DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Webinario 'Retos e expectativas da industria forestal galega'

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Divulgación
  • Medio Ambiente
  • Transferencia
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 26/03/2021

“A industria forestal galega amosouse ata o momento como un sector moderadamente resiliente” que, tralo parón que supuxo para as súas actividades a crise provocada pola covid-19 e o período de confinamento vivido o pasado ano, conseguiu “recuperar o ritmo” nos dous últimos trimestres do ano. Esta é unha das conclusións extraídas da segunda enquisa realizada ás empresas do sector pola Escola de Enxeñaría Forestal e a Axencia Galega da Industria Forestal (Xera) co obxectivo de coñecer os efectos da pandemia na súa actividade. Os resultados deste estudo, no que participaron 127 empresas, sitúan no 17% o descenso na facturación que as empresas sufriron ao longo de 2020, unha porcentaxe inferior ao 26% que prevían para o pasado exercicio na primeira edición deste estudo. O director da EE Forestal, Juan Picos, presentou este venres os resultados desta enquisa no seminario web Retos e expectativas da industria forestal galega, no que puxo o acento en que pese a que, en termos xerais, a crise da covid-19 tivo “menos impacto do prevista polas empresas en maio de 2020”, este segundo estudo permitiu constatar tamén que “algunhas actividades sufriron importantes perdas de ingresos”.

Dirixido a presentar os resultados desta segunda enquisa, o seminario desenvolvido a través do Campus Remoto da Universidade de Vigo, abriuse coas intervencións do reitor, Manuel Reigosa, e do vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación da Xunta de Galicia, Francisco Conde. “Estamos falando dun sector moi importante para o futuro de Galicia como país moderno” salientou o reitor, que destacou a importancia que neste eido ten a “colaboración público-privada”, pondo de relevo neste aspecto o papel en materia de investigación e transferencia” da escola do campus pontevedrés. “Este tipo de análises son moi importantes, porque permítennos avaliar cal está sendo o impacto e que medidas podemos seguir tomando desde a administración”, engadiu Conde, que destacou que o “rigoroso traballo” realizado pola EE Forestal permite constatar, “en termos xerais, unha evolución en positivo do sector”. O vicepresidente destacou así mesmo a necesidade de, neste contexto, “identificar as oportunidades de futuro” que poidan abrise para promover a “transformación da cadea de valor desta industria estratéxica” en ámbitos como a “economía circular e a bioeconomía”. 

Melloría “dentro da gravidade”

Neste seminario, Picos comparou os resultados desta enquisa coa que en maio de 2020 responderon 117 empresas e que permiten concluír que “aínda sendo maioritariamente negativa, a situación mellorou algo, sen esquecer que hai unha serie de empresas que a día de hoxe seguen a estar moi afectadas”. Como exemplo, o director da EE Forestal sinalou que, se ben no primeiro estudo o 48% das empresas sinalaron que a crise da covid-19 lles afectara “moi negativamente” e outro 47% “algo negativamente”, estas porcentaxes situánse agora no 22% e no 60%, respectivamente, mentres que un 15% dos participantes recoñecen que non lles está a afectar.   

No referido á facturación, preto do 30% das empresas sinalaron que esta se reducira ata un máximo do 10% con respecto a 2019, mentres que outro 35% apuntaba incrementos de ata o 10%. En termos globais, o descenso situouse no 17% no conxunto do sector, fronte ao 26% que prevían en maio. Mais, con independencia de que, “no global, o sector está sobrevivindo razoablemente”, Picos sinalou que o estudo confirma que “moitas empresas, probablemente pola súa dependencia dalgúns dos mercados máis afectados pola crise, tiveron problemas sensibles”, como foi no caso dos “subsectores” do contract, a carpintería ou o mobiliario. De feito, 24 das 127 empresas participantes rexistraron un descenso na súa facturación superior ao 40%.

Con respecto a 2021, Picos sinalou que o sector prevé unha "lixeira melloría", xa que preto do 50% dos participantes afirmaron que agardan pechar o exercicio cun incremento da facturación de ata un 10%, “o que transmite un certo optimismo de cara a recuperación”.

Dificultades e ameazas

No referido ás dificultades sufridas ao longo do pasado ano, o sector sinalou fundamentalmente a diminución da demanda, apuntando tamén problemas en materia de subministración, transporte, loxística, cobros e tesouraría. Así mesmo, no referido ás principais “ameazas” que observan para o presente ano, a sinalada en maior medida foi “o nivel de incerteza”, xunto cunha posible caída da demanda, o “aumento da morosidade”, ou a preocupación ante posibles “novas imposicións de paradas de actividade”. 

Outra das preocupacións destacadas, explicou Picos, foi “o impacto da covid-19 na saúde do persoal”, o que ao seu xuízo é un dos sinais da “importancia dos traballadores para as empresas” dun sector que, en termos xerais, realizou o pasado ano “poucos cambios” no referido aos seus cadro de persoal e os seus salarios, aínda que algo máis dun 20% si reduciron o seu número de empregados. Por outra banda, no referido ás axudas, o 14% dos enquisados levaron a cabo un ERTE o pasado ano, mentres que preto dun 43% solicitaron préstamos ao ICO e ao Igape, “o que indica unha certa vontade de permanencia e mantemento da actividade”, apuntou Picos.

Posibles oportunidades

Outro dos apartados do estudo destinouse a coñecer as “sensacións” do sector respecto dalgunhas tendencias que poderían derivar da situación xerada pola pandemia. En termos xerais, a industria sinalou como “positivos”, a aposta polos mercados de proximidade, a “expectativa de retorno ao ámbito rural” e os posibles incrementos das demandas dun maior confort nas vivendas e de espazos naturais e saudables. Pola contra, o “rexurdimento das fronteiras nacionais” foi percibido como “un risco”, en especial por aqueles “subsectores máis exportadores”. Así mesmo, Picos destacou que o sector percibiu cunha “certa positividade” a consolidación do “comercio online”, aínda que o estudo constatou tamén que non foi un aspecto que potenciasen na pandemia, “probablemente máis por non poder que por non querer, algo que habería que estudar”.