DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Consello Galego de Universidades deulle luz verde na súa última sesión 

A UVigo renova a oferta académica en Galicia para o vindeiro curso co único grao con mención dual e os cinco primeiros PARS do Sistema Universitario Galego

O mércores 19 abrirase a preinscrición para as titulacións de grao

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Académica
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 17/06/2024

Logo da aprobación, o pasado venres, por parte do Consello Galego de Universidades, e condicionada á resolución de verificación favorable por parte do Consejo de Universidades a nivel estatal, a Universidade de Vigo renovará a oferta do Sistema Universitario Galego (SUG) para o vindeiro curso 2024/2025 cun novo título de grao, o Grao en Enxeñería da Automoción con mención dual, o primeiro con mención dual que se impartirá en Galicia e cinco Programas Académicos con Percorridos Sucesivos (PARS) no ámbito da Enxeñaría, converténdoa así na primeira universidade do SUG en ofertalos. Así mesmo, a UVigo incorporará a súa oferta de titulacións para o vindeiro curso dous novos mestrados interuniversitarios, os de Biofabricación e Internet das Cousas-IoT. En total, a institución académica viguesa ofertará para o curso 2024/2025 un total 3836 prazas de grao e 1733 de máster.

Das 3836 prazas de grao que a UVigo ofrecerá ao seu alumnado, que poderá realizar a preinscrición a partir deste mércores 19 de xuño, 20 corresponden ao Grao en Enxeñaría de Automoción con mención dual, cuxo estudantado cursará durante catro anos un total de 240 créditos ECTS. Logo dunha formación, nos primeiros cursos, nas bases científicas e tecnolóxicas da enxeñaría, no derradeiro ano, o alumnado desenvolverá os 48 créditos que lle restan, 36 de contidos formativos e 12 correspondentes o Traballo Fin de Grao (TFG), en empresas do sector da automoción, mediante a modalidade de formación dual, o que permitirá ás e aos futuros graduados realizar 1200 horas de formación no ámbito empresarial, que equivale ao 20% do total da titulación, e a distingue dos graos que carecen de mención dual. 

O primeiro título con mención dual que se impartirá en Galicia, permitirá formar o alumnado no campo profesional da enxeñaría industrial que se configura arredor do sector da automoción, incluíndo os diferentes coñecementos, tanto no ámbito de procesos industriais como de produto, dentro deste campo e contando para iso co respaldo de Stellantis, o Centro Tecnolóxico da Automoción de Galicia (CTAG) e o Clúster de Empresas de Automoción de Galicia (Ceaga).

Primeira universidade do SUG en ofertar PARS

O curso 2024/2025 será ademais do da estrea dun grao dual no Sistema Universitario Galego, o primeiro no que se ofertarán Programas de Percorridos Sucesivos (PARS) no ámbito da Enxeñaría, concretamente cinco. “Os estudantes que se matriculen nos PARS poderán continuar os seus estudos de máster sen necesidade de rematar o grao, sempre e cando o número de créditos pendentes non sexa superior a 30 ECTS incluíndo o traballo fin de grao. A finalidade destes programas é que o estudante reforce a súa formación integral vinculando o título de grao e máster orientado a súa especialización profesional”, explica o vicerreitor de Titulacións e Innovación Docente da UVigo, Alfonso Lago.

O vindeiro curso, a oferta de PARS da UVigo está formada por: PARS en Máster en Enxeñaría Aeronáutica vía Grao en Enxeñaría Aeroespacial (5 prazas), PARS en Máster en Enxeñaría Informática vía Grao en Enxeñaría Informática (5 prazas), PARS en Máster en Enxeñaría Biomédica vía Grao en Enxeñaría Biomédica (8 prazas), PARS en Máster en Enxeñaría de Telecomunicación vía Grao en Enxeñaría de Tecnoloxías de Telecomunicación (15 prazas) e PARS en Máster en Enxeñaría Industrial vía Grao en Enxeñaría en Tecnoloxías Industriais (10 prazas).

Lago incide en que “o PARS non constitúe unha nova titulación, senón que proporciona itinerarios curriculares  específicos que permiten cursar as dúas titulacións vencelladas de forma parcialmente simultánea para, unha vez finalizados os estudos, obter ambos títulos”. Isto permitirá unha maior flexibilidade para cursar as materias de ambos os dous plans de estudo e enfrontar os traballos fin de estudos (traballo fin de grao e traballo fin de máster) simultaneamente e relacionando o contido de ambos. “Non obstante, o estudante poderá voluntariamente abandonar o programa e seguir cursando só o grao e posteriormente matricularse noutro máster diferente”, aclara o vicerreitor.

Dous novos mestrados interuniversitarios 

O Consello Galego de Universidades tamén aprobou na súa sesión do pasado venres a implantación o próximo curso dos másteres interuniversitarios en Biofabricación e Internet das Cousas-IoT. Aínda que na mesma sesión, tamén se deu luz verde aos mestrados en Ensino do Español como Lingua Estranxeira ou Segunda Lingua e en Economía Circular, a UVigo decidiu non impartir prazas nesta titulacións para o curso 2024/2025.