DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Máis cun cento de estudantes de 2º e 3º curso recibirán alí parte da súa docencia

Visita ao hospital Álvaro Cunqueiro do alumnado de Enxeñaría Biomédica

Estiveron acompañados polo director da escola, Juan Pardo, e o coordinador do grao, Juan Pou

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Saúde
  • Visitas
  • Académica
DUVI 04/03/2021

O Complexo Hospitalario Universitario de Vigo deulle este xoves a benvida oficial  aos 105 estudantes de 2º e 3º curso do Grao de Enxeñaría Biomédica que recibirán parte da súa formación no Hospital Álvaro Cunqueiro. A presentación estivo presidida polo xerente da Área Sanitaria de Vigo, Javier Puente, e contou tamén coa participación da directora Asistencial, Susana Cerqueiro; o director da Escola Enxeñería Industrial, Juan Pardo; o coordinador do grao, Juan Pou,  así como o coordinador de docencia de Pregrao da área sanitaria, o doutor Alberto Fernández Villar.

O Grao en Enxeñaría Biomédica foi unha das grandes novidades da oferta formativa da Universidade de Vigo dos últimos anos. Centrado na aplicación dos principios, técnicas e métodos da enxeñaría ao campo da medicina, esta titulación púxose en marcha no curso 18/19 cun notable éxito de matrícula. Tras un primeiro curso común, o programa de estudos deste grao contempla dúas intensificacións: Biotech (electrónica, tratamento da información hospitalaria, control de sinais en biomedicina) e Biommec (implantoloxía, biomecánica, biomateriais e equipamento), contemplando en ambos casos un peso importantes de formación práctica, tanto no Hospital Álvaro Cunqueiro como en diferentes empresas do sector.

Cinco materias completas no hospital

A partir de segundo, as alumnas e alumnos cursan cinco materias completas -teoría e práctica- no hospital: Estrutura e patoloxía médica e Estrutura e patoloxía médico-cirúrxica, en 2º curso; Enxeñaría clínica e hospitalaria e Fundamentos da tecnoloxía hospitalaria, en terceiro, e Tecnoloxía hospitalaria en cuarto.