DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ao igual que as anteriores edicións desenvolverase de xeito virtual

O VI Simposio Internacional de Ensino das Ciencias celebrarase do 13 ao 16 de xuño

Arredor de 200 persoas participan cada dous anos nesta cita

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Congresos e xornadas
  • Académica
DUVI Ourense 23/05/2022

Do 13 a 16 de xuño terá lugar unha nova edición, a sexta, do Simposio Internacional de Ensino das Ciencias. Este evento en liña celébrase cada dous anos como un punto de encontro para o intercambio de experiencias e de relación entre todas aquelas persoas interesadas no ensino das ciencias en calquera ámbito educativo.

Educación Editora é a entidade organizadora do evento, estando o seu comité organizador formado polo profesorado da Universidade de Vigo Pedro Membiela e Mercedes Suárez (Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense) e Benito Vázquez (Escola de Enxeñaría de Minas e da Enerxía do campus de Vigo). Forman parte do comité científico deste simposio máis dunha trintena de especialistas de universidades de España, Portugal, Francia, Alemaña, Italia, Chile, Venezuela, Arxentina, México e Brasil.  Co prazo de inscrición aínda aberto pero tendo en conta a participación en anteriores edicións, a organización do simposio agarda que asistan a el arredor de 200 persoas, principalmente vinculadas á investigación no eido das ciencias, como profesorado universitario, investigadoras e investigadores e alumnado de doutoramento interesado nas liñas de traballo que se abordarán na cita. “O simposio está aberto á inscrición de todas aquelas persoas interesadas no ensino das ciencias”, indican as e os seus promotores.

Novos e vellos retos

O VI Simposio Internacional de Ensino das Ciencias, sinalan desde a súa organización, celébrase tendo en conta que cada ano “hai novos retos” no seu eido de traballo “e faise necesario revisar as nosas perspectivas no que é a calidade e mellora do ensino das ciencias”. É moi importante, engaden as e os responsables da cita, “difundir as experiencias investigadoras e/ou innovadoras e o intercambio de experiencias” pois, comentan, “axuda a mellorar a práctica do ensino das ciencias”. “Este simposio sempre foi on line, á marxe da pandemia, pois pensamos que o presencial e o virtual son dúas orientacións complementarias, cada unha ten as súas vantaxes e inconvintes, ofrecen posibilidades diferentes”, explica Pedro Membiela. Así, por exemplo, subliña como o formato virtual permite neste tipo de accións contar con relatoras e relatores e asistentes que en caso de ser presencial non sería posible, polas dificultades de dispoñibilidade e custes que supón superar a distancia xeográfica.

Seguindo a liña de traballo de anos anteriores, a programación desenvolverase en catro tardes consecutivas, contando cada sesión cunha parte de foro, outra de mesa redonda e outra de presentación de comunicacións orais, co obxectivo de fomentar a participación e o diálogo. Sobre os contidos que se abordarán, Pedro Membiela destaca que “seguimos un criterio amplo, non restritivo, abranguendo a diversidade deste ámbito de investigación arredor do ensino das ciencias”. Porén, apunta, en cada edición sempre hai algunha temática de actualidade, como pode ser a nova orientación do sistema educativo cara o fomento das disciplinas STEM ou o impulso do ensino virtual. “Os tempos traen novidades e por exemplo a pandemia ten incidido bastante no sistema educativo, e polo tanto no ensino das ciencias”, comenta o profesor de Educación e Traballo Social.

Pedro Membiela adiante que dous serán “os grandes temas” das sesións do simposio, o primeiro o presente e futuro da investigación no ensino das ciencias e o segundo o presente e o futuro de ser profesor ou profesora de ciencias. Dúas das tarden achegaranse a estes ámbitos tendo como idioma principal o inglés e outras dúas o castelán e portugués, atendendo ao carácter internacional, aínda que predominantemente destinado á cultura hispano e luso falante, do simposio. Ao longo das sesións, engaden desde a súa organización, tamén se reflexionará sobre a propia investigación arredor do ensino das ciencias, das súas condicións e dificultades actuais. “Os retos do ensino das ciencias e da investigación nel son en xeral os mesmos que afronta o ensino no seu conxunto”, apunta Pedro Membiela. Tras o impacto da covid-19, sinala, “de algunha maneira precisamos resituármonos nun escenario sen pandemia ou cunha pandemia controlada no que as condicións para ensinar e para aprender volven a certa normalidade pero nas que o pasou deixou marca”. Hai moitas cousas que eran importantes antes da pandemia, afirma, e que o seguen sendo, e hai outras novas que entran no seu escenario.