Haberá 27 mesas electorais abertas de 10.00 a 18.00 horas
Vigo converterase este mércores na 1ª universidade española en facilitar o voto accesible en braille
Están chamadas ás urnas 21.226 persoas: 18.253 estudantes; 2207 docentes e 766 PTXAS
Tras dúas intensas semanas de campaña electoral, 21.226 membros da comunidade universitaria elixirán mañá mércores a quen será a súa primeira reitora ou sétimo reitor da Universidade de Vigo: Carmen García Mateo (Nós Universidade), Belén Rubio (H2040) ou Jacobo Porteiro (ConSenso). Será, ademais, unha xornada que pasará tamén á historia por ser a primeira cita coas urnas na que unha universidade española facilite un Kit de voto accesible para que as persoas con discapacidade visual afiliadas a ONCE, coñecedoras do braille, poidan exercer o seu dereito de forma autónoma e secreta.
Esta iniciativa, froito da colaboración entre a institución académica viguesa, a ONCE e o CRE-ONCE de Pontevedra, sitúa á UVigo como a primeira universidade nacional en aplicar este dereito nunhas eleccións destas características, seguindo o marcado polo Real Decreto 1612/2007 que xa se aplica nos comicios estatais e europeos. “Creo que é un fito importante en termos de inclusión na nosa comunidade universitaria”, salienta a directora da Unidade de Diversidade, Raquel Rey, quen subliña que, ata o de agora, moitas persoas con diversidade funcional visual víanse obrigadas a ser asistidas por persoas da súa confianza para exercer o sufraxio. Porén, o novo sistema garante que calquera membro da comunidade universitaria afiliado á ONCE poida votar con autonomía, liberdade e segredo.
O proceso foi coordinado pola Unidade de Diversidade, o CRE- ONCE de Pontevedra e a Secretaría Xeral da UVigo, que se encargou de contactar coas posibles persoas interesadas para informalas desta posibilidade. Unha vez localizadas estas persoas, só terán que dirixirse á súa mesa electoral para recibir alí o material adaptado.
O kit está deseñado para que a persoa electora poida manexar a documentación coas máximas garantías de privacidade. Componse dunha serie de instrucións en Braille -información detallada sobre como utilizar o material-; papeletas e sobre estándar, idénticos aos que utiliza o resto do electorado para garantir que o voto sexa indistinguible unha vez depositado na urna, e documentación complementaria en braille, na que se identifican as candidaturas para que a persoa poida elixir a súa opción con total seguridade.
12 mesas en Vigo, 8 en Ourense e 7 en Pontevedra
No caso das eleccións para elixir á nova reitora ou reitor están a chamadas ás urnas 21.226 persoas: 990 PDI-A (profesorado con vinculación permanente); 1217 PDI-B (outro persoal docente e investigador); 17015, estudantes de 1º e 2º ciclo; 1238 estudantes de 3º ciclo, e 766 PTXAS.
No caso das eleccións ao Claustro a cifra é lixeiramente inferior -20.603-, posto que neste proceso non están chamados ás urnas as persoas matriculadas no Programa Universitario de Maiores (PUM), que suman 623. En total elixiranse 224 claustrais: 101 representantes do sector PDI-A (sector A); 63 no de estudantes (sector C); 38 no do PTXAS (sector D); e 22 no do PDI-B (sector B).
En total haberá habilitadas 27 mesas electorais nos tres campus -12 en Vigo, 8 en Ourense e 7 en Pontevedra- que permanecerán abertas de 10.00 a 18.00 horas. No caso do campus de Vigo as mesas están distribuídas nas facultades de Filoloxía e Tradución; Bioloxía; Ciencias do Mar; Química; Ciencias Económicas e Empresariais; Ciencias Xurídicas e do Traballo; nas escolas de Enxeñaría Industrial, Enxeñaría de Telecomunicación e Enxeñaría de Minas e Enerxía; así como no edificio Exeria. No campus cidade, en Torrecedeira, situaranse dúas mesas: unha na Escola de Enxeñería Industrial e outra na Facultade de Comercio.
