DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A través dun proxecto co que optan ás axudas da Rede Eusumo da Xunta de Galicia

Vicerreitoría e AJE-Pontevedra traballan conxuntamente na promoción da economía social nos ámbitos do Campus Crea

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Emprender
  • Universidade e empresa
  • Institucional
DUVI Pontevedra 25/02/2021

A Vicerreitoría do campus de Pontevedra e a Asociación de Jóvenes Empresarios (AJE-Pontevedra) traballan conxuntamente no deseño de actividades que contribúan a difundir o potencial do emprendemento no eido da economía social nos ámbitos de coñecemento do Campus Crea. Con ese obxectivo, as dúas institucións deron forma a un proxecto conxunto, co que concorren ao programa de axudas para entidades colaboradoras da Rede Eusumo para a realización de actividades de promoción e impulso do cooperativismo e a economía social. O vicerreitor do campus, Jorge Soto, mantivo este mércores unha xuntanza co presidente de AJE-Pontevedra, Jesús Rey, e o xerente da asociación, Henrique Torres, que, como explica Soto, inseríase nunha liña de traballo conxunto entre ambas entidades. Colaboración que, no caso de que a proposta sexa seleccionada na convocatoria desta rede impulsada pola Xunta de Galicia, materializaríase “nunha acción moi importante para ambas institucións”.

Nese senso, o vicerreitor puxo en valor a importancia que para a institución académica ten “fomentar sinerxías que favorezan traballar conxuntamente co tecido empresarial da provincia”. O vicerreitor sinalou neste punto que un dos obxectivos da institución académica é contribuír a “impulsar e favorecer, na medida que poidamos, o talento empresarial e a proxección dos empresarios e emprendedores”, partindo da idea de que boa parte dese “talento novo atópase na Universidade”. 

Cultura emprendedora arredor do Campus Crea

Vicerreitoría e AJE-Pontevedra deseñaron conxuntamente un proxecto que busca tanto difundir as oportunidades e o potencial do emprendemento en economía social entre o alumnado universitario, como dar visibilidade a proxectos empresariais de economía social promovidos por novos empresarios e empresarias e pór en valor a súa importancia para a creación de valor social na provincia. Do mesmo xeito, esta iniciativa pretende tamén promover a cultura emprendedora nos diferentes ámbitos de actuación de coñecemento que se agrupan no proxecto de especialización do campus pontevedrés; a arte, a comunicación e a creatividade, a educación; a innovación social e a xestión pública, o deporte, a saúde e benestar e o medio ambiente e natureza. 

Dirixido nese senso ao impulso de accións que “permitan integrar a economía social nos ámbitos de coñecemento do Campus Crea” e que, polo tanto, poidan contribuír á creación de novas iniciativas empresariais, Vicerreitoría e AJE-Pontevedra proxectan levar a cabo, no marco desta colaboración, iniciativas como un concurso de ideas empresariais dirixido ao alumnado de campus ou un premio para novos empresarios e empresarias que traballen no eido da economía social. Na serie de actividades que as dúas entidades pretenden impulsar, no caso de que a proposta sexa finalmente seleccionada, figuran tamén accións formativas ou a organización dunha feira dirixida a dar visibilidade a boas prácticas de economía social.