DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Con elas a UVigo súmase á conmemoración do centenario da creación desta institución cultural

As “xeiras” de homenaxe ao Seminario de Estudos Galegos arrancan en Ribadavia

Alumnado do IES Allariz e do IES O Ribeiro participan na iniciativa

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Charlas e seminarios
  • Cultura
  • Lingua Galega
  • Visitas
  • Cultura
DUVI Ourense 19/05/2023

Ribadavia acolleu este venres o arranque da programación das Xeiras con Historia, unha iniciativa coa que a Universidade de Vigo se une á celebración este ano do centenario da creación en 1923 do Seminario de Estudos Galegos (SEG), unha institución cultural creada por intelectuais galeguistas para estudar e divulgar o patrimonio cultural e lingüístico de Galicia. Na actividade, que terá continuidade o día 26, participa alumnado do IES Allariz e do IES O Ribeiro (Ribadavia).

A cita está coordina pola Área de Normalización Lingüística e a Vicerreitoría de Extensión Universitaria da Universidade de Vigo e nela participan a Fundación Otero Pedrayo, a Fundación Vicente Risco, a Fundación Losada Diéguez e a Facultade de Historia do campus de Ourense. Ademais conta coa colaboración dos IES Allariz e o IES O Ribeiro e os concellos de Allariz e Ribadavia. A iniciativa inspírase no “novidoso e xenuíno” sistema de investigación que denominaron xeiras empregado a partir do ano 1926 polos membros do Seminario de Estudos Galegos. “O procedemento era o seguinte: as diferentes seccións do SEG acordaban unha comarca e todos os membros dispoñibles desprazábanse alí, arredor dunha semana, para traballar directamente sobre o terreo ao mesmo tempo. O obxectivo era aplicar un enfoque integral cunha perspectiva multi e interdisciplinar. Visitaban xacementos arqueolóxicos, igrexas, pazos, romarías, realizaban análises xeolóxicas, etc”, detallan desde a organización da actividade.

Partindo desta metodoloxía, a proposta das xornadas, comentan desde a súa organización, “é pór en marcha unha experiencia similar con alumnado de Educación Secundaria dos concellos de Allariz e Ribadavia, co obxectivo de transmitir e experimentar esta singular vía de investigación no ámbito da cultura galega, en concreto nas áreas da historia, arqueoloxía, literatura, etnografía e arte”. Con esta idea, o alumnado participante estivo a realizar un pequeno traballo de recollida de saber de persoas maiores da súa contorna que plasmaron en vídeos curtos e que se proxectan nestas xeiras.

Dúas sesións

A primeira xeira tivo lugar este venres en Ribadavia. Alí o alumnado de Allariz foi acollido polo alumnado do IES O Ribeiro e expuxo os seus traballos. A programación continuou cunha visita ao xacemento de San Cibrao de Las, onde o director do Museo Arqueolóxico de Ourense, Xulio Rodríguez, explicou o desenvolvemento das escavacións realizadas por Cuevillas. Tamén houbo unha visita guiada á Casa Museo de Otero Pedrayo en Trasalba, Amoeiro, onde o alumnado asistiu a pequenas charlas sobre o papel da SEG en Ourense, a cargo de Julio Prada, decano da Facultade de Historia do campus de Ourense, e o papel neste seminario de Otero Pedrayo, a cargo de Patricia Arias, secretaria da Fundación Otero Pedrayo.

A segunda das xeiras será o 26 de maio en Allariz. Devolvendo a visita recibida, o alumnado de Ribadavia será acollido polo alumnado do IES Allariz e exporán alí os seus traballos. Ao remate visitarán ao xacemento de Armea, onde o director do proxecto arqueolóxico deste enclave, o investigador do  Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEAAT) da Universidade de Vigo Adolfo Fernández, explicará o desenvolvemento das escavacións e os resultados acadados durante estes anos. Para rematar a actividade haberá unha visita guiada e breve charla sobre o papel de Vicente Risco na SEG por Antonio Blanco, vicepresidente da Fundación Vicente Risco, e un xantar en Allariz.