O seu obxectivo é consolidar e mellorar os resultados da tempada pasada
O Xadrez Ourensán Universitario compite este ano na liga galega con cinco equipos
En total participan con 57 xogadores de diferentes idades
A Liga Galega de Xadrez 2026 xa está en marcha e o Xadrez Ourensán Universitario compite con cinco equipos noutras tantas categorías, sumando un total de 57 xogadores de diferentes idades. Co reto de consolidar e/ou mellorar os resultados do pasado ano, os xogadores adestran cada semana no seu local do Edificio de Ferro do campus de Ourense e compiten as fins de semana.
O equipo que está na división máis alta é o Universitario de Ourense A, que compite na categoría de preferente, onde cada xornada xogan seis taboleiros. “O obxectivo principal deste equipo é manterse outro ano máis na categoría, xa que tanto os rivais como os desprazamentos son moi esixentes”, indican desde o club. Séguelle o Universitario de Ourense B, que está en primeira división, onde xogan tamén catro taboleiros cada semana. Neste caso, o obxectivo que se marcan desde o Xadrez Ourensán Universitario é “consolidarse aínda máis na categoría, xa que o ascenso non é posible porque a competición non permite dous equipos en preferente, onde xa temos o Universitario de Ourense A”.
Tamén en primeira división o club do campus compite co Universitario de Ourense C. “Este ano este equipo conta con varios reforzos, polo cal o obxectivo é finalizar o máis arriba posible na clasificación”, sinalan desde a organización do Xadrez Ourensán Universitario. Xa en segunda división participa o Universitario de Ourense D, con tamén catro taboleiros en cada xornada e co reto de “manter a categoría tratando de quedar no posto máis alto posible”. Por último, o Universitario de Ourense E xoga en terceira división, con catro taboleiros por xornada. “Nesta categoría compiten os nosos xogadores máis novos e o obxectivo é ascender a segunda división”, afirman desde o club.
