DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ana Gago lidera o equipo vigués que participa no proxecto internacional Eurocigua 2

A UVigo renova por tres anos o seu traballo de caracterización química das ciguatoxinas presentes en peixes contaminados

Canarias e Madeira son as zonas de estudo prioritario 

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Medios
  • PDI
  • Vigo
  • Medio Ambiente
  • Saúde
  • Investigación
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 28/11/2022

Cun orzamento de 2 millóns de euros e a participación dunha ducia de organismos e entidades de cinco países, entre os que se atopa a Universidade de Vigo, o proxecto Eurocigua 2 (An integrated approach to assess the human health risks of citatoxins in fish in Europe) traballará durante os próximos tres anos en determinar o risco de intoxicación alimentaria por ciguatera en Europa, co obxectivo de establecer procedementos de control e prevención que garantan a seguridade alimentaria, nomeadamente, as especies pesqueiras en risco, a influenza de posibles cambios no medio mariño e a caracterización completa do perfil das ciguatoxinas, así como a obtención de patróns de referencia. O traballo, que terá como zonas de estudo prioritarias Canarias e Madeira, desenvolverase desde unha perspectiva integrada: epidemiolóxica, orixe no ambiente e modelización e caracterización química das ciguatoxinas presentes nos peixes contaminados por estas toxinas, producidas por microalgas das que se alimentan, e que poden ocasionar síntomas gastrointestinais, cardiovasculares e neurolóxicos, así como debilidade xeneralizada, dor muscular e articular, mareos ou tremores. Durante os últimos anos, só en Canarias, rexistráronse unha vintena de brotes e 125 casos de intoxicación alimentaria por ciguatera, nos que as especies de peixes implicadas foron o medregal, mero, pejerey e abade.

As achegas da UVigo

A responsable do grupo de investigación de Química Analítica da UVigo, Ana Gago Martínez, sinala que as e os investigadores da institución académica viguesa, responsables do Specific Grant 4, “están implicados na caracterización química das ciguatoxinas implicadas na contaminación, mediante o desenvolvemento de técnicas analíticas necesarias para a confirmación das mesmas, que implican a utilización da espectrometría de masas”. Así mesmo, a UVigo tamén participa, nesta continuación do proxecto Eurocigua, na preparación de materiais de referencia a partir de peixes contaminados nas costas europea, ademais de proporcionar adestramento aos laboratorios europeos implicados no proxecto. “Por outra banda, nós tamén teremos implicación na caracterización do risco de ciguatoxinas en peixes importados”, concreta a responsable do grupo de Química Analítica, integrado no Cinbio e ao que tamén pertence José Manuel Leao Martins. 

Xunto á UVigo, participan en Eurocigua2 como socios principais o Ministerio de Sanidad, o Instituto Carlos III e IRTA (Instituto de Investigación e Tecnoloxía Agroalimentaria da Generalitat de Catalunya). A relación de participantes complétase co IPMA, ASAE e Instituto Ricardo Jorge de Portugal; ANSES de Francia; BFR de Alemaña; RIVM de Holanda e a Universidad de Las Palmas e o Servicio Canario de Salud de España. Tamén toman parte nesta iniciativa a Autoridade Europea de Seguridade Alimentaria (EFSA), encargada do cofinanciamento, o Centro Europeo de Control de Enfermidades (ECDC), a Axencia Europea de Medio Ambiente (EEA) da Comisión Europea, a Organización das Nacións Unidas para a Agricultura e a Alimentación (FAO) e expertos de organizacións de investigación de Estados Unidos e Xapón.

Conclusións de Eurocigua I

Eurocigua 2 toma a remuda de Eurocigua I, cuxos resultados permitiron confirmar a aparición da intoxicación por ciguatera na UE , así como indentificar varias especies de peixes con ciguatoxinas en Madeira e Canarias. Así mesmo, a primeira parte do proxecto, no que tamén participou o grupo de investigación de Química Analítica, liderado por Ana Gago, permitiu caracterizar as ciguatoxinas do Caribe como responsables da intoxicación,  gracias o satisfactorio desenrolo e aplicación de metodoloxias analíticas basadas na espectrometria de masas.