DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O acto de entrega celebrouse este mércores na sede da entidade

Virxilio Rodríguez recibe o premio Premio Xosé Neira Vilas de Novela Curta pola súa obra 'Off the record'

A obra céntrase nunha investigación policial a partir do achado dun corpo

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
  • Premios
  • Cultura
DUVI Ourense 04/11/2021

Virxilio Rodríguez, profesor de Dereito Penal da Universidade de Vigo, recibiu este mércores en Gres, Vila de Cruces, o VI Premio Xosé Neira Vilas de Novela Curta pola súa obra Off the record. O acto celebrouse coincidindo coa conmemoración o Día de Neira Vilas. O xurado destacou da novela “o acerto na recreación dunha trama investigadora que transcorre na Galicia bonaerense e que ten na desaparición dun personaxe de ascendencia sefardí a cerna da súa intriga”.

Fernando Redondo, presidente do padroado da Fundación Xosé Neira Vilas, foi o encargado de entregarlle o galardón a Virxilio Rodríguez. Sobre a concesión deste premio, o profesor da UVigo salientou antes da súa recollida que “foi unha sorpresa moi grande e unha grande alegría”. Lembrando como en anteriores edicións foi outorgado a escritoras e escritores moi recoñecidos, Virxilio Rodríguez subliñou que o Premio Xosé Neira Vilas leva o nome “dun escritor que penso que admiramos todos, pola súa obra e tamén pola súa dimensión persoal”. Deste xeito, apuntou, “quedar vinculado por medio da literatura a un xigante como Neira Vilas é unha honra inmensa”. O profesor tivo neste senso palabras de recoñecemento para o labor desempeñado pola Fundación Neira Vilas e para “a dedicación e xenerosidade das persoas que traballan nas convocatorias dos certames e concursos literarios en Galicia” pois, afirmou, “teñen un valor inmenso e son actores moi relevantes no fomento da creación literaria, da lectura, da dinamización cultural, etc”.

De Ourense a Bos Aires

O argumento da novela, explicou o seu autor, é unha investigación policial a partir dun corpo atopado no encoro de Cachamuíña, en Ourense. “O protagonista, un inspector de policía ao que non lle convence o informe forense que determina que se trata dunha morte natural, comeza unha pesquisa audaz, que o leva á cidade de Bos Aires. A partir deste momento comezamos un percorrido pola capital arxentina, seguindo os pasos do inspector”, adiantou Virxilio Rodríguez sobre a súa novela curta, que será publicada pola Fundación Xosé Neira Vilas. Nas páxinas da obra, detallou, “camiñamos polas rúas de Bos Aires, escoitamos a súa música, probamos os seus asados, visitamos as súas bibliotecas, os tribunais... sentimos o seu acento, os olores e sabores dunha cidade espectacular... e investigación dá ao inspector pistas que poden explicar o que el cre unha morte violenta... e ata aí podo ler”. Un elemento que ten especial importancia na trama é unha gravadora que sempre acompaña ao inspector e que permitirá coñecer os testemuños recollidos na investigación.

Da lectura á escritura

“Era a primeira vez que escribía novela, así que estou feliz de que gustase ao xurado”, comentou Virxilio Rodríguez. A súa incursión no mundo literario, indicou antes da recollida do galardón, vén da man dos seus pais e da súa irmá, “grandísimos lectores, sempre, e estudosos de lingua e literatura”. Do gusto pola lectura de cativo, sinalou, pasou a escribir e a presentarse a algúns certames e concursos literarios, destacando destes últimos como “é moi especial a idea de que outras persoas lean un texto que presentas de forma anónima e que poidan compartir contigo a emoción que ti mesmo sentiches cando estabas a construír ese mundo literario”.

A primeira vez que se presentou a un premio literario foi ao Concurso de Contos da Casa da Xuventude e da Agrupación de Libreiros de Ourense no ano 1994, onde lle concederon un accésit. Tamén foi distinguido nos Premios de Poesía, Relato Curto e Tradución da propia Universidade de Vigo, dos que destacou que teñen servido “para abrir as portas a escritores e escritoras hoxe tan importantes como Ledicia Costas ou Xurxo Martínez. “Obtiven un accésit en 1998, cando era un novo estudante universitario, e en 2011 gañeino cun relato titulado Espellos, un par de anos despois de rematar a miña tese de doutoramento”, lembrou. Igualmente recibiu un accésit nos premios de relato curto Modesto R. Figueiredo, entregados no ano 2020, cun relato titulado A primeira vista. A concesión agora do VI Premio Xosé Neira Vilas de Novela Curta, sinalou, “motívame a seguir escribindo e a pensar en novos proxectos”.