Promovida polo grupo CP2, desenvólvese este martes e mércores na Facultade de Comunicación
Unha xornada afonda no potencial da intelixencia artificial como “aliada” da divulgación científica
A mellora da visibilidade en redes sociais é outro dos eixes desta actividade
Achegar ao persoal investigador unha serie de ferramentas, ideas e estratexias que permitan dar maior difusión ao seu traballo é o obxectivo central das xornadas Redes sociais e IA para mellorar a visibilidade científica e académica, que este martes e mércores se desenvolven na Facultade de Comunicación. Promovida polo grupo CP2 Comunicación Persuasiva, trátase dunha iniciativa concibida como “un espazo de intercambio, exploración e traballo práctico arredor das posibilidades que ofrecen as redes sociais e a intelixencia artificial como aliadas para mellorar a comunicación pública das nosas investigacións, proxectos e accións de transferencia”, sinalan desde a organización.
Coordinadas pola profesora Mónica Valderrama e abertas ao conxunto da comunidade universitaria, estas xornadas teñen como obxectivo contribuír a “mellorar a visibilidade da actividade científica” do grupo CP2. Con ese propósito, o seu programa abrangue catro talleres, impartidos por profesionais e centrados en aspectos como a xeración de contidos accesibles e rigorosos para redes sociais, que contidos son máis adecuados para cada plataforma ou a creación de recursos divulgativos con ferramentas de intelixencia artificial.
Como explicou Valderrama, estas xornadas parten da idea de que, “dalgún modo, hai que devolverlle á sociedade o que se está investindo nas universidades públicas” e unha forma de facelo “é contando o que se fai nos laboratorios e nas aulas”. Aínda que aberta á comunidade, explicou, esta iniciativa ten como principal destinatario o persoal docente e investigador, co obxectivo de que poidan empregar “ferramentas que están ao alcance de calquera”, como a intelixencia artificial, para que as súas iniciativas “poidan chegar a un público máis amplo”.
Da estratexia en redes á creación de contidos con IA
Precedidas dun encontro coa vicerreitora do campus de Pontevedra, Marián Fernández, e a vicerreitora de Oferta Académica, Esther Pillado, as xornadas abríronse cun relatorio sobre o uso de redes sociais para a comunicación científica, a cargo do xestor de redes da Universidad de Sevilla Sergio Fernández. Esta actividade permitiu ás persoas participantes coñecer as “pautas para comunicar a través das redes sociais” desta institución académica, sinalou Valderrama, quen lembrou que a UVigo conta tamén cunha guía para comunicar a través destas plataformas. Esta actividade buscaba tamén que as e os participantes obtivesen un conxunto de recomendacións “para traballar a súa marca persoal, dentro do aspecto profesional”, o que levou a Fernández García a deterse tanto nas estratexias e plataformas a empregar para a divulgación científica, como nos públicos e formatos de cada rede, co propósito de achegarlles claves para “transformar o coñecemento científico en contidos atractivos, comprensibles e rigorosos”, sinalan desde a organización.
Nesa mesma liña, a actividade continuou na tarde deste mércores cun obradoiro de Blanca Rodríguez, creadora de contido na axencia Trend, centrado en proporcionarlles “pautas e boas prácticas para aproveitar mellor as posibilidades que ofrecen as distintas plataformas”, afondando en que contidos poden funcionar mellor en cada rede.
A xornada do mércores estará dedicada ás posibilidades que achega a intelixencia artificial en materia de divulgación, a través de dous obradoiros. O primeiro deles correrá a cargo de Joel Bucio, responsable da axencia Goose & Hooper, e centrarase no deseño de prompts, na xeración e adaptación de contidos e na creación de recursos en diferentes formatos a partir dunha mesma información. A continuación, José Alcañiz, CEO de Esterea Comunicación Digital, porá o foco nas ferramentas e recursos dixitais que “poden contribuír a mellorar a difusión, o posicionamento e o alcance do traballo científico e académico”.
Por outra banda, desde a organización sinalan tamén que o obxectivo é que este encontro sirva tamén para comezar a construír un “repositorio compartido de recursos” que permitan facer máis visible o traballo do grupo CP2, incorporando guías, recomendacións, prompts ou materiais de consulta.
