DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Promovida polo Museo de Pontevedra xunto coa Área de Antropoloxía Social e Cultural da UVigo

Unha xornada reflexionará sobre os códigos éticos e estéticos arredor da imaxe da muller

Terá lugar o vindeiro venres 28 de febreiro

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Congresos e xornadas
  • Cultura
  • Igualdade
  • Cultura
DUVI Pontevedra 17/02/2025

A terceira edición do seminario Mulleres, feminismos, canon, que o Museo de Pontevedra organiza en colaboración coa Área de Antropoloxía Social e Cultural da Universidade de Vigo, reflexionará sobre os códigos éticos e estéticos arredor da imaxe da muller. Promovida pola Deputación, a xornada terá lugar o vindeiro venres 28 de febreiro e combinará as conferencias da exiptóloga e profesora da UVigo Iria Souto e do profesor honorario da Universidad Autónoma de Madrid Waleed Saleh Alkhalifa, coas visitas comentadas á colección do museo a cargo dos investigadores Helena Rodríguez Villar e Germán Labrador. 

Baixo o título de Códigos éticos e estéticos ao redor da imaxe da muller. Xuízos de valor e controversias sociais e culturais, este seminario buscará tanto revisar os estereotipos de xénero presentes na arte como as lecturas sobre o rol da muller na historia e no presente, a través dunha análise tanto dos canons estéticos coma dos códigos visuais como construcións culturais e sociais. Coordinado desde o Museo, na organización deste seminario participa desde os seus inicios a investigadora da Universidade de Vigo Fátima Braña, que lembra que se trata dun evento que conecta directamente coa súa liña de investigación “sobre feminismo e patrimonio cultural”, así como coa formación do alumnado da materia Patrimonio cultural, do Grao en Turismo e do Programa Conxunto de Estudos Oficiais (PCEO) Turismo-Historia, da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense, que participarán neste seminario.

A xornada abrirase coa conferencia que Souto Castro, profesora do Departamento de Historia, Arte e Xeografía da UVigo, centrará na visión das mulleres na arte exipcia presente nos museos; e contará tamén cun relatorio de Waleed Saleh Alkhalifa sobre a imaxe da muller árabe e musulmá na sociedade e na cultura. Ademais, a investigadora Helena Rodríguez Villar, membro do Departamento de Educación do Museo, conducirá a visita A represión feminina na Guerra Civil a través da mirada de Castelao, mentres que Germán Labrador, investigador distinguido do CSIC, proporá un percorrido pola colección desta institución a partir das nocións de extracción, capital e violencia.