DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segundo un estudo realizado por un equipo da UVigo, USC e CSIC

As vagas de calor na Península Ibérica e Baleares serán moito máis intensas na segunda metade deste século

As ondas de frío diminuirán en intensidade e extensión espacial

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Investigación
  • Medio Ambiente
  • Investigación
DUVI Ourense 19/05/2025

As vagas de calor serán moito máis intensas e de maior extensión espacial na península ibérica e Baleares para o período 2050-2095. Pola contra, no caso das ondas de frío, tanto a súa intensidade como extensión espacial diminuirán. Estas son dúas das proxeccións feitas nun estudo conxunto realizado por un equipo investigador da Universidade de Vigo, a Universidade de Santiago de Compostela e a Misión Biolóxica de Galicia do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC).

O estudo acaba de ser publicado co título Heat and cold wave intensity and spatial extent on the Iberian Peninsula: future climate projections (2050–2095) na revista Climate Dynamics e está asinado por Nieves Lorenzo, investigadora do Environmental Physics Laboratory (EphysLab), CIM-UVigo; Alejandro Díaz e  Alberto Martí (USC), e Dominic Royé (Misión Biolóxica de Galicia). O traballo é a continuación das análises de intensidade e extensión espacial das ondas de calor e de frío no ámbito da península ibérica e Baleares realizadas anteriormente por membros do equipo.

Valorando diferentes escenarios

En concreto, as proxección feitas prevén que o cambio medio na intensidade máxima das ondas de calor sexa do 144% con respecto ao intervalo 1971-2000. Ademais, a extensión espacial media destas ondas, recóllese no artigo, aumentará entre un 1% e un 2,7% por década (segundo a concentración de gases de efecto invernadoiro -RCP, polas súas siglas en inglés- 4.5 e 8.5, respectivamente), “o que amplificará significativamente o risco de incendios, a demanda enerxética e a exposición humana”.

No caso das vagas de frío, as proxección sinalan que tanto a intensidade como a extensión espacial diminuirán. Segundo recolle o artigo, o cambio medio na intensidade máxima será do -16% e a extensión máxima diminuirá moito máis que a extensión media, con descensos que oscilan entre -0.7%/década e -3.2%/década, o que implicará unha menor exposición. Aínda que a diminución da intensidade e da extensión espacial será considerable, o escenario RCP 8.5 rexistrará unha maior intensidade máxima das olas de frío na península ibérica e Baleares que o escenario RCP 4.5, “o que demostra que estes fenómenos seguirán existindo na segunda metade do século, mesmo cun forzamento radiactivo elevado”.

Tal e como detalla o equipo investigador, estes eventos de temperaturas extremas pódense caracterizar por catro dimensións: frecuencia, duración, intensidade e extensión espacial, sendo estas dúas últimas dimensións menos estudadas no contexto espacial da península ibérica e Baleares. No estudo ambas analizáronse mediante a utilización dos índices Excess Heat Factor (EHF) e Excess Cold Factor (ECF). Estes índices biometeorolóxicos incorporan directamente o aspecto da intensidade e o proceso de aclimatación do corpo humano, o que posibilita o seu uso na avaliación dos efectos das vagas na saúde a nivel da poboación. “Ademais, a súa sensibilidade respecto ás variacións locais de temperatura permite detectar condicións de vaga de calor/frío con antelación, o que converte a ambos índices nunha ferramenta moi útil na toma de decisións en sectores como agricultura ou enerxía”, explican os responsables do estudo.

Importantes contrastes rexionais

A investigación realizada tamén revela importantes contrastes rexionais. No caso das ondas de calor, as maiores intensidades rexístranse na parte occidental da península e nas zonas montañosas. A metade este peninsular, e concretamente a costa mediterránea, rexistrarán intensidades máis baixas segundo as proxeccións feitas. Tanto a maior tendencia como os maiores cambios porcentuais na intensidade máxima rexistraranse na rexión este e nordés peninsular, onde se alcanzarán cambios porcentuais do 300%, duplicando os cambios porcentuais previstos para 2021-2050.

No caso das vagas de frío, as maiores intensidades identificáronse no norte e nordés da península e nas rexións montañosas, mentres que no oeste e suroeste así como en zonas costeiras as intensidades serán menores. O estudo sinala que o descenso da intensidade máxima das ondas de frío con respecto a 1971-2000 será menor no escenario RCP 8.5 (-10.1%) que no escenario RCP 4.5 (-21.6%) e a súa variabilidade será maior. Por outra banda, a súa extensión máxima diminuirá moito máis que a extensión media, con descensos que oscilan entre a -0.7%/década (RCP 4.5) e -3.2%/década (RCP 8.5).

O equipo investigador apunta ademais como cuestión importante que “na segunda metade de século a diferenza entre escenarios RCP 4.5 e 8.5 (menor ou maior concentración de gases de efecto invernadoiro) acentuarase”. Así, comentan, “a intensidade máxima das ondas de calor (EHFmax) e das ondas de frío (ECFmin) no escenario RCP 8.5, de maior forzamento radiativo, será superior á rexistrada en ambos os casos para 2021-2050”.