Xornada de eleccións 2026 a Reitoría e Claustro
Xornada de eleccións 2026 a Reitoría e Claustro
Xornada de eleccións 2026 a Reitoría e Claustro
A normalidade está a presidir as primeiras horas da xornada electoral na que a comunidade universitaria elixe quen será a súa nova reitora ou reitor, así como os 224 integrantes do Claustro. Pouco antes das 14.00 horas, o primeiro avance de participación confirmou que case un 70% (69,09%) do total de 757 PTXAS (persoal técnico de xestión e administración de servizos) con dereito a voto, xa se achegara ás urnas. Pola súa banda dos 990 PDI-A (profesorado con vinculación permanente) que poden votar nesta cita electoral, xa o fixera, antes das 14.00 horas, un 55,66%. Mentres o PDI-B (outro persoal docente e investigador), integrado por 1157 membros, acadou un 35,44% de participación; o sector do estudantado, con 18.274 integrantes, non superou o 6,62% de participación.
Ás 10.00 da mañá o PDI, o PTXAS e o alumnado dos tres campus da UVigo comezaba a exercer o seu dereito a voto nas urnas localizadas nas 27 mesas electorais, situadas nos campus de Vigo, Ourense e Pontevedra, que permanecerán abertas ata as 18.00 horas. A partir dese momento comezará o reconto, que poderá seguirse, no caso das eleccións a Reitoría, en tempo real, a través dunha páxina web habilitada a tal efecto.
Tras unha noite na que aseguraron durmir ben e un almorzo, como o de calquera outro día, as dúas candidatas e o candidato á Reitoría arrancaron a xornada electoral, votando no edificio de Ciencias, no caso de Belén Rubio (H2040); exercendo como interventor no de Jacobo Porteiro (ConSenso); e dando clase, no de Carmen García Mateo (Nós Universidade). Os tres aspirantes á Reitoría coincidiron en sinalar a importancia da xornada electoral para as e os seus integrantes, animándolles a participar, en especial ao alumnado. “Estar preparada para todo”, asegurou Belén Rubio logo de exercer o seu dereito a voto, ao tempo que destacou a calidade dos tres equipos que concorren á Reitoría. Mentres, Jacobo Porteiro, a pé de urnas, onde exercerá toda a xornada como interventor, referiuse “ás expectativas, ilusión e certa ledicia” chegado o momento das votacións. Pola súa banda, Carmen García Mateo, asegurou entre clase e clase, logo de votar, “que o traballo está feito e agora agardamos que a comunidade universitaria confíe en nós”.
Ata as 18.00 horas poderán elixir a primeira reitora ou ao sétimo reitor da UVigo 21.178 integrantes da comunidade universitaria: 990 PDI-A (profesorado con vinculación permanente); 1157 PDI-B (outro persoal docente e investigador); 18274 estudantes e 757 PTXAS. Pola súa banda, no caso das eleccións ao Claustro, cuxo resultado non se coñecerá ata mañá, a cifra de persoas que poden votar é lixeiramente inferior, posto que neste proceso non están chamados ás urnas as persoas matriculadas no Programa Universitario de Maiores (PUM). Cómpre lembrar que neste proceso electoral o voto é ponderado, aplicando as mesmas porcentaxes da representación dos sectores no Claustro: 51% no caso do profesorado doutor con vinculación permanente á Universidade; 25% estudantado; 15% PTXAS e 9% o restante persoal docente e investigador.
Belén Rubio: “O que vaia saír será bo para a Universidade”
A candidata de H2040 recoñeceu, logo de votar pouco despois das 10:00 da mañá na mesa da Facultade de Ciencias do Mar, “estar preparada para todo, porque pode pasar calquera cousa, a verdade”, unha incerteza ante a que, non obstante, asegurou “durmir estupendamente e estar moi tranquila”. Considera Belén Rubio que os tres equipos que concorren ao proceso electoral á Reitoría “son bos e todos loitamos por ter unha Universidade de futuro, moito mellor e o que vaia a saír será bo para a Universidade”.
A candidata de H2040, que chegou ao edificio de Ciencias acompañada polo reitor, Manuel Reigosa, animou a toda a comunidade universitaria a votar, e de xeito moi especial ao estudantado, ao que recoñeceu “costounos moito chegar”. Rubio dixo que agardaba que a súa participación fose moi alta, “que saiban que poden facer súa a Universidade na dirección que eles queiran e iso é moi positivo”. A candidata a reitora por H2040 explicou que aproveitará o día para traballar e “limpar o meu despacho de vicerreitora de Investigación, no que, pase o que pase, non vou seguir”.
Jacobo Porteiro: “A comunidade ten que falar”
O candidato de ConSenso, que non exercerá o voto ata despois das 18:00 horas pola súa condición de interventor, asegurou esta mañá enfrontar a xornada “con moitas expectativas, ilusión e tamén certa ledicia por estar por fin no momento no que a comunidade ten que falar e escoller entre os diferentes proxectos que representamos”. O candidato de ConSenso que destacou o carácter construtivo da campaña, animou á comunidade universitaria a votar, “teñen a oportunidade agora de escoller o rumbo da Universidade, tanto o PDI, como o PTXAS, pero moi especialmente o estudantado, ao que temos que facerlle un chamamento para que se animen e a súa voz sexa escoitada. Teñen moitísimo peso e temos que escoitalos e para iso teñen que acudir aos centros a manifestar a súa preferencia”.
