DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Repartirán 7700 euros entre a comunidade universitaria

Xa están de volta os concursos de creación audiovisual, fotografía, pintura e maquetas de música

As persoas interesadas en participar teñen de prazo ata o 30 de xullo para inscribirse

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Arte
  • Cultura
  • Premios
  • Cultura
DUVI 19/05/2025

Como cada primavera a UVigo fai unha chamada á creatividade da comunidade universitaria convocando unha nova edición dos Concursos Universidade de Vigo, un amplo paraugas baixo o que se acollen a XXII edición do Premio de creación audiovisual; Premio de pintura e Premio de maquetas de música e a XXI  edición do Premio de fotografía. Repatiranse en total 7700 euros en premios e o  prazo de presentación de solicitudes manterase aberto ata o 30 de xullo.

Tres modalidades en Creación audiovisual

O Premio de Creación Audiovisual é o que reparte un maior número de premios xa que se convocan tres modalidades: curta narrativa, non ficción e vídeo experimental. Cada participante ou grupo de traballo poderá presentar un máximo de dúas obras por cada unha das modalidades, non debendo exceder ningún dos traballos os 15 minutos de duración. En cada modalidade, outorgarase un primeiro premio de 700 euros e un segundo cunha dotación de 400 euros.  Serán en total 3300 euros.

1000 euros para o 1º premio de Pintura

Na modalidade de Pintura repartiranse dous galardóns, un primeiro premio de 1000 euros e un segundo de 600 € e os traballos premiados pasarán a formar parte da colección artística da Universidade de Vigo. Neste caso, cada participante só pode presentar unha única obra, orixinal e que non fose galardoada en ningún outro concurso. A técnica será libre, sempre e cando estea garantida a súa estabilidade, e o tamaño non debe exceder de 200 centímetros na maior das súas dimensións.

Premios para a mellor serie e imaxe única no concurso de Fotografía

O Concurso de fotografía conta tamén con dúas modalidades: serie (de tres, catro ou cinco fotografías) e fotografía única. Os traballos deberán presentarse neste caso en formato JPG en tamaño de impresión de 240 px por polgada, cun tamaño máximo de 15 MB por cada fotografía e usando formato zip para a súa compresión (modalidade serie). Repartiranse en total 1500 euros: un primeiro premio de 600 euros e un segundo de 300 na categoría de serie, e un primeiro de 400 euros e un segundo de 200 en fotografía única.

Na busca das maquetas  de música máis orixinais

Na categoría de Maquetas de música o primeiro premio ascende a 850 euros e o segundo a 450 euros. Poden presentarse aqueles solistas que sexan membros da comunidade universitaria ou aqueles grupos que teñan entre os seus compoñente ao menos dous membros da devandita comunidade ou tres no caso de grupos de cinco ou máis compoñentes, quedando excluídos os que teñan editado algún traballos discográfico, agás que sexa autoeditado e non conten con respaldo discográfico na actualidade.  Neste caso, a UVigo resérvase a posibilidade de editar un CD ou DVD con temas das persoas gañadoras ou promover actuacións destes artistas, quen, ao mesmo tempo, poderán tamén promocionar estas pezas pola súa conta, sempre e cando mencionen o premio.