DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A cita celebrouse este xoves no centro da cidade e no campus

As XIX Xornadas Interxeracionais volven a apostar pola convivencia entre persoas de diferentes idades e capacidades

Alumnado universitario, escolares, maiores e persoas con diversidade participaron na cita

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Estudantado
  • Estudantes
DUVI Ourense 21/04/2022

Tras dous anos de pandemia, as XIX Xornadas Interxeracionais volveron este xoves a xuntar alumnado universitario, persoas das Aulas de Terceira Idade, escolares e persoas con diversidade arredor do xogo e co obxectivo de rachar as barreiras da diferencia de idade e entre colectivos diversos. Arredor dun centenar de persoas participaron na actividade.

A actividade estivo organizada por alumnado do Grao de Educación Social da Facultade de Educación e Traballo Social co apoio do seu centro e das Aulas de Terceira Idade. A súa organización formou parte da materia Educación: Pedagoxía Social, impartida polo profesor Millán Brea, e nela participaron arredor de 75 estudantes de primeiro curso. A filosofía desta edición foi a mesma de anos anteriores: xogar sen que a idade sexa un impedimento. A xornada, como era tradición, arrancou na Praza Maior de Ourense reunindo nela a todas e todos os participantes e coa lectura dun manifesto elaborado de xeito conxunto. Seguíronlle logo actividades e xogos no pavillón de deportes do campus de Ourense.  

Tal e como explicou Millán Brea, foi unha edición especial pois a actividade levaba dous anos sen celebrarse debido á pandemia da covid-19. “Agora mesmo precísanse máis ca nunca este tipo de actividades, é unha necesidade do alumnado, das persoas maiores, de todo a xente”, sinalou. Como mostra desta necesidade, o profesor apuntou igualmente a boa acollida que tivo esta edición entre os diferentes colectivos participantes e o traballo realizado polas persoas implicadas na organización da cita.