DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A actividade terá lugar este mércores no campus

Unha xornada afondará na diversidade nos manuais escolares ao longo da historia

O seu obxectivo é avanzar na inclusión real nas aulas desaprendendo “os vellos moldes”

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Congresos e xornadas
  • Diversidade
  • Académica
DUVI Ourense 08/06/2026

Este mércores, 10 de xuño, o Edificio de Ferro do campus de Ourense acolle a celebración da xornada A diversidade nos manuais escolares ao longo da historia. Organizada pola Unidade de Diversidade da Universidade de Vigo, a cita quere “repensar a diversidade, a igualdade e a liberdade dende a raíz da nosa historia pedagóxica” coa idea de que “a inclusión real nas aulas de hoxe esixe desaprender os vellos moldes que onte foron impresos”.

A cita, que arrancará ás 10 h na aula 0.10, contará coa participación de tres especialistas en historia da educación. Estará Xosé M. Cid Fernández, profesor e investigador na Facultade de Educación e Traballo Social da Universidade de Vigo, na Área de Teoría e Historia da Educación, "membro fundador de Nova Escola Galega, activo participante nos transfronteirizos Encontros de Educadoras/es pola Paz e figura clave no impulso da Academia de Ciencias Sociais do Couto Mixto", tal e como indican desde a organización. El falará da “importancia de abordar a inclusión desde a historia”. Xunto a Xosé Manuel Cid estará Agustín Escolano Benito, catedrático de Historia da Educación, fundador do CEINCE e “referente absoluto na cultura material da escola”, que falará da “arqueoloxía e democratización da escola”. Completa este panel de participantes Teresa González Pérez, catedrática de Historia da Educación “cuxa prestixiosa traxectoria liga a historia da escola coas políticas de igualdade e a perspectiva do grupo Nexus”. Ela será a encargada de falar de “políticas de xénero, marxes e identidades na historia da educación”. A mesa estará moderada por Nuria Diéguez García, profesora na Área de Teoría e Historia da Educación na Universidade de Vigo.

Unha ollada crítica

Con estes “tres perfís académicos de primeirísimo nivel”, explica Raquel Rey, directora da Unidade de Diversidade da UVigo, a xornada márcase catro obxectivos. O primeiro é "deconstruír os arquetipos tradicionais de xénero dende unha perspectiva histórica, crítica e interseccional, aproveitando a traxectoria de recoñecido prestixio de Teresa González Pérez nos estudos de xénero e as políticas de igualdade". O segundo reto pasa por “analizar a evolución da cultura escolar no noso país a través dos manuais, a iconografía e as prácticas pedagóxicas, identificando da man de Agustín Escolano Benito como se construíron historicamente as identidades e os roles sociais”. A xornada tamén quere “fomentar o diálogo entre a historia da educación e a inclusión actual, da man de especialistas como Xosé Manuel Cid, ofrecendo ferramentas de análise para que o futuro profesorado e os axentes sociais poidan detectar e corrixir sesgos nas aulas do século XXI”. Por último, a iniciativa busca “reivindicar a fenda socioeducativa, analizando a súa vixencia na procura dunha escola que acolla a totalidade das diversidades”.

“Cunha ollada crítica e conectada que usa a historia como un espello para deconstruír os prexuízos actuais e loitar pola igualdade de oportunidades, este encontro vai moito máis alá dunha simple análise do pasado. Unindo a perspectiva de Cid sobre a inclusión, a de Escolano arredor do espazo escolar e a urxencia de democratizar as aulas, e a de González coas políticas educativas e a interseccionalidade, a xornada convértese nunha deconstrución de como as estruturas educativas crearon, e poden destruír, as marxes da exclusión para garantir unha igualdade real”, afirma Raquel Rey. A xornada está aberta á asistencia do público interesado.