A través da mostra Mapa de evacuación de Gaza, situada no exterior do centro comercial
A voz do pobo palestino escóitase no campus
30 pezas do artista Mohammed Al-Haj visibilizan o impacto dos desprazamentos forzosos
Tras o seu paso por Ourense, a exposición Mapa de evacuación de Gaza, do artista palestino Mohammed Al-Haj, pode visitarse agora ao campus de Vigo. Trátase dunha crónica en pintura do sufrimento do pobo palestino, realizada no propio territorio do xenocidio. A mostra, composta por unha vintena de cadros, está exposta nos exteriores do centro comercial de Cidade Universitaria e amosa o impacto que teñen os continuos desprazamentos vividos polo pobo palestino e a súa resilencia.
A través das súas pinturas e debuxos, Al-Haj reflicte o sufrimento e a morte causados polas bombas, os desprazamentos forzados, a fame provocada e todo o acoso e persecución que Israel está causando ao pobo palestino. O museo de Palestina nos EEUU e Edimburgo cedeu á UVigo os arquivos dixitais destas 30 pezas, que foron impresas sobre lonas para montalas en módulos metálicos que agora achegan á comunidade universitaria o sufrimento e a resistencia do pobo gazatí. A asociación cultural radioliverdade.com estableceu os contactos e participa na produción da exposición.
Tres series creadas na faixa de Gaza
As obras están agrupadas en tres series distintas e foron creadas por Mohammed Al-Haj na propia faixa de Gaza, onde aínda segue vivindo. A súa familia foi desprazada da súa aldea, Kawkaba, durante a limpeza étnica de 1948 e a súa obra explora a relación entre as persoas e a terra, cuestionando o destino do pobo palestino desprazado desde a Nakba de 1948. Actualmente, o artista reside no campo de refuxiados de Nuseirat, dende onde acadou un amplo recoñecemento, consolidando a súa posición como unha voz destacada na escena artística gazatí.
A obra de Mohammed Al-Haj amosa con claridade o impacto humano do desprazamento repetido debido aos mapas de evacuación en Gaza. A través de cores expresivas e retratos emotivos, Al-Haj capta o medo, o terror, a ansiedade e a tensión que acompañan as evacuacións forzadas, reflexionando sobre o custo emocional tanto para as persoas desprazadas coma para a sociedade palestina no seu conxunto. A exposición explora a historia do desprazamento en Palestina, establecendo paralelismos entre o pasado e o presente, e convida ao público a reflexionar sobre a resiliencia do pobo palestino en medio do conflito continuo e a preguntarse se aínda queda espazo para a esperanza.