No campus de Ourense, as persoas con dereito da voto poderán exercelo nas facultades de Ciencias, Historia, Dereito, Ciencias Empresariais e Turismo, Educación e Traballo Social e Relacións Internacionais; e nas escolas de Enxeñaría Informática e Aeronáutica e do Espazo. Mentres, no campus de Pontevedra as mesas electorais estarán dispostas nas facultades de Belas Artes, Ciencias da Educación e do Deporte, Comunicación, Fisioterapia, Deseño, Dirección e Xestión Pública e na Escola de Enxeñaría Forestal.
Sistema de voto ponderado
A nova reitora ou reitor que saia das urnas gobernará a UVigo por un período de seis anos improrrogables e non renovables. O voto é ponderado, aplicando as mesmas porcentaxes da representación dos sectores no Claustro: 51% no caso do profesorado doutor con vinculación permanente á Universidade; 25% estudantado; 15% PTXAS e 9% o restante persoal docente e investigador.
2ª volta o 15 de maio se ningunha das candidaturas acada máis da metade dos votos
Segundo se recolle nos artigos 3 e 4, respectivamente, do Procedemento para a elección de reitor ou reitora da UVigo, “será proclamado reitor/a, en primeira volta, o candidato/a que acade o apoio proporcional de máis da metade dos votos a candidaturas validamente emitidos, unha vez feitas e aplicadas as ponderacións correspondentes. Para o devandito cómputo non se terán en conta os votos en branco”, e “se ningún/ha candidato/a a reitor/a acada o apoio necesario para ser elixido/a en primeira volta, procederase a unha segunda elección á que só poderán concorrer os dous candidatos/as que tiveran máis votos ponderados na primeira volta. Nesta segunda volta será proclamado reitor/a o candidato/a que obteña máis votos ponderados”.
Se non fose precisa unha segunda volta, o 7 de maio terá lugar a proclamación provisional de resultados, que serían definitivos o 13 de maio, unha vez pasado o período de reclamacións fixado entre o 8 e o 12 de maio. Caso de ser necesaria unha segunda volta, a votación celebrarase o 15 de maio, quedando fixada a proclamación definitiva de resultados para o 28 de maio, logo do prazo de reclamación aos resultados provisionais que terá lugar entre o 19 e o 21 de maio.
Onde e cando votará cada candidata/o?
A primeira candidata en exercer o seu dereito ao voto será Belén Rubio, de H2040, ás 10.00 horas na mesa situada no seu centro, a Facultade de Ciencias do Mar. A seguinte será Carmen García Mateo, de Nós Universidade, que o fará ás 11.00 horas na Escola de Enxeñería de Telecomunicación e, no caso de ConSenso, Jacobo Porteiro pasará a xornada electoral na Escola de Enxeñería Industrial (sede campus), onde exercerá como interventor, polo que non emitirá o seu dereito ao voto ata o remate da votación, xusto antes de pechar as urnas ás 18.00 horas, unha vez que voten as persoas electoras do centro, se ben ás 10.30 horas estará dispoñible nesta mesa electoral para atender aos medios de comunicación.
Datos de participación e seguimento en tempo real dos resultados
Ao igual que en anteriores comicios, a Universidade habilitou unha web na que poderá seguirse en tempo real o reconto electoral. Así mesmo, ás 13.00 horas publicarase un primeiro avance de datos de participación -por sectores-, cifras que serán actualizadas ás 16.00 horas.
No caso da candidatura de H2040 realizarán o seguimento electoral -a partir das 18.00 horas- dende o local electoral designado a tal efecto pola Universidade situado no baixo do edificio Exeria. No caso de Consenso o lugar de encontro será a sala 1 do edificio Miralles, onde estarán dispoñibles para realizar unha primeira valoración de resultados a partir das 19.30 horas. No caso de Nós Universidade o seguimento será no salón de graos da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, onde a candidata ten previsto comparecer ante os medios ás 20.00 horas.
