DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Lydia Pérez logrou o ouro, Saúl Bello unha prata e Iván González un bronce

A UVigo suma tres medallas no Campionato de España Universitario de Loitas Olímpicas

A estes éxitos súmase o bronce de Jacobo Soler no CEU de atletismo 

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Deportes
  • Estudantado
  • Deportes
DUVI Pontevedra 09/05/2022

Despois da medalla de ouro lograda polo equipo de feminino de balonmán, a Universidade de Vigo continúa sumando éxitos nos Campionatos de España Universitarios (CEU), que nestas semanas se disputan en Murcia. Nas competicións de loitas olímpicas e atletismo, a institución académica sumou esta fin de semana catro novas medallas, entre as que destaca o título de campioa de España universitaria da loitadora e alumna da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte Lydia Pérez. Neste mesmo torneo, o tamén alumno deste centro Saúl Bello logrou a medalla de prata na competición masculina de 80 quilos, mentres que o estudante da Escola de Enxeñería Industrial Iván González acadou o bronce na modalidade de 90 quilos. A estes éxitos súmase ademais o bronce logrado este domingo na competición de atletismo polo tamén alumno de Ciencias da Educación e do Deporte Jacobo Soler, na proba dos 400 metros listos.

Tres medallas no CEU de Loitas Olímpicas

“Espectacular. Moito mellor do esperado”. Deste xeito resume Pablo Pintos, director técnico da Federación Galega de Loita e responsable xunto con Rubén Méndez do equipo de loita da UVigo, a participación dos deportistas universitarios este sábado no torneo disputado na localidade de Los Alcázares. A Universidade acudía con catro deportistas a este torneo organizado pola UCAM, no que reuníronse competidores de moi alto nivel, entre os que se atopaban “moitos campións de España júnior e sub23, e tamén algún sénior”, ao que se sumaba a dificultade engadida de que nos CEU o número de pesos de competición é inferior a noutros campionatos. Pese a iso, Vigo sumou tres podios e rematou ocupando o cuarto posto na clasificación final por equipos, que encabezou a Universidad de Murcia.

Unha parte deste éxito correspóndelle á alumna do Grao en Ciencias da Actividade Física e do Deporte Lydia Pérez, “que é a mellor loitadora que hai agora mesmo en España e cumpriu cos prognósticos, arrasando”, recoñece Pintos. Non en van, a pontevedresa logrou o ouro na competición de 64 quilos sumando catro vitorias en catro roldas sin ceder un só punto. “A verdade é que participar no CEU sempre está moi ben, porque non te xera presión e sempre hai un moi bo ambiente”, recoñece Pérez, que lograba o seu segundo ouro na súa segunda participación nun campionato universitario. Gañadora dunha vintena de medallas en campionatos de España, Pérez acudiu ao CEU co propósito de “probar sensacións” antes de competir a vindeira semana nos campionatos de España absolutos de loitas olímpicas e loitas praia, aos que acudirá co obxectivo de sumar dous novos ouros. 

Por outra banda, o tamén alumno de Ciencias da Actividade Física e do Deporte Saúl Bello logrou, grazas a “unha actuación espectacular”, situarse no segundo chanzo do podio na competición masculina de 80 quilos, “que foi unha categoría durísima”, como recoñece Pintos. Tras derrotar nas roldas previas a Pablo González, da Complutense de Madrid, e a Guillermo López Ros, da UCAM, Bello “perdeu pola mínima a final" fronte a Carlos Gilabert, da UNED. Non tivo tanta sorte o alumno da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte Bekbol Onggarov, que rematou sétimo nesta modalidade despois dunha derrota con Gilabert na segunda rolda.

Outra “actuación incrible”, como salienta Pintos, foi a de Iván González, que competiu nunha modalidade diferente á súa, a de 90 quilos. Pese a iso, logrou subirse ao podio, para o que mesmo tivo que derrotar “a un medallista nacional especialista na loita grecorromana”, como lembra Pintos. Estes resultados permitiron que a UVigo rematase cuarta na clasificación por equipos, a pesar de contar só con catro representantes, todos eles, lembra, deportistas que adestran ou adestraron no CGTD, do que destaca á súa colaboración co equipo universitario.

Un metal e boas actuacións, no CEU de Atletismo

 

Tamén esta fin de semana, a UCAM exerceu como anfitrioa do Campionato de España Universitario de Atletismo, un torneo que rexistrou un “altísimo nivel, comparable case a un campionato de España absoluto, con moitos atletas internacionais, olímpicos ou incluso campións do mundo”, como salienta o técnico da Área de Benestar, Saúde e Deporte Alexandre Sanjorge. Nun torneo ao que acudiron campións do mundo como Mariano García, Diego Casas, José Lorenzo, Carlos Tobalina ou Belén Tomil, as e os deportistas da UVigo amosáronse moi competitivos, aínda que só un deles, Jacobo Soler, puido subirse ao podio. Fíxoo na proba de 400 metros, na que gañou David Fradera, da Universitat de Barcelona, e na que o estudante do Grao en Ciencias da Actividade Física e do Deporte rematou terceiro. .

Preto dos metais quedaron os tamén alumnos do campus pontevedrés Jean Marie Okutu, que rematou cuarto na proba de salto de lonxitude, a tres centímetros do bronce; e Cristina Garrido, quinta nos 100 metros listos. En sétima posición remataron as estudantes Andrea González e Iria Filgueira en lanzamento de xavelina, ao igual que Chinweike Ngwudile nos 400 metros. Por outra banda, David Ferrer e Adrián Lago foron novenos en salto de lonxitude e nos 1500 metros, respectivamente, nun torneo ao que a UVigo sumou tamén as boas actuacións de Lucía Ferrer e Iker González, nos 100 metros valados e nos 1500 metros.