DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Un seminario aborda o uso do audiovisual como recurso didáctico en cuestións de xénero

O vídeo, unha mensaxe “sen filtros”, que pode canalizar discursos políticos e sociais

Un percorrido pola escena feminista na videocreación abriu esta actividade virtual

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
  • Igualdade
  • Académica
DUVI Pontevedra 01/10/2020

Promover entre o alumnado da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte unha análise crítica das creacións audiovisuais, pero tamén pór en valor a súa utilidade como recursos didácticos. Estes son os dous obxectivos do seminario O vídeo como recurso didáctico en cuestións de xénero. Unha aproximación desde as artes visuais, que este xoves e venres se desenvolve, de xeito virtual, a través de Campus Remoto. “É unha mensaxe directa, sen filtros, que sedúcete ou lévate ao extremo, e que conduce á reflexión”, salienta a artista plástica e docente Basilisa Fiestras, responsable na tarde deste xoves da conferencia que puxo inicio a unha actividade dirixida pola investigadora do grupo Remoss Cristina Varela, que conta co patrocinio da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo.

O seminario, explicou Varela, abriuse cunha conferencia que constituía “unha aproximación teórica a moitos dos temas” que mañá venres serán abordados no “taller de visionado” que impartirá o tamén artista e docente Cristian Gradín. Fiestras tomou como punto de partida a investigación que desenvolveu para a súa tese de doutoramento, e que partía “da idea do corpo como elemento, ferramenta e soporte”. Nese senso, antes de realizar un percorrido polo labor de numerosas artistas feministas e de como estas “empregan o seu propio corpo como unha ferramenta”, centrouse na contraposición entre como o corpo, nomeadamente o de muller, “sempre foi representado na historia da arte como un corpo pasivo, o das musas e modelos”, coa idea dun “corpo activo, xerador ou ideador da obra ou mesmo propio fin da representación”.

Do corpo representado ao corpo activo

Doutora en Belas Artes pola Universidade de Vigo e profesora asociada do Departamento de Escultura, Fiestras abriu este seminario cun relatorio titulado Estratexias feministas nas artes visuais, dirixido a presentar ao alumnado unha “panorámica da escena feminista na videocreación”. A través dos exemplos de Shigeko Kubota, Marina Abramovic, Yoko Ono, Orlan, Valie Export, Eulalia Valldosera, Mona Hatoum, Pipilotti Rist ou Shirin Neshat, a conferenciante trazou neste relatorio un “percorrido sobre como as artistas feministas empregaron o vídeo para xerar discursos políticos e sociais”.

Fiestras, que centra a súa produción artística na vestimenta, o corpo e a relación entre ambos, tomou como punto de partida para este relatorio a diferenciación entre “corpo representado, é dicir, corpo pasivo”, e un “corpo activo, ideador, ferramenta e resultado da obra de arte”. Con esa idea, a súa panorámica sobre como as artes visuais foron empregadas desde unha perspectiva feminista foi máis aló do vídeo, para achegarse en primeiro termo á arte de acción e, partindo desta, aproximarse ás “múltiples formas de presentarse ou mostrar a obra” que implica a vídeocreación. Desde exemplos de “video-performances” ou “video-instalacións” ata pezas experimentais formaron parte nese senso dun percorrido que buscaba do mesmo xeito afondar en como as artistas feministas teñen xerado “diferentes discursos e tamén múltiples formas de amosalos”.

Da loita pola igualdade á perpetuación dos estereotipos

O seminario completarase na mañá deste venres co obradoiro Ser, ver, pensar. O vídeo como ferramenta didáctica en cuestións de xénero. Nel, o artista plástico e docente Cristian Gradín buscará realizar “unha aproximación ao audiovisual como ferramenta para representar ou dar a coñecer temáticas de interese feminista e de xénero”, a través da proxección e análise dunha serie de pezas de diferentes xéneros, desde o documental ata o videoclip.

Estruturado en dous pases, Feminismo e activismo e Identidades críticas: o cuestionamento dos estereotipos, a proxección desta serie de vídeos, cos que buscará “xerar un debate co alumnado”, estrutúrase á súa vez nunha serie de bloques que lle permitirán falar da muller no traballo e na contorna doméstica, da súa representación nos medios, das masculinidades ou das identidades sexuais “á marxe da heteronormatividade”. Como explica Gradín, o primeiro dos bloques “estará máis centrado na loita pola igualdade”, dando un maior protagonismo ao xénero documental, mentres que o segundo buscará promover unha reflexión “sobre os estereotipos e a súa reprodución nos medios de comunicación de masas, como o cine, a publicidade ou, máis recentemente, as redes sociais”.

Con ese obxectivo, a selección de pezas baseouse nun criterio temático, co propósito de que estivesen representadas “esas ideas de activismo, loita pola igualdade e cuestionamento dos estereotipos”, mais tamén na accesibilidade das obras. “Procurei achegar materiais aos que o alumnado poida acceder libremente e utilizalo para a súa propia práctica”, sinala o artista e docente, que buscou así mesmo pór o foco en pezas de produción galega, como Fíos fóra, da produtora Illa Bufarda, Doli doli doli... coas conserveiras. Rexistro de traballo, de Uqui Permui, ou a canle dos Queer Avengers.