DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No marco do proxecto de especialización do campus de Ourense

O V Congreso Internacional da Auga celebrarase do 25 ao 27 de setembro

Nesta ocasión dedicará especial atención aos temas relacionados co eido empresarial e turístico

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Congresos e xornadas
  • Medio Ambiente
  • Investigación
DUVI Ourense 19/06/2024

Do 25 ao 27 de setembro, a Universidade de Vigo celebrará o V Congreso Internacional da Auga, que nesta ocasión leva por título A auga como recurso sostible: ciencia, empresa e benestar. A iniciativa forma parte das accións do Campus Auga, o proxecto de especialización do campus de Ourense acreditado pola Xunta de Galicia. Ao igual que en anteriores edicións, o principal obxectivo deste evento será ofrecer un punto de encontro para reflexionar e intercambiar coñecementos sobre aspectos significativos relacionados cos recursos hídricos.

Cada edición, a organización do congreso rota entre as diferentes facultades e escolas do campus de Ourense. Así, nesta ocasión, a cita será organizada pola Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo, ademais da Vicerreitoría do Campus de Ourense, e conta co apoio da Xunta de Galicia e a Deputación de Ourense. A programación desenvolverase os días 26 e 27 na citada facultade. Previamente, o día 25 pola tarde, as e os seus participantes incorporaranse á celebración da feira Termatalia en Expourense.

Un programa multidisciplinar

O congreso, indican desde a súa  organización, terá un carácter multidisciplinar, abordando aspectos específicos relacionados coa temática da auga, tales como o patrimonio hídrico, a súa xestión en empresas e turismo, e incluíndo aspectos de acuicultura e a xestión de empresas acuícolas, así como turismo deportivo e termalismo. Ademais, nel exploraranse aspectos vinculados á economía circular, a responsabilidade social e os obxectivos de desenvolvemento sostible no contexto dos recursos hídricos. "A auga constitúe un recurso universal de primeira necesidade, de importancia mundial, cuxo coñecemento, xestión e uso poden e deben ser abordados desde unha perspectiva global necesariamente multidisciplinar", sinalan.

Dentro da temática xeral sobre a auga, este quinto congreso internacional “propón analizar diferentes liñas de investigación, nas que se contará coa participación de especialistas de referencia que, ademais de contextualizar a materia, exporán diferentes resultados ou modelos de investigación de acordo cos seguintes bloques temáticos: actividade turística e auga, termalismo, economía circular e empresa e economía e auga”.

A cita está destinada a investigadoras e investigadores da comunidade universitaria, persoal de I+D de entidades públicas ou privadas que traballan sobre a temática da auga en diferentes escalas e persoas interesadas, estando aberto o prazo de envío de comunicacións.