Foi ofrecido polo catedrático Ángel Carracedo
A xestión e construción de grupos de investigación centra un curso celebrado na Facultade de Educación e Traballo Social
A actividade estivo organizada polo Departamento de Análise e Intervención Psicosocioeducativa
O Departamento de Análise e Intervención Psicosocioeducativa da Universidade de Vigo organizou este venres na Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense o curso Xestión e construción de grupos de investigación: do liderado persoal ao impacto colectivo. Foi ofrecido por Ángel Carracedo, catedrático de Medicina Legal da Universidade de Santiago de Compostela. Os obxectivos da iniciativa foron fortalecer a capacidade de liderado científico do persoal investigador do departamento organizador; mellorar a xestión estratéxica de recursos; construír e consolidar grupos de investigación sólidos; impulsar a innovación e o impacto social da investigación e fomentar prácticas colaborativas e unha cultura de comunidade científica.
A sesión arrancou lembrando a dilatada traxectoria de Ángel Carracedo. Desde 1989 é catedrático de Medicina Legal da USC, “cargo desde o que exerceu un liderado académico decisivo para a consolidación da investigación xenómica en Galicia e no conxunto do estado”, segundo destacou na presentación María Dapía, coordinadora do curso. É director da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica (Sergas-Xunta de Galicia) desde 1999, “impulsando un modelo de liderado científico sustentado na innovación, na colaboración interdisciplinar e na transferencia de coñecemento á sociedade”, e dirixe o Centro Nacional de Xenotipado-ISCIII (nodo USC) desde 2002, “contribuíndo á creación dunha infraestrutura estratéxica de referencia internacional no ámbito da xenómica”.
Considerado unha das figuras máis relevantes da medicina xenómica, na actividade celebrada no campus salientouse que é autor de máis de 500 publicacións en revistas internacionais e director de numerosas teses de doutoramento, destacando “pola súa capacidade para formar, inspirar e acompañar novas xeracións de investigadores”. Ao longo da súa traxectoria recibiu numerosos premios e distincións, que, indicou María Dapía, “avalan un percorrido profesional caracterizado polo liderado ético, científico e social”.
A actividade, comentou Ángel Carracedo, consistiu en “contar un pouco a historia da miña vida: como se fai e se leva un grupo grande de investigación”, abordando desde a consecución de proxectos e a organización de grupos en estruturas públicas diversas ata a motivación dos equipos. Na actualidade, comentou, o seu grupo ascende a arredor de 220 persoas e conta cunha “actividade moi aplicada, xa que parte da xente traballa producindo diagnoses xenéticas ou forenses, e a outra metade investiga”. Trátase, afirmou, dunha conxunción que “dá moi bos resultados”. A clave, en todo caso, sinalou o convidado, é “conseguir harmonía e crecemento con sostibilidade, para min unha palabra moi importante”.