Sobre a decisión de que a candidatura que encabeza e el mesmo exerzan como interventores e interventoras durante a xornada electoral, Porteiro sinalou que “queremos acompañar aos nosos compañeiros na mesa electoral e tamén estar presentes no proceso e entendíamos que a figura axeitada era identificarnos como interventor para que non houbese ningunha distorsión”.
Carmen García Mateo: “É un día de ledicia”
No caso de Carmen García Mateo exerceu o seu dereito ao voto ás 11.00 horas, entre clase a clase, na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación. “Este era un día moi agardado que levabamos moito tempo esperando”, explicou a candidata nada máis depositar o seu voto na urna. “É un día de ledicia, o traballo está feito e agora agardamos que a comunidade universitaria confíe en nós”, apuntou, ao tempo que animou a todas as persoas chamadas ás urnas a achegarse ás mesas electorais e participar nas votacións, sobre todo ao alumnado, “aínda que sexan datas complicadas para eles e elas en pleno período de exames”, salientou a candidata, quen admitiu que o exame da súa materia será mañá xoves, “polo que tocará pasar a fin de semana corrixindo”.
A candidata de Nós Universidade rematará as clases ás 13.00 horas e, xa pola tarde, tocará agardar resultados “con moita tranquilidade e serenidade e, por suposto, aceptando o resultado, sexa o que sexa, e agradecendo o traballo de todo o meu equipo, toda esas persoas que desde hai máis dun ano confiou neste proxecto”.
Arranque en Ourense chamando á participación
No campus de Ourense, os membros da comunidade universitaria acudiron desde as 10.00 h a exercer o seu voto nalgunha das urnas habilitadas en oito facultades e escolas. En total, están chamadas a votar nestas eleccións 5758 persoas: 4765 alumnas e alumnos de primeiro e segundo ciclo; 354 de terceiro ciclo; 219 PDI-A; 318 PDI-B e 102 PTXAS. Entre elas e eles están as persoas propostas por cada unha das candidaturas á reitoría para ocupar a Vicerreitoría do Campus de Ourense: Francisco Javier Rodríguez Rajo, proposto por Belén Rubio-H2040; Elena Rivo, proposta por Jacobo Porteiro-ConSenso, e Montserrat Cruz, proposta por Carmen García Mateo-Nós Universidade.
Entre as primeiras persoas en votar estivo Francisco Javier Rodríguez Rajo, que no arranque da xornada sinalaba que “desexamos que participe moitísima xente, que a maioría da comunidade universitaria, de todos os sectores, exprese a súa opinión votando e que gañe a mellor opción”. Con esta votación, apuntou, culminan “moitos meses de traballo, facendo programa, reuníndonos con moitísimos colectivos e facendo campaña”. Do mesmo xeito, Elena Rivo, destacaba o seu desexo de que “a participación sexa moi elevada” e de que a persoa elixida “conte co respaldo da maioría”. Apuntando que “todas as candidaturas son boas”, animaba aos diferentes colectivos a votar “pensando no futuro que queren para a Universidade de Vigo”. Igualmente, a profesora poñía en valor nesta xornada todo “o intenso traballo feito estes meses para facer chegar as nosas propostas á comunidade universitaria”. Pola súa banda, Montserrat Cruz apuntaba no arranque do día que a xornada electoral “preséntase interesante, máis interesante que nunca” e sinalaba que “son unhas eleccións moi democráticas porque ao haber tres candidatos, os tres bos candidatos, a Universidade de Vigo sae gañando”. Do mesmo, a profesora tamén comentaba a súa satisfacción polo traballo feito estes meses e poñía en valor o esforzo realizado.
Desexo compartido dunha alta participación
No caso de Pontevedra, un total de 4205 integrantes da comunidade universitaria están chamados este mércores a decidir o nome da nova ou novo responsable da Reitoría, nunhas votacións que se desenvolven en sete mesas electorais, situadas nas diferentes facultades e escolas do campus. Nelas poden exercer o seu dereito ao voto un total de 154 representantes do PDI-A, outros 211 membros do PDI-B, 3490 estudantes de grao e mestrado, outros 258 alumnose alumnas de doutoramento e 92 membros do PTXAS.
No centro co censo máis numeroso do campus, a Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, están chamados á votar as tres persoas candidatas a situarse á fronte da Vicerreitoría do campus. A primeira en facelo foi Sara Domínguez Lloria, de H2040, quen recoñecía afrontar “emocionada e con moitas gañas de traballar” unha xornada “na que esperamos que haxa participación” e que “parece que vai ser intensa”, xa que “ao ser a primeira vez que hai tres candidaturas, tamén hai máis incerteza do que poida pasar”. Por outra banda, tanto Marián Fernández, de Nós Universidade, como José María Cancela, de ConSenso, votarán ás 18.00 horas, coincidindo co peche das urnas, ao exercer ambos como interventores. “Esperamos que a xente se anime a votar, que exerzan o seu dereito, para construír a mellor Universidade posible”, salientaba Fernández ao inicio desta xornada electoral, que recoñecía afrontar con ilusión, ao tempo que incidía na importancia dunha “alta participación” que faga que "neste proceso democrático o que gañe sexa a Universidade”. Cancela, pola súa banda, subliñaba que “o que buscamos é que a comunidade universitaria participe o máximo posible, que é o máis importante”, ao tempo que recoñecía afrontar estas eleccións “con moita ilusión no proxecto”, admitindo que se trata “dunha xornada con certa incerteza, xa que é a primeira vez que hai tres candidaturas”.
