DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Protagonizou un concerto na EE Forestal no marco do ciclo ‘Músicas para reCREAr’

A viaxe que nunca acaba de Teo Cardalda fixo parada no campus

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cultura
  • Música
  • Cultura
DUVI Pontevedra 20/05/2022

El viaje que nunca acaba é o título do último disco do músico vigués Teo Cardalda, co que celebra os seus 40 anos de traxectoria musical trazando un percorrido pola historia do pop español. Nunha actuación inserida no ciclo Músicas para reCREAr, promovido pola Vicerreitoría do campus e a Concellería de Promoción Económica e Universidades, Cardalda presentou na Escola de Enxeñaría Forestal un traballo conformado por vinte versións de cancións que marcaron a súa vida e novas composición que renden homenaxe a músicos cos que compartiu traxectoria. Así, no concerto que tivo lugar na tarde deste xoves, houbo tempo para rememorar os éxitos de grupos dos que formou parte, como Cómplices e Golpes Bajos, e para lembrar a músicos como Antonio Vega, Enrique Urquijo ou Ray Heredia, aos que rende homenaxe nesta gravación, que realizou acompañado unicamente polo piano en diferentes estudios de Europa e América. 

O concerto desta figura do pop español puña peche a unha semana cargada de actividade cultural no campus, que abriu na tarde do luns o concerto 24 instrumentos populares galegos, a cargo de Suso Vaamonde e Xosé Lois Romero, inserido tamén no ciclo Músicas para reCREAr. Impulsado así mesmo ao abeiro do convenio de colaboración do Concello, o mércores tivo lugar, nas ruínas de Santo Domingo, o espectáculo José Suárez: Suite para unha vida, que trazaba un percorrido pola traxectoria deste fotógrafo, combinando proxeccións de boa parte da súa obra coa música composta para este proxecto polo guitarrista Rafa Fernández, que a interpretou xunto con Pablo Pérez, Virxilio da Silva e Álex Salgueiro.