DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Será este domingo da man do Departamento de Bioloxía Vexetal e Ciencia do Solo

A UVigo súmase á celebración do Día da Fascinación polas Plantas cun roteiro botánico polo río Eifonso

As persoas interesadas deben inscribirse na web do evento

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • Cultura
B. Besadío DUVI 14/05/2026

A Universidade de Vigo súmase este ano á celebración do Día Internacional da Fascinación polas Plantas coa organización dunha excursión botánica polo río Eifonso, afluente do Lagares, este domingo día 17, unha proposta que chega da man do Departamento de Bioloxía Vexetal e Ciencia do Solo. A institución académica viguesa únese así a unha iniciativa impulsada pola Organización Europea de Ciencias Vexetais, EPSO, co obxectivo de achegar á sociedade a importancia das plantas e da ciencia vexetal para o futuro do planeta. 

O percorrido permitirá ás persoas participantes descubrir a diversidade vexetal da contorna, observar especies autóctonas e exóticas e coñecer distintos elementos naturais e etnográficos vinculados ao ecosistema fluvial, como formacións vexetais, pequenos saltos de auga ou restos de antigas estruturas de cultivo.

Investigadores da UVigo exercerán como guías

A actividade estará guiada polos investigadores da UVigo Luis González, Castor Muñoz e Celestino Quintela e a alumna de doutoramento Nerea Cazás. Eles e ela serán os encargados de acompañarán ao grupo ao longo do itinerario para ofrecer explicacións sobre as especies observadas, os ecosistemas fluviais e o valor ambiental e científico da flora da contorna. 

Para participar na iniciativa é preciso inscribirse previamente na web da actividade. Polo momento, hai xa máis de 20 persoas inscritas, aínda que o prazo de inscrición permanecerá aberto ata o día anterior á celebración da actividade. Neste senso, a organización lembra que a excursión está aberta a persoas de todas as idades e non require preparación física específica. A única recomendación é levar roupa e calzado cómodo, auga e protección solar, así como manter durante toda a actividade unha actitude de respecto e coidado cara á contorna natural.

Actividades en universidades, xardíns botánicos, museos… 

Esta é a oitava edición dunha campaña internacional que se desenvolve arredor do 18 de maio e conta con actividades divulgativas en numerosos países de todo o mundo. Esta é a primeira vez na que se une a UVigo, a modo de experiencia piloto pero con vocación de perdurar no tempo.  O obxectivo é “fascinar” á cidadanía co mundo das plantas e poñer en valor o papel esencial da ciencia vexetal en ámbitos como a agricultura sostible, a produción de alimentos nutritivos, a horticultura, a silvicultura ou o desenvolvemento de produtos de orixe vexetal empregados en sectores como a enerxía, a medicina, a industria química ou a fabricación de papel e madeira. 

Os e as biólogas vexetais estiman que existen arredor de 250.000 especies de plantas no planeta, desde pequenas herbas ata grandes árbores ou cultivos fundamentais para a alimentación humana e animal. A través desta campaña internacional, os seus impulsores pretenden sementar na sociedade unha maior conciencia sobre a relevancia das plantas para o equilibrio ecolóxico e para o futuro social e ambiental.

Na anterior edición organizáronse máis de 670 actividades en todo o mundo, unha cifra que os promotores da iniciativa esperan superar este ano coa participación de universidades, escolas, xardíns botánicos, museos, produtores agrícolas e institucións científicas de diferentes países.