DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A UVigo sitúase no segundo posto da clasificación, empatada con Burgos e Oviedo 

Vigo, segunda universidade española no ránking de transparencia voluntaria na web da Fundación Compromiso e Transparencia

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Calidade
  • Publicacións
  • Institucional
Mª del Camen Echevarría DUVI 02/12/2020

Nun ano marcado pola pandemia, a Universidade de Vigo confírmase como unha das tres terceiras mellores universidades de España no ránking elaborado pola Fundación Compromiso y Transparencia. Segundo o Informe de transparencia voluntaria en la web de las universidades españolas, entendendo por transparencia voluntaria na web “o esforzo por difundir e publicar a información relevante da organización, facéndoa visible e accesible a todos os grupos de interese de xeito íntegro e actualizado”, a UVigo acada o terceiro posto da clasificación das universidades públicas e privadas do país, empatada a 50 puntos coas universidades de Burgos e Oviedo, e só por detrás de Castilla-La Mancha e Huelva, que encabezan a clasificación con 53 puntos e seguidas por Rey Juan Carlos e Cantabria, que acadan os 51 puntos. Respecto do informe do ano pasado, a institución académica viguesa, a primeira de Galicia (Coruña sitúase no posto 18 e Santiago no 26), suma seis puntos máis, ao rexistrar melloras en varios dos indicadores avaliados pola Fundación Compromiso e Transparencia.

“Para nós é importante acadar este posto no ránking porque somos unha universidade pública e a posición nesta clasificación, e tamén no índice de transparencia Dyntra, sitúanos como unha das administracións públicas máis transparentes do estado español e probablemente a máis transparente de toda a comunidade autónoma de Galicia”, explica Maribel Doval, vicerreitora de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación, para quen este recoñecemento está a transmitir un modelo de gobernanza e o cumprimento dunha obriga como universidade pública, que é o de ser o máis transparente posible e comunicalo ao público. “Ademais queremos exercer de panca de cambio e que outras administracións públicas da contorna poidan copiar modelos dunha universidade que ademais de impartir docencia de moita alta calidade, e onde se investiga, transfire e innova cada vez mellor, faise de xeito responsable, ético e sobre todo transparente”, sinala Doval. 

Descrición de áreas e indicadores

O Informe de transparencia voluntaria en la web de las universidades españolas avalía un total de dez indicadores que abranguen desde o plan estratéxico, á oferta e demanda académica, pasando polo PDI, alumnado, a información económica ou os resultados (labor investigadora, rendemento académico e satisfacción do alumnado ou posicionamento en ránkings nacionais e internacionais), atendendo a visibilidade, accesibilidade, actualidade e integralidade do contido da información, que as institucións académicas proporcionan nas súas páxinas web. O primeiro informe da Fundación remóntase ao ano 2011, cando máis do 50% das universidades foron clasificadas como opacas e non había ningunha transparente, de acordo aos indicadores que propuña a organización e dende entón, as institucións públicas pouco a pouco foron acadando un estado de transparencia idóneo, mentres que no caso das privadas o avance rexistrado é máis lento.

Da decena de áreas e indicadores avaliados no informe, a UVigo cumpre con todos eles, agás dous: o plan estratéxico, que neste intre se atopa en proceso de elaboración, e o informe de control do Consello Social, “un formalismo”, segundo a vicerreitora, que avanza que cara ao vindeiro ano se vai cumprir con este indicador, ao igual que o referido ao plan estratéxico. “Hai que mellorar estes dous indicadores e non perder de vista o acadado, porque as universidades o fan cada día mellor e temos que incorporar a transparencia como unha rutina máis e capilarizalo na institución, non por que queiramos estar nun ránking, senón por que mellora a marca UVigo”, asegura Maribel Doval.

O ránking da Fundación Compromiso e Transparencia establece que para recibir a cualificación de transparente cómpre cumprir un criterio cuantitativo (no caso das públicas sumar cando menos 40 dos 54 puntos posibles e no caso das privadas 36 dos 48 máximos) e cualitativos (cumprir cos indicadores de información económica: estados financeiros e informe de auditoría), de xeito que, con independencia da puntuación acadada, unha universidade non será considerada transparente se non publica os seus estados financeiros e o informe do auditor externo u organismo fiscalizador correspondente. “A transparencia é moi importante e a verdade é que non había tradición, pero cada vez máis empresas ou entidades da contorna se fixan en como son os nosos modelos de traballo e gobernanza. Estas cousas téñense cada vez máis en conta, ademais de ser unha obriga para a administración pública”, lembra a vicerreitora, que agradece a toda a comunidade universitaria as súas achegas, e en especial o traballo que neste ámbito desenvolven a Unidade de Análises de Programas, a Secretaría Xeral e o Consello Social.