O equipo obtivo o terceiro posto con dous ouros, unha prata e cinco bronces
A UVigo súbese novamente ao podio no CEU Taekwondo
Esta fin de semana tamén se obtiveron magníficos resultados no CEU Orientación
A Universidade de Vigo volveu subirse ao podio no Campionato de España Universitario de Taekwondo e fíxoo grazas a uns magníficos resultados individuais que lle reportaron á institución dúas medallas de ouro, unha de prata e cinco bronces.
Á competición, que se celebrou esta fin de semana en Toledo organizado pola Universidade de Castela a Mancha, a UVigo concorreu cun equipo formado por dez deportistas, sete mulleres e tres homes, adestrados para esta cita por Salva Fontán e Erea Andrade.
As medallas de ouro chegaron da man de Sara Pena, estudante do Grao en Educación Primaria, que obtivo o ouro no poomsae individual feminina e de Desirée Rivadulla, do Grao en Fisioterapia, na categoría +73Kg. A elas hai que sumar a prata de Miryam García, tamén de Fisioterapia, en -62kg e os bronces de Adrián Pan, alumno do Grao en Ciencias da Actividade Física e do Deporte, e Gabriel García, de Publicidade e RRPP, en -74Kg, Lois Tomás, de Educación Primaria, en -63 Kg, Cloe Iglesias, estudante de Dereito, en -67 Kg e Aitana Fariña, de Fisioterapia, en -46 kg. Quedaron a piques de acadar tamén cadanseu metal as outras dúas compoñentes do equipo, Uxía Ogea, estudante de Administración e Dirección de Empresas, en -57 Kg e Nuria Cernadas, de Educación Infantil, en +73 Kg.
Con estes resultados a UVigo consegue o bronce na clasificación xeral do CEU de Taekwondo por segunda vez na súa historia e constátase como o equipo máis laureado a nesta modalidade deportiva, tanto a nivel colectivo como individual, con máis de 110 medallas obtidas, entre elas oito ouros por equipos (2006, 2007, 2008, 2011, 2012, 2013, 2016 e 2023), outras oito pratas (1997, 2002, 2005, 2009, 2010, 2014, 2015 e 2022) e dous bronces (2017 e o deste 2024).
Ao máis alto do podio da cita desta fin de semana en Toledo subiu a UCAM de Murcia, que contaba nas súas filas con deportistas olímpicos e medallistas mundiais e continentais, e a continuación a Universitat Autónoma de Barcelona. Nas filas da UVigo cabe salientar a presenza de deportistas de elite como Sara Pena, Desirée Rivadulla ou Miryam García, medallistas nacionais e internacionais e tamén cómpre ter en conta as baixas sensibles, por motivos persoais, de Sara Cortegoso e Samuel Meilán.
Magníficos resultados no CEU Orientación
Esta fin de semana tamén se disputou o Campionato de España Universitario de Orientación en Vic, no que o equipo da Universidade de Vigo, adestrado por José Luis Armada, acadou uns bos resultados.
Mateo Rodríguez, alumno de Ciencias da Actividade Física e do Deporte, logrou un quinto posto na proba de longa distancia e dous sétimos postos na modalidade sprint e media distancia. Candela Puime, de Dirección e Xestión Pública, acadou dous postos 29 en sprint e longa distancia e un 28 en media distancia.
No que atinxe aos resultados por equipos, a UVigo logrou o posto 12 nunha competición dominada pola Universidad Complutense de Madrid.