitor da UVigo e vicepresidente adxunto da Crue, Salustiano Mato, que abordou no seu relatorio o novo modelo conceptual de transferencia de coñecemento.